Eduardo José Ramos Verde, nado en San Cristóbal de la Laguna o 13 de marzo de 1967, é un exfutbolista canario, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria Tras xogar co Güimar en Terceira División, fichou en 1987 polo Tenerife, co que debutou na Segunda División na campaña 1987/88, nun partido contra o Hércules. Na seguinte tempada xogou cedido no Marino, da Segunda División B, marcando 10 goles en 33 partidos.
Regresou a continuación ao Tenerife, que viña de ascender á Primeira División. Debutou na máxima categoría nun partido contra o Zaragoza na Romareda, e xogou 20 partidos de liga durante a tempada 1989/90, marcando un gol ante Osasuna. O equipo rematou antepenúltimo na táboa, tendo que xogar unha promoción de permanencia contra o Deportivo da Coruña de Arsenio Iglesias. O partido de ida en Tenerife acabou 0-0, mentres que na volta en Riazor un gol seu na prórroga deulle o triunfo ao equipo canario e permitiulle seguir un ano máis en Primeira.
Na tempada 1990/91 xogou 21 partidos de liga, anotando outro gol. Sen continuidade no Tenerife, no verán de 1991 fichou pola UD Las Palmas, coa que descendeu a Segunda B. A continuación pasou dúas tempadas no Realejos antes de regresar ao equipo grancanario, co que completou unha boa campaña na tempada 1994/95, con 17 goles en 31 partidos de liga, sendo o terceiro máximo goleador do Grupo I da Segunda B, só por detrás de Javi Prendes e do seu compañeiro Rafa. Na seguinte tempada conseguiu o ascenso a Segunda como campión do grupo, e pasou a continuación a xogar no Gáldar, tamén de Segunda B. Pechou a súa carreira no Universidad de Las Palmas, onde xogou tres anos, logrando un novo ascenso a Segunda no segundo deles.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador no sitio web oficial do CD Tenerife . Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2010.
Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados en San Cristóbal de La Laguna Categoría:Futbolistas das Canarias Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Xogadores do Universidad de Las Palmas CF