Jair da Costa, nado en Santo André, São Paulo, o 9 de xullo de 1940, e finado en Osasco o 26 de abril de 2025, foi un futbolista brasileiro, que xogaba como dianteiro. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Inter de Milán, formando parte do chamado Grande Inter, que conquistou numerosos títulos na década de 1960, baixo a batuta do adestrador Helenio Herrera. Foi campión do mundo coa selección brasileira en Chile 1962, aínda que non chegou a debutar no torneo.
Traxectoria Orixinario de Santo André, trasladouse a Osasco aos oito anos. Debutou como futbolista nas filas do Portuguesa de São Paulo. As súas actuacións con este equipo atraeron o interese dos clubs europeos e no verán de 1962 o Milan e Inter competiron pola súa fichaxe, ata que os rossoneri se decantaron polo seu compatriota Germano. A fichaxe de Jair polo Inter viuse, con todo, atrasada pola presenza no equipo do galego Luis Suárez e do inglés Hitchens, que ocupaban as dúas únicas prazas de estranxeiros que permitía o regulamento da época. Finalmente, o traspaso do británico no outono permitiu a contratación oficial do brasileiro.
Debutou na Serie A nun partido contra o Genoa, marcando o seu primeiro gol aos 2 minutos de xogo. Foi a elección preferida por Helenio Herrera para a banda dereita durante o resto da tempada, por diante de Bicicli, e tivo un papel destacado nos contragolpes do equipo. Con 10 goles, contribuíu á remontada na clasificación do Inter, que gañou o scudetto ao final do torneo.
Co equipo milanés da época, que pasou á historia co nome de Grande Inter, Jair gañou outros dous títulos de liga, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Foi o autor do primeiro gol do Inter na Copa de Europa, en 1963 fronte ao Everton, e nesa mesma edición marcou dous goles máis nos cuartos de final e outro nas semifinais.
O 27 de maio de 1965 marcou o gol decisivo para a conquista da segunda Copa de Europa na final disputada en San Siro contra o Benfica de Mário Coluna e Eusébio. Na tempada 1967/68 xogou cedido á Roma, antes de regresar ao Inter, co que gañou o seu cuarto título de liga na 1970/71.
Preto do final da súa carreira, regresou ao Brasil para xogar no Santos, onde foi compañeiro de Pelé, e co que gañou o Campionato Paulista en 1973. Pechou a súa carreira no Canadá, nas filas do Windsor Star.
Selección brasileira Con Garrincha como titular no seu posto na selección brasileira, só puido ser internacional nun encontro amigable ante Gales, que o Brasil gañou 3-1. Foi parte do combinado brasileiro no Mundial de 1962, pero non chegou a debutar na competición.
Palmarés Inter de Milán Serie A (4): 1962/63, 1964/65, 1965/66, 1970/71. Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65. Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
Santos Campionato Paulista (1): 1973.
Brasil Copa do Mundo (1): 1962.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en national-football-teams.com . Datos do xogador en worldfootball.net .
Categoría:Nados no estado de São Paulo Categoría:Nados en 1940 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Associação Portuguesa de Desportos Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Santos FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial Categoría:Finados en 2025