O chalé Antón, tamén coñecido como casa Antón, é un edificio de estilo modernista, proxectado na cidade de Ferrol polo arquitecto galego Rodolfo Ucha Piñeiro en 1918. A casa, destinada a vivenda particular, foi un encargo de Emilio Antón Iboleón, comerciante e alcalde da cidade en diferentes lexislaturas.

Características O edificio constaba orixinariamente dun semisótano, planta baixa, primeiro piso e segunda planta baixo-cuberta. Con todo, unha reforma executada en 1960 alterou a súa imaxe e volumetría ao engadírselle unha altura máis, que eliminou o xogo de cubertas e bufardas, características orixinais que lle outorgaban unha especial singularidade.

Na fachada destacan a decoración dos vans, especialmente nos guardapolvos e parte inferior dos antepeitos. E moi particularmente o miradoiro hexagonal situado na esquina, con amplas xanelas de carpintaría de madeira, inequivocamente modernistas, rematado por un estilizado chapitel. A entrada ao edificio prodúcese a través dun patio de clara inspiración andaluza, co que Emilio Antón lembraba a terra da súa muller. Destacan igualmente as marquesiñas de vidro montadas sobre forxa, e o cerramento da leira con machones e reixes de coidado deseño. A edificación pertence ao conxunto histórico-artístico do barrio da Magdalena e á ruta modernista de Ferrol. Na actualidade, o edificio é sede do Colexio «Jesús Maestro» das Discípulas de Jesús.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Teatro Jofre Casa Pereira Chalé de Canido

Categoría:Arquitectura civil en Ferrol