Infesta é un lugar da parroquia de Infesta, no concello ourensán de Monterrei, na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2022 tiña 76 habitantes (39 homes e 37 mulleres).
Xeografía e acceso esquerda|miniatura|215x215px|Vista da aldea de Infesta. Ao fondo, a Igrexa de San Vicenzo A aldea atópase no val de Monterrei, a unha altitude de 442 m sobre o nivel do mar. Está franqueada polos seus extremos leste e oeste polos montes da serra de Meda, e polo seu extremo sur continúase co resto do val. O seu extremo norte mira cara a zona máis elevada da depresión de Monterrei.
Está atravesada polo río Rubín, un dos afluentes do río Búbal. Ao seu paso pola aldea é encorado, orixinándose unha balsa de auga que se emprega como zona de baño. Na entrada de Infesta, o Rubín recibe o río de Rebordondo, un dos seus afluentes. No curso deste último están as fervenzas da Lama.
As terras que rodean ao río son fértiles, e son idóneas, ao igual que o resto do val, para o cultivo da vide, a pataca e o trigo.
Chégase mediante o desvío á esquerda desde a estrada N-525, xa sexa desde Albarellos ou desde Guimarei.
Historia O topónimo galego Infesta é un orónimo que indica un terreo irregular con bastante pendente. Outras orixes posibles do topónimo, neste caso o termo "Infesta", poderían acharse na presenza na localidade dun hospital de leprosos, onde eran tratados os peregrinos que padecían a enfermidade (os "infestados").
Cara a 1920 a aldea sufriu unha inundación logo de que o río desbordase, o que se repetiu en 2019. Consérvanse tres muíños hidráulicos, e canalizacións de auga (hoxe inservibles) na contorna da localidade que datan de 1918. A aldea contou, ata 1973, cunha escola para os rapaces e rapazas, e esta era atendida por mestres que se desprazaban diariamente dende a veciña Verín. Tamén chegou a ter tres bares.
O 3 de xullo de 1987 produciuse un accidente no km 275 da N-525, cando un autobús que transportaba un grupo de xubilados oscenses que viñan de facer unha excursión por Galicia saía despedido por un terraplén e acababa a poucos metros da aldea, deixando 38 mortos. Os veciños da localidade colaboraron todo o que puideron nas labores de rescate.
En 2021 a aldea de Infesta foi escollida (xunto a outras 14 localidades) pola Xunta de Galicia como aldea modelo.
Patrimonio miniatura|221x221px|O lombelo A igrexa de San Vicenzo foi construída entre os séculos XVI e XVIII, e conserva a parede norte de estilo románico, coa inscrición "Esta obra se hizo siendo abad Don Valentín Diéguez Montesinos". A fachada de poñente conta cun óculo circular sobre a porta. Os vértices están rematados por pináculos. Accédese ao templo pola porta de estilo gótico, tamén na parede norte. No interior ten pinturas renacentistas, e unha tumba nunha das paredes interiores, que acolle os restos dun bispo. A igrexa de Infesta ardeu no incendio do verán de 2005, onde se perderon o altar maior, o teito e a maioría das imaxes dos santos. Foi nas posteriores labores de reconstrución cando se redescubriron as pinturas renacentistas.
O patrón de Infesta é San Vicenzo de Huesca, cuxa festividade se celebra o 22 de xaneiro. Na súa honra realízase unha procesión arredor da igrexa. Celébrase tamén o Corpus Christi, momento en que se cobren as rúas con pétalos, follas de fentos e ramos de estraloques para recibir o pasarrúas.
No apartado da gastronomía, da localidade de Infesta é propio o lombelo, nome que recibe o costelar de porco cando é asado a lume lento e aderezado con fariña de millo.
Lugares e parroquias Lugares de Infesta
Parroquias de Monterrei
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Monterrei
Categoría:Lugares de Monterrei