Valeria Raquel Mazza, nada en Rosario o 17 de febreiro de 1972, é unha supermodelo e empresaria arxentina. Mazza acadou o éxito na década de 1990 e converteuse nun nome coñecido despois de aparecer na portada do número de baño de Sports Illustrated de 1996 xunto con Tyra Banks. Mazza traballou con deseñadores como Gianni Versace e Roberto Cavalli.

Traxectoria Mazza naceu en Rosario, na provincia de Santa Fe, filla de Raúl Mariano Mazza Ceriani e Mónica Ferreira, e foi criada en Paraná, Entre Ríos. A súa carreira comezou aos catorce anos cando foi descuberta por Roberto Giordano e aos dezaseta anos marchou a Buenos Aires para estudar terapia ocupacional. Ao longo da súa carreira desfilou para as marcas internacionais máis importantes: Valentino, Armani, Fendi, Dolce & Gabbana, Versace, Victoria's Secret, Christian Dior, Tommy Hilfiger, Ralph Lauren, Gianfranco Ferré, Donna Karan ou Cavalli entre outras.

Mazza traballou tamén como actriz, presentadora de televisión e embaixadora de marca. Como empresaria creou a liña de perfumes VM Beauty, a súa propia revista Valeria Mag e creou unha compañía de lentes (Valeria Mazza Eyewear) e unha produtora. Ademais promoveu causas humanitarias, destacando o seu traballo con Special Olympics, UNICEF e a unidade de pediatría do Hospital Universitario Austral de Pilar, Buenos Aires.

Mazza continuou a ser unha figura da moda latinoamericana, e foi considerada a modelo máis importante da historia da Arxentina.

Vida persoal O 9 de maio de 1998, Mazza casou co empresario Alejandro Gravier na Basílica do Santísimo Sacramento en Retiro, Buenos Aires; a recepción da voda tivo lugar no Hipódromo Argentino de Palermo con 1500 convidados. A parella tivo catro fillos: Balthazar (n. 1999), Tiziano (n. 2002), Benicio (n. 2005), e Taína (n. 2008). Residen en Buenos Aires. A parella é a dona de Finca Valeria, unha propiedade de vacacións en La Barra, preto de Punta del Este, Uruguai, onde cada verán celebran unha importante festa con convidados famosos.

En 2008, ela e o seu marido estiveron baixo investigación pola Administración Federal de Ingresos Públicos por suposta evasión de impostos por valor de dous millóns de dólares.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web Valeria Mazza en Fashion Model Directory

Categoría:Nados en Rosario Categoría:Nados en 1972 Categoría:Modelos femininas da Arxentina