Emiliano Adrián Insúa Zapata, nado en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1989, é un exfutbolista arxentino, de orixe galega, que xogaba como lateral esquerdo e defensa central.
Formado nas categorías inferiores de Boca Juniors, debutou profesionalmente co Liverpool inglés con tan só 18 anos en 2007. Tras pasar polo Galatasaray e o Sporting de Portugal, fichou en 2013 polo Atlético de Madrid, club co que gañou unha liga, unha Copa do Rei e unha Supercopa de España. Posteriormente xogou no Rayo Vallecano, o VfB Stuttgart e o Los Angeles Galaxy, antes de regresar en 2021 á Arxentina, para fichar xunto co seu irmán polo Aldovisi. Retirouse en 2023, despois dunha última etapa no Racing Club.
Foi internacional coa selección arxentina en cinco ocasións. É irmán do tamén futbolista Emanuel Insúa.
Traxectoria
Orixe e comezos Naceu en Buenos Aires, sendo neto de emigrantes galegos, procedentes do concello de Carral e do lugar de Vilarbetote, no concello lucense de Trabada. É irmán máis vello do tamén futbolista Emanuel Insúa. Comezou a xogar ao fútbol no modesto Pinocho, pasando logo ao Club Parque.
Boca Juniors Sendo aínda neno, entrou nas categorías inferiores do Boca Juniors e no 2007 foi cedido ao Liverpool inglés, nun principio por un período de 18 meses. Máis tarde, o Liverpool FC e o Boca Juniors chegaron a un acordo para cambiar a metade do seu pase polo de Gabriel Paletta, que deste xeito regresou ao club arxentino.
Liverpool O 28 de abril de 2007 debutou na Premier League, da man do adestrador española Rafa Benítez, nun partido contra o Portsmouth en Fratton Park. Durante os seus dous primeiros anos xogou principalmente co equipo reserva co que se proclamou campión da Premier Reserve League en 2008. Anotou o seu único gol co primeiro equipo o 28 de outubro de 2009 ante o Arsenal no Emirates Stadium. Disputou un total de 62 encontros co Liverpool en catro tempadas, seis deles na Liga de Campións.
Cesión ao Galatasaray En agosto de 2010 foi cedido ao Galatasaray, da Süper Lig turca. En Turquía disputou 19 encontros, 14 deles como titular.
Sporting de Portugal En agosto de 2011 foi traspasado ao Sporting de Lisboa, onde asinou un contrato por cinco tempadas. Debutou co club portugués o 15 de setembro na Europa League, marcando o primeiro gol da vitoria por 2-0 sobre o FC Zürich. Militou unha tempada e media no club lisboeta, xogando 66 partidos e marcando 6 goles.
Atlético de Madrid En xaneiro de 2013 foi traspasado ao Atlético de Madrid por 3.500.000 €. O 14 de abril produciuse o seu debut co club do Manzanares na vitoria por cinco a cero ante o Granada correspondente á trixésimo primeira xornada de Liga. Insua saltou ao campo no minuto 71 substituíndo ao brasileiro Filipe Luís. O 17 de maio, o Atlético de Madrid disputou a final da Copa do Rei ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu. A pesar de non xogar ningún partido da competición, Insua foi convocado e puido ver desde o banco como o seu equipo derrotaba na prórroga por 2-1 ao seu rival, proclamándose así campión da competición.
Na tempada 2013/14 continuou como suplente de Filipe Luís, e disputou seis partidos de liga, competición na que o Atlético de Madrid acabou proclamándose campión na última xornada. Ademais, durante esa tempada disputou os seus primeiros partidos coa camiseta do Atlético de Madrid na Copa de Rei e na Liga de Campións, rematando subcampión desta última.
Ao comezo da tempada 2014-15 o equipo proclamouse campión da Supercopa de España aínda que Insúa non foi convocado.
Cesión ao Rayo Vallecano O 1 de setembro fíxose oficial a súa cesión ao Rayo Vallecano por unha tempada. Debutou co seu novo club na terceira xornada da liga de Primeira División, nunha derrota por 1-3 ante o Elche. Marcou o seu primeiro e único gol para o equipo vallecano na xornada 35, contra o Espanyol en Cornellà. Xogou un total de 24 partidos co equipo de Paco Jémez, 21 deles como titular, rematando a tempada na undécima posición.
VfB Stuttgart En xullo de 2015 deixou o Atlético e fichou polo VfB Stuttgart. Debutou co equipo alemán o 8 de agosto na primeira rolda da Copa de Alemaña fronte ao Holstein Kiel, partido que acabou con vitoria por 1-2. Oito días despois debutou na Bundesliga, na derrota por 1-3 contra o Köln. Disputou 33 encontros na súa primeira tempada na Bundesliga, na que o club acabou descendendo á 2. Bundesliga. Con todo, proclamouse campión da segunda división na campaña seguinte, na que participou en 34 encontros, volvendo así á máxima categoría. Xogou no club alemán ata xaneiro de 2020, disputando un total de 135 partidos, con 3 goles e 14 asistencias.
Los Angeles Galaxy En xaneiro de 2020 foi traspasado ao Los Angeles Galaxy, da MLS, co que disputou 22 encontros durante o ano.
Aldosivi En febreiro de 2021 regresou á Arxentina, fichando polo Aldosivi de Mar del Plata. Foi presentado xunto co seu irmán Emanuel, coincidindo ambos no mesmo equipo por primeira vez. Disputou 20 encontros co equipo na Liga Profesional e 5 na Copa da Liga.
Racing En xaneiro de 2022 asinou como novo xogador do Racing Club. Militou dous anos no club de Avellaneda, co que disputou 61 partidos oficiais, gañando un Trofeo de Campións e participando tanto na Copa Suramericana como na Libertadores. Ao remate da tempada 2023 anunciou a súa retirada do fútbol.
Selección nacional Foi internacional coas categorías inferiores da selección arxentina e proclamouse campión do mundo no Mundial sub-20 disputado no Canadá en 2007.
O 10 de outubro de 2009 debutou coa selección arxentina absoluta, da man do seleccionador Diego Armando Maradona. Foi nunha vitoria por 2-1 contra o Perú nun partido de clasificación para o Mundial de 2010. Disputou un total de catro partidos entre 2009 e 2011. En 2017, despois de anos de ausencia, foi de novo convocado polo seleccionador Jorge Sampaoli para dous amigables contra Nixeria e Rusia, tras lesionarse Lucas Biglia.
Palmarés Liverpool Premier Reserve League (1): 2008.
Atlético de Madrid Primeira división de España (1): 2013/14. Copa do Rei (1): 2012/13. Supercopa de España (1): 2014.
VfB Stuttgart 2. Bundesliga (1): 2016/17.
Racing Club Trofeo de Campións (1): 2022.
Arxentina sub-20 Copa do Mundo sub-20 (1): 2007.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1989 Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores do Liverpool FC Categoría:Xogadores do Galatasaray SK Categoría:Xogadores do Sporting Clube de Portugal Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do VfB Stuttgart Categoría:Xogadores do Los Angeles Galaxy Categoría:Xogadores do CA Aldosivi Categoría:Xogadores do Racing Club de Avellaneda Categoría:Wikipedia:Páxinas con traducións non revisadas