Francisco Cagigao Souto, coñecido como Francis, nado en Paddington o 11 de novembro de 1969, é un exfutbolista, adestrador e dirixente deportivo anglo-galego.
Formouse na canteira do Arsenal e xogou no Barcelona B, Racing de Santander, Southend United, Racing de Ferrol, Yeclano Deportivo e Lemos. Trala súa retirada foi adestrador do Lemos e traballou durante 24 anos no Arsenal, ocupando diferentes cargos relacionados coa observación e a captación de novos xogadores para o club. Entre 2020 e 2022 exerceu como director deportivo da Federación de Fútbol de Chile.
Traxectoria
Como futbolista Naceu en Paddington, na Cidade de Westminster, sendo fillo de dous inmigrantes da Coruña. Seu pai Paco, natural do barrio da Torre, fora porteiro de fútbol e defendera entre outras as porterías do Victoria, o Fabril e o Viveiro entre finais dos anos 50 e comezos dos 60. Súa nai era natural das Lagoas, en Monte Alto.
Durante a súa infancia xogaba simultaneamente en varios equipos londinienses, un deles o Deportivo Galicia, que adestraba seu pai. Aos 16 anos ingresou na canteira do Arsenal, onde permaneceu ata que en 1988 fichou polo Barcelona Atlètic, co que debutou na Segunda División nun partido contra o Castellón. Marcou o seu único gol co filial barcelonista nun encontro da Copa do Rei fronte ao Racing de Santander, no que bateu ao gardameta Paco Liaño. Precisamente o Racing foi o seu seguinte equipo, aínda que dispuxo de poucos minutos no club cántabro.
En 1991 regresou a Inglaterra e militou dúas campañas co Southend United na Segunda División inglesa. En 1993 chegou a Galicia, onde asinou co Racing de Ferrol de Fernando Vázquez, que militaba por aquel entón na Segunda División B. Disputou 27 encontros co club verde, marcando 3 goles, e a continuación fichou polo Yeclano, da mesma categoría, onde foi titular durante case todos os partidos da tempada 1994/95.
Tras sufrir unha grave lesión nun nocello, instalouse en Monforte de Lemos, terra da súa muller, e alí fichou polo Lemos, que xogaba en Preferente. Militou catro tempadas no club monfortino, as tres últimas na Terceira División, despois de lograr o ascenso na 1995/96.
Como adestrador e observador Tras colgar as botas comezou a súa etapa como observador do Arsenal. Compaxinou este labor co de adestrador e dirixiu durante dúas tempadas os xuvenís do Calasancio de Monforte, cos que logrou o ascenso á Liga Nacional. En maio de 2000 foi anunciado como novo adestrador do Club Lemos, na Terceira División. Na súa primeira tempada á fronte, o club acadou o oitavo posto final, mentres que na segunda realizou unha das mellores campañas da súa historia, clasificándose para disputar a promoción de ascenso a Segunda B. Con todo, na tempada 2002/03 non puido repetir os bos resultados e acabou dimitindo en marzo.
Traballou durante 24 anos no Arsenal, 21 deles con Arsène Wenger, e logo con Unai Emery e Mikel Arteta, ocupando diferentes cargos relacionados coa observación e captación de novos xogadores. Estivo involucrado nas fichaxes de xogadores como Lauren, Cesc Fábregas, José Antonio Reyes, Santi Cazorla, Nacho Monreal, Mikel Arteta, Emiliano Martínez, Granit Xhaka, Alexis, Carlos Vela, Héctor Bellerin ou Robin van Persie entre outros. Tamén exerceu como instrutor na Real Federación Española de Fútbol e entrou na xunta directiva do club canadense 1812 FC Barrie.
En decembro de 2020 converteuse no director técnico da Federación de Fútbol de Chile, cargo de nova creación, e contratou a Martín Lasarte como adestrador da selección chilena. Exerceu o cargo durante dous anos, regresando a Monforte en xaneiro de 2023.
Palmarés Arsenal FA Youth Cup (1): 1988.
Racing de Santander Segunda División B (1): 1990/91.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Francis Cagigao en Twitter
Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados en Londres Categoría:Futbolistas de Inglaterra Categoría:Futbolistas de Galicia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Southend United FC Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Yeclano Deportivo Categoría:Xogadores do Club Lemos Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Adestradores de fútbol de Inglaterra Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Club Lemos Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia