Celso Dourado, nado en Barreiros en abril de 1960, é un artista e empresario galego.

Unha experiencia traumática que tivo como consecuencia a amputación de ámbalas dúas mans, marcou a súa vida ós oito anos, deixando unha forte pegada na súa provocadora obra. Fixo estudos de Arte en Madrid, Lugo e A Coruña. Milita no activismo artístico, social e cultural.

Desenvolvemento artístico Expón con regularidade a partir dos anos 80 e colabora como ilustrador nalgunhas publicacións.

Xunto coa súa compañeira, Tereixa Barcia, ten rexentado o Cámping Gaivota ata a actualidade, en San Miguel de Reinante, e promovido nel diversas actividades artísticas.

A finais do século XX concibiu a idea de Eido Dourado, espazo artístico persoal en San Miguel de Reinante, preto da praia das Catedrais, que abriu as súas portas de 2009 a 2018. As obras de dito espazo estaban realizadas principalmente con materiais de refugallo. Constaba de vivenda, obradoiro e exposición permanente interior e exterior. O espazo foi un dinamizador cultural, usado para actuacións diversas, tendo pasado polo mesmo Mini e Mero, Ugia Pedreira, Comba Campoy ou Miguel de Lira, entre outros. Para Celso, a traxectoria de Eido Dourado foi "moi gratificante" e de "realización persoal", unha tempada da que só lle queda mal sabor de boca dos políticos.

Dende a súa clausura e ata o momento (2022) está a crear outro espazo adicado á arte con museo e multicentro cultural (incluíndo café e sala de exposicións), en Ribadeo.

As características das súas creacións inclúen o uso dunha figuración con partes surrealistas, onde as mans son protagonistas. Predomina a liña fronte á cor, tendo usado técnicas non habituais como o pirogravado ou as “boligrafías” (grafías feitas a bolígrafo), a máis do uso de tinturas, vernices, lapis, cristais ou area. A súa obra pictórica que non está concibida para o simple desfrute, senón que obriga a pensar e a reflexionar até o extremo.

Exposicións

Conxuntas Proxecto Abertal, Lugo 2008

Retrospectivas “Arredor do debuxo”, Museo Provincial de Lugo, 2009

Notas

Categoría:Nados en 1960 Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Nados en Barreiros Categoría:Pintores de Galicia Categoría:Escultores do século XX Categoría:Escultores do século XXI