OINK! é unha revista en lingua galega, publicada en 2013. De periodicidade mensual, saíron ao mercado cinco números, a un prezo de 3 euros. A editora foi a empresa Agalip, de Bertamiráns (Ames), con licenza da Televisión de Galicia. Estaba dirixida a nenos dos seis aos quince anos, e os contidos baseados no programa Xabarín Club. O 10 de agosto de 2013 foi presentada no salón de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, na carpa dos xardíns de Méndez Núñez na Coruña, asistindo Marcos Ferreira Sanmamed, responsábel da publicación; Rosa Vilas, directora xerente da TVG; Yolanda Sánchez, editora xefa da publicación, e Kiko da Silva, responsábel da banda deseñada. Logo foi presentada tamén no Culturgal dese ano.
Colaboradores miniatura|Miguelanxo Prado, autor das capas e contidos interiores, na época da revista Na iniciativa participaron escritores e autores de banda deseñada como Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Kohell, Victor Rivas, Pinto & Chinto, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, e Andrés Meixide entre outros. Miguelanxo Prado foi o autor da capa, ademais de ilustracións interiores. Varios dos autores participaran tamén na revista Golfiño, unha incursión previa do Xabarín na banda deseñada. A revista estaba dirixida por Marcos Ferreira Sanmamed, sendo a redactora xefa da revista Yolanda Sánchez Fidalgo, Ana López López como editora, María Villasó en corrección de contidos; o seu consello de redacción estaba formado por Fátima García Doval e Lucia Castro Díaz. A maquetación facíana Heitor Real Arregui e Oscar Seijas. Colaboraban Silvia López Gómez na sección "Pasatempos" e Jorge del Oro e Montse Rego na sección "Fedellando".
Contidos Presentada cun obxectivo de entretemento alternativo á cultura dos superheroes, con fins didácticos e perspectiva galega e universal. Tamén pretendía recuperar o espírito do Xabarín Club e impulsar novas bandas musicais.
Alén dos novos contidos, recuperáronse personaxes da revista Golfiño, como Fiz de Kiko da Silva, Os Escachapedras de Marilar Alexandre e Fran Bueno e continuaron outras series.
Número 0 Revista con capa e contracapa a cor, encadernación con grampas e 48 páxinas interiores a cor e encadernación. "Territorio OINK!", presentado por Xabarin, a través dunha ilustración de Miguelanxo Prado, contidos lúdicos e didácticos, e historietas de "As viaxes de Iria", "Os Escachapedras", "Fiz", "Bup & Tap", "Tulpa", "O subterráneo verde do Prof. Sartán", "Legendë", "Mouchos, Catuxas, Sapos e Bruxas", "Tito Longueirón" etc.
Número 1 "Territorio OINK!" con ilustración de Miguelanxo Prado, na que se mostraba o seu personaxe facendo un grafiti (tema dun dos apartados deste número); apartados lúdico, divulgativo e didáctico, coas seccións "Satélite Xabarín", "Pensatempos", "andas na onda?" (Operación Rescate no océano), "A memoria, a Biblioteca dos Recordos" presentada por un dos personaxes da serie de debuxos animados Era unha vez... da produtora Procidis; "Imaxe do mes", bandas deseñadas de varios autores como Pinto & Chinto, Miguel Robledo, e a sección "Aprende a debuxar cómics con Fiz", de Kiko da Silva.
Número 2 Número dedicado ao Samaín, coas seccións e colaboradores habituais, ademais de ilustracións de nenos gañadores do concurso "Ollo ao tesouro" do número anterior e da sección "Hai alguén aí?", con preguntas dos rapaces como "E para que serve o embigo?", "Por que os mosquitos lles pican a uns e a outros non?", "Como se fan as teas de araña?" ou "Porque teño cera nas orellas?".
Número 3 Número dedicado ao outono, coas seccións e series de BD habituais, e unha sección con descrición de obras que serían representadas en Ourense, como O soldadiño de chumbo (teatro), O Kikirixote, aventuras e desventuras dun galo de curral (monicreques), O príncipe e o parrulo, Ilusionante (ilusionismo), O señor das Dunas (teatro), Don Gelati no teatro (teatro), Amadú (teatro), A historia do Apalpador (monicreques) e La vuelta al mundo (teatro).
Número 4 Número dedicado ao Nadal, coas series e seccións habituais, e "Novo no cortello!" na que se ofrecía unha mostra de novidades de libros infantís e xuvenís, ilustrados e de banda deseñada, videoxogos, aplicacións para móbiles, e estreas de cine dirixidas á mocidade; unha pequena recensión de cada un, incluíndo o nome da editorial e os seus autores principais, prezo e a idade recomendada etc.
Problemas para a continuidade En xaneiro do 2014 iniciaron a campaña de mecenado OINK! unha revista para a rapazada galega en Verkami, aínda que en marzo só acadaran uns 8 000 dos 36 000 € que precisaban para continuaren o proxecto.
Notas
Véxase tamén Outros artigos BD Banda Polaqia O Garaxe Hermético A Viñeta de Schrödinger
Ligazóns externas REVISTA OINK! - YouTube Culturgal 2013. Revista Oink! A revista do Xabarín Club - YouTube
Categoría:Revistas de banda deseñada editadas en Galicia Categoría:Xabarín Club Categoría:Revistas en lingua galega Categoría:Revistas de España desaparecidas