A Foliada de Melide é unha festa folclórica galega que se celebra anualmente, na derradeira semana de abril, na vila de Melide.
Historia En maio de 2005 a Asociación Cultural O Castelo , organizou en Melide unha xuntanza festiva con distintos grupos e asociacións folclóricas da contorna. Coa colaboración do concello de Melide, o encontro tivo continuidade no ano seguinte. Así, durante o domingo 30 de abril de 2006 sucedéronse na vila diferentes actividades: ruadas, unha mostra de artesanía, exposicións, conferencias, obradoiros, actuacións etc. A festa rematou cun concerto de Mini e Mero e un serán até altas horas da madrugada.
A festa repetiuse nos dous anos seguintes neste formato dun só día, na 3ª edición (2007) e na 4ª (2008). Porén, a 5ª foliada, no ano 2009, pasou a celebrarse xa en dous días, sábado e domingo, incorporando por primeira vez o concurso de cantos de taberna. Os concertos desta edición foron os últimos que se ofreceron no Pazo de Congresos e Exposicións de Melide, trasladándose desde aquela, co apoio do goberno municipal do BNG, á céntrica Praza das Coles.
En dous días foi tamén o calendario das edicións 6ª (2010), con concertos de Tiruleque e Arrás!; a 7ª (2011) con Quempallou e Cé Orquestra Pantasma; a 8ª (2012) con Pepe Vaamonde grupo e Odaiko; e 9ª (2013) con Vaamonde, Lamas e Romero, Pelepau e Sés.
Na décima edición da foliada (2014), o evento ampliou novamente a súa duración incorporando tamén o venres. Naquel ano actuaron, entre outros, Anxo Lorenzo, Caxade e Radio Cos.
Este novo formato a tres días continuou na 11ª edición (2015), na que pecharon a festa os diplomáticos de Monte Alto; na 12ª (2016), con Xabier Díaz e as Adufeiras; na 13ª (2017) con Davide Salvado; e na 14ª (2018) con Vanesa Muela.
XV Foliada de Melide No ano 2019 a 15ª edición da foliada foi suspensa por discrepancias entre os organizadores e o concello de Melide. A Asociación Cultural O Castelo denunciou nun comunicado a falta de colaboración da administración municipal desde a chegada o poder do Partido Popular no ano 2011, polo que comunicou a súa renuncia a organizar novamente o evento. A alcaldesa popular Dalia García Couso, denunciou que esta renuncia tiña motivacións políticas, por ser presentada a poucos meses das eleccións municipais. Malia tentar o concello organizar o evento polos seus propios medios, a falta de apoio do sector cultural, fixo que a foliada fose suspendida nese ano.
As restricións provocadas pola epidemia de COVID-19, imposibilitaron a realización do festexo nos anos 2020 e 2021.
Finalmente, foi no ano 2022 cando se puido celebrar a foliada número 15, novamente nun formato de dous días. Nesta xeira a organización correu a cargo do concello, co novo goberno de Xosé Manuel Pérez Penas, apartándose a asociación O Castelo da xestión do festival. As actuacións principais neste ano foron dos grupos Comando Curuxás e Tanxugueiras.
Notas
Categoría:Melide Categoría:Música tradicional galega Categoría:Baile tradicional galego Categoría:Festas de Galicia