Vicente Cantatore Socci, nado en Rosario o 6 de outubro de 1935 e finado en Valladolid o 15 de xaneiro de 2021, foi un futbolista e adestrador arxentino-chileno.
Traxectoria Comezou a súa carreira futbolística no Talleres de Córdoba, militando a continuación tres anos en San Lorenzo, e outro en Tigre. En 1960 abandonou o seu país natal para xogar en Chile cos Rangers de Talca.
En 1963 fichou polo Santiago Wanderers, club que pagou 80 millóns de escudos polo seu traspaso, unha elevada cifra para a época. Xogou durante sete tempadas co club santiaguino, conseguindo o campionato chileno en 1968. En 1970 pasou ao Deportes Concepción onde, despois de tres tempadas, puxo fin a súa carreira como futbolista.
Como adestrador
Comezos en Chile Comezou a súa carreira como adestrador no mesmo club no que se retirou como futbolista, o Deportes Concepción. Posteriormente sentou no banco do Lota Schwager e tivo un breve paso polo Audax Italiano, interrompido prematuramente pola súa dimisión.
En 1980 converteuse en adestrador do Cobreloa, club fundado só tres anos antes. Na súa primeira tempada como técnico do club proclamouse campión da Primeira División, mentres que na seguinte obtivo o subcampionato e levou o equipo ata a final da Copa Libertadores. Na final continental enfrontouse ao Flamengo brasileiro, perdendo o partido de ida no Maracanã e gañando o de volta no Estadio Nacional de Santiago de Chile. Disputouse entón un partido de desempate no Estadio Centenario de Montevideo, onde a vitoria foi para o Flamengo por 2-0, os dous tantos obra de Zico.
En 1982 gañou o seu segundo título nacional e participou por segundo ano consecutivo na Copa Libertadores, chegando de novo á final, desta vez ante o Peñarol uruguaio. Tras empatar sen goles na ida en Montevideo, no partido de volta disputado en Santiago impúxose o Peñarol cun solitario gol de Fernando Morena.
Continuou outras dúas tempadas máis á fronte do club, acadando bos resultados: en 1983 o seu equipo quedou en segunda posición por detrás do campión, Colo-Colo, e en 1984 obtivo o cuarto posto.
Os resultados obtidos co Cobreloa fixeron que a Federación Chilena o contratase para o banco da selección chilena en 1984. Con todo, dirixiu ao combinado nacional durante un só partido, abandonando o cargo por desavinzas cos dirixentes da federación.
Primeiras experiencias europeas En 1985 trasladouse a Europa para aceptar a oferta do Real Valladolid. Na súa primeira tempada no equipo (1985/86) completou a liga de Primeira División cun décimo posto final. Con todo, deixou o club ao pouco de comezar a seguinte campaña, despois da primeira xornada. Regresou para a tempada 1987/88, na que acabou a liga na oitava praza. Na tempada seguinte clasificou o equipo no sexto lugar da liga, mentres que na Copa do Rei guiouno ata a segunda final da súa historia, despois de eliminar nas semifinais ao Deportivo da Coruña de Arsenio Iglesias, grazas a un gol na prórroga de Manolo Peña. Na final, celebrada no Vicente Calderón, enfrontouse ao Real Madrid, sendo a vitoria para o equipo branco, cun solitario tanto de Rafael Gordillo. O subcampionato de Copa deulle ao equipo o dereito a disputar a Recopa de Europa por primeira e única vez na súa historia. Durante a súa etapa no Valladolid fixo debutar a Fernando Hierro, futuro capitán do Real Madrid e da selección española.
En 1989 chegou ao banco do Sevilla, ao que dirixiu durante dous anos. No primeiro deles, con xogadores como Dasaev, Manolo Jiménez ou o austríaco Anton Polster, este último autor de 32 goles, o equipo conseguiu un sexto posto que lle valeu a clasificación para a Copa da UEFA. Para a tempada 1990/91 o Sevilla reforzouse co chileno Iván Zamorano. Rematou o campionato de liga na oitava posición e foi eliminado na Copa da UEFA en oitavos de final polo Torpedo Moscova.
Regreso a América do Sur Trala súa primeira experiencia europea, o técnico regresou á súa terra adoptiva, Chile, onde foi contratado polo Universidade Católica, un dos equipos máis destacados de Chile. Co club da capital gañou unha Copa Chile en 1991 superando na final ao seu antigo equipo, o Cobreloa, por 1-0, cun gol de Percudani. Na liga o equipo foi terceiro e gañou a Liguiña Pre-Libertadores, un torneo oficial chileno que lle deu a clasificación para a Copa Libertadores.
Despois de só unha tempada, volveu cambiar de banco, pasando ao do Rosario Central, club da súa cidade natal. A experiencia no campionato arxentino resultou problemática e despois de só un ano regresou a Chile para adestrar ao flamante campión nacional, o Colo-Colo. A permanencia no club santiaguino foi curta, debido á eliminación sufrida na Copa Libertadores de 1994 a mans dos colombianos do Junior de Barranquilla, o que provocou a súa destitución.
Segunda aventura ibérica En 1994 volveu cruzar o océano Atlántico para traballar de novo en España, como adestrador do Tenerife. Estivo unha tempada á fronte do club canario, completando a liga 1994/95 na 15ª posición.
En 1996 comezou a súa terceira etapa no banco do Real Valladolid, como substituto do cesado Rafa Benítez. Colleu o equipo na derradeira posición, a 6 puntos da salvación, e conseguiu a permanencia ao rematar 16º. Na campaña 1996/97 acadou o sétimo na liga, clasificando o equipo para a Copa da UEFA por segunda vez na historia do club. O seu labor no banco valisoletano valeulle o premio Don Balón como mellor adestrador de España. No ano seguinte dirixiu o Valladolid só nas primeiras tres xornadas, deixando o cargo por tensións coa directiva.
En decembro de 1997 aceptou a oferta do Sporting de Lisboa, pero deixou o club un par de semanas despois, de novo por problemas coa dirección do club. Durante a súa breve etapa en Portugal dirixiu o seu único partido na Liga de Campións, enfrontándose ao Lierse no estadio José Alvalade, vencendo por 2-1.
No verán de 1998 volveu adestrar na Primeira División española, poñéndose á fronte do Betis, que viña de se reforzar con futbolistas como Denílson ou Benjamín. Cantatore chegou ao equipo a só tres días do inicio do campionato, trala dimisión do anterior técnico, António Oliveira. A pesar dos grandes gastos en fichaxes, o Betis non conseguiu a primeira vitoria ata a quinta xornada, e Cantatore acabou dimitindo a finais de outubro, despois de saír goleado por 5-1 de Mestalla, co equipo na última praza. A decepción sufrida en Sevilla levou ao técnico a anunciar a súa retirada do mundo do fútbol.
Últimos anos e retiro definitivo Despois dun ano de pausa recibiu unha oferta do Sporting de Gijón, na Segunda División, polo que decidiu regresar aos bancos. Dirixiu o equipo asturiano durante vinte partidos da tempada 2000/01, antes de dimitir por sorpresa tras conseguir un triunfo ante o Atlético de Madrid.
A continuación decidiu retirarse definitivamente do mundo do fútbol a pesar de ter recibido algunhas ofertas de clubs como a Sampdoria ou o Cruz Azul.
Vida persoal Recibiu a cidadanía chilena, país ao que se trasladou en 1960. Estivo casado durante moitos anos con Nelly Erbetta, coa que tivo un fillo, Marcelo.
Palmarés
Como xogador Santiago Wanderers Primeira División de Chile (1): 1968.
Como adestrador Cobreloa Primeira División de Chile (2): 1980, 1982. Liguiña Pre-Libertadores (1): 1981.
Universidad Católica Copa Chile (1): 1991. Liguiña Pre-Libertadores (1): 1991.
Individual Premio Don Balón ao mellor adestrador (1): 1997.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Rosario Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Futbolistas de Chile Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Tigre Categoría:Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro Categoría:Xogadores do Rangers de Talca Categoría:Xogadores do Club Deportes Concepción Categoría:Xogadores do Talleres de Córdoba Categoría:Xogadores do Santiago Wanderers Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores de fútbol de Chile Categoría:Adestradores do Club Deportes Concepción Categoría:Adestradores do CD Cobreloa Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Chile Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do Sevilla FC Categoría:Adestradores do Club Deportivo Universidad Católica Categoría:Adestradores do CA Rosario Central Categoría:Adestradores do Club Social y Deportivo Colo Colo Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Sporting Clube de Portugal Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Sporting de Gijón