Stefano Desideri, nado en Roma o 3 de xullo de 1965, é un exfutbolista italiano, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria Alcumado Cicciobello, formouse nos equipos xuvenís da Roma, proclamándose campión de Italia xuvenil na tempada 1983/84, con Romeo Benetti como adestrador. No verán de 1984, xunto co seu compañeiro Marco Savorani, foi cedido ao Piacenza, onde xogou unha tempada, quedando preto do ascenso á Serie B. De volta na capital pasou a formar parte do primeiro equipo, dirixido por Sven-Göran Eriksson. Disputou só 7 partidos na Serie A, competición na que debutou o 12 de xaneiro de 1986, nun partido ante o Udinese. Atopou máis protagonismo na Copa Italia, xogando case todos os partidos e marcando tres goles, un deles na final que o seu equipo lle gañou á Sampdoria.
A partir de 1986, a pesar dos problemas co seu carácter, foi usado con máis frecuencia por Nils Liedholm, colocado na banda ao lado de Giuseppe Giannini e Carlo Ancelotti. Trala marcha deste último ao Milan, fíxose coa titularidade, formando parella central no medio do campo con Giannini. En 1989, coa chegada de Luigi Radice ao banco, estableceuse definitivamente na posición de centrocampista central tivo a súa mellor tempada goleadora, con 10 goles en liga. Na tempada 1990/91, baixo a batuta de Ottavio Bianchi, gañou a súa segunda Copa de Italia e foi finalista da Copa da UEFA, perdendo ante o Inter de Milán.
Ao remate da tempada foi traspasado precisamente ao Inter, por 7.000 millóns de liras, nunha operación na que entrou tamén a Juventus como copropietario, e pola que ademais Giovanni Trapattoni pasou ao banco de Turín. As súas actuacións en Milán non foron as esperadas, e pasou boa parte da tempada como suplente. A súa mala relación co adestrador Corrado Orrico primeiro, e máis tarde co seu substituto, o galego Luis Suárez, empeoran as cousas. En marzo de 1992, despois de marcar un gol contra o Napoli, dirixiuse ao banco e insultou a Suárez, sendo sancionado e multado polo club. Na tempada 1992/93, despois de xogar os 4 primeiros partidos de liga cos nerazzurri, foi vendido ao Udinese como contrapartida no acordo que levou a Antonio Manicone ao Milan. En Friúl foi reconvertido por Albertino Bigon como líbero, e marcou o gol decisivo na última xornada ante a Roma, que permitiu aos friulanos acceder á promoción de permanencia que logo gañaron ante o .
Na tempada seguinte, coa venda de Dell'Anno, foi colocado inicialmente no papel de creador, pero máis tarde o adestrador Azeglio Vicini volveu poñelo na defensa, o que provocou as críticas do presidente Giampaolo Pozzo, que acabou apartando a Desideri do equipo. Foi reintegrado pouco despois, e descendeu xunto co resto do equipo á Serie B, regresando á máxima categoría en 1995. Nos dous anos seguintes, tras algúns desacordos tácticos co adestrador Alberto Zaccheroni, vestiu o brazalete de capitán e acadou a clasificación para a Copa da UEFA na tempada 1996/97, nun ano no que se viu afectado polas lesións.
En xaneiro de 1998 foi contratado polo Livorno, na Serie C1, grazas en parte á amizade que o unía ao adestrador Paolo Stringara. Despois de cinco malos primeiros meses, recuperou a súa condición física e tivo algunhas boas actuacións na parte final do campionato, xogando a promoción de ascenso, pero perdendo na final ante o Cremonese. Ao final da tempada o seu contrato non foi renovado e puxo fin a súa carreira deportiva.
Selección italiana Foi convocado por Azeglio Vicini para a Eurocopa sub-21 de 1986, na que Italia perdeu a final contra España na quenda de penaltis. Desideri marrou un dos lanzamentos. Dous anos despois foi convocado por Francesco Rocca para representar a Italia nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl. Disputou 3 partidos olímpicos e marcou un gol no encontro inaugural ante Guatemala. Trala derrota por 4-0 ante Zambia, e as posteriores polémicas, foi excluído do equipo.
Adestrador En 1999 pasou a ser segundo adestrador de Giuliano Sonzogni no Lugano suízo. No ano 2000 foi contratado como primeiro adestrador do Marsala, pero o equipo non chegou a ser inscrito no campionato por mor dos graves problemas económicos que atravesaba. Ao ano seguinte foi contratado polo Astrea, na Serie D, pero dimitiu en outubro.
Trala retirada Tras abandonar a súa carreira como adestrador, foi brevemente presidente do Fidene, un club modesto do Lacio, e observador da Roma. Posteriormente converteuse en profesional da pesca de altura. O 6 de xullo de 2012 foi anunciado pola Fiorentina como novo colaborador na área técnico-deportiva.Ufficializzato lo staff tecnico di Montella violachannel.tv En 2014 formou parte da dirección do Pune City, da India, club vencellado á Fiorentina.
Palmarés Roma
Copa Italia (2): 1985/86, 1990/91.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Comité Olímpico Internacional . Datos do xogador no sitio web do Inter de Milán . Arquivado dende o orixinal o 8 de xullo de 2014. Datos do xogador no sitio web da Federación Italiana de Fútbol .
Categoría:Nados en Roma Categoría:Nados en 1965 Categoría:Futbolistas olímpicos de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Piacenza Calcio Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Udinese Calcio Categoría:Xogadores do AS Livorno Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia sub-21 Categoría:Futbolistas olímpicos de Italia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Adestradores de fútbol de Italia