Azomonas agilis é unha especie de bacteria móbil, gramnegativa que se encontra nas augas e pode fixar o nitróxeno atmosférico. É a especie tipo do xénero Azomonas.
A. agilis lembra a un protista coas súas grandes células de forma ovoide, elipsoidal ou cocoide. As súas células son relativamente grandes, xeralmente de 2,5 a 6,4 μm de longo e de 2,0 a 2,8 μm de ancho, aínda que tamén se describiron células xigantes de entre 10,0 e 13,5 μm. As células teñen flaxelación peritrica que lles permite a mobilidade. A especie tamén produce un pigmento difusible amarelo verdoso ou vermello violeta que fluoresce en branco azulado baixo a luz ultravioleta.
A. agilis foi illada por primeira vez e descrito por Martinus Beijerinck en 1901, quen obtivo a especie dunha canle de auga holandesa en Delft. A cepa orixinal de Beijernick perdeuse, polo que agora o neotipo é a cepa illada por Albert Kluyver e van den Bout. Malia que Beijerinck usou o manitol no seu medio de enriquecemento para A. agilis, esta bacteria en cultivo puro non o pode usar como fonte de carbono a non ser que este composto sexa primeiro degradado por outros microbios.
A especie pode tolerar concentracións salinas de ata o 1,0% e é resistente ao iodoacetato (1 μM), o cal suxire que pode ter a capacidade de vivir en augas contaminadas con concentracións relativamente altas de materia orgánica e sales minerais. Esta bacteria tamén está implicada na biorremediación de auga contaminada con cadmio.You KM, Park YK. Cd2 removal by Azomonas agilis PY101, a cadmium accumulating strain in continuous aerobic culture. Biotechnol Lett. 2 de novembro de 2004;20(12):1157-59.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Type strain of Azomonas agilis at BacDive - the Bacterial Diversity Metadatabase
Categoría:Pseudomonadales