Markell Popel (en ; en ; en ), tamén coñecido como Markian e Markyl, nado o 31 de decembro de 1821 ou 1825 en Halych ou Medukha e finado o 29 de setembro de 1903 en San Petersburgo (Imperio Ruso), foi un bispo da Igrexa ortodoxa rusa de orixe ucraíno.
Naceu nunha familia greco-católica. Estudou e graduouse en Filosofía e Teoloxía, e logo de casar foi ordenado sacerdote en 1850. Durante o seu primeiro ano como sacerdote exerceu a súa actividade pastoral na parroquia de Buchach, entre 1851 e 1859 foi catequista no ximnasio de Ternopil, e até 1866 foi catequista en escolas de Lviv. Publicou libros de texto sobre liturxia e teoloxía moral orientados aos alumnos dos seminarios greco-católicos.
Dende 1854 participou no movemento rusófilo galiciano. Foi tamén un dos líderes do movemento ritualista en Galicia, no que demandou que todos os elementos de orixe latina foran eliminados da liturxia da Igrexa greco-católica; inicialmente avogou unicamente pola purificación do rito bizantino na Igrexa católica, pero co tempo foi adheríndose á idea de que a unión de Brest fora un acontecemento negativo para a poboación rutena, e que a súa relixión era a ortodoxa. En 1866 trasladouse a Chełm, onde traballou para popularizar a eliminación de influencias latinas no rito bizantino; desta forma, as autoridades tsaristas tentaron preparar o terreo para a completa disolución da unión no Imperio Ruso.
Popel asumiu con convicción as expectativas da administración tsarista, inicialmente como formador no seminario greco-católico de Chełm, e a partir de 1871 como administrador da eparquía de Chełm. En sucesivas circulares, ordenou a eliminación de elementos da liturxia greco-católica que non existían na liturxia da Igrexa ortodoxa rusa, e colaborou coa administración tsarista combatendo a resistencia aos cambios que exercía parte do clero e dos fieis da diocese. En 1874 anunciou a completa unificación das liturxias greco-católica e ortodoxa, e en 1875 formou parte da delegación do clero que pediu ao tsar Alexandre II a integración da eparquía de Chełm na Igrexa ortodoxa rusa.
Pola súa participación na supresión da derradeira administración greco-católica no Imperio ruso, o 8 de xuño de 1875 foi ordenado bispo auxiliar da eparquía ortodoxa rusa de Varsovia, co título de bispo de Lublin. En 1878, logo dun conflito co arcebispo de Varsovia Leontii Lebedinskii, foi trasladado á sé de Podolia e Bratslav, onde foi ordinario até 1882. Posteriormente, entre os anos 1882 e 1889 foi bispo de Polack e Viciebsk. Retirouse en 1889, mais continuou a exercer como membro do sínodo da Igrexa ortodoxa rusa, até o seu pasamento en 1903. Finou e foi enterrado en San Petersburgo.
Traxectoria Mocidade e actividade en Galicia Era de orixe galiciana, fillo do nobre Onufrii Popel. Foi bautizado na Igrexa greco-católica. Graduouse pola escola alemá de Halych, e posteriormente cursou estudos secundarios en Ivano-Frankivsk e Buchach. Completou a súa formación universitaria en Filosofía en Chernivtsi e en Teoloxía en Lviv e Viena. O 20 de xaneiro de 1850 foi ordenado sacerdote e foi destinado a Buchach.
Entre os anos 1851 e 1859 foi catequista no ximnasio de Ternopil. Nos seus primeiros anos de actividade profesional non amosou simpatías rusófilas, e coñécese que mandaba aos seus alumnos cantar cánticos relixiosos en alemán ou en latín.. Porén, as súas opinións mudaron radicalmente antes de 1854: pasou a formar parte do grupo de profesores de secundaria que, orientados por Yakiv Holovatskyi, distribuíron publicacións rusófilas entre os alumnos. Posteriormente foi profesor de lingua rusa nun ximnasio de Lviv durante tres anos, e entre 1862 e 1866 foi catequista nun ximnasio alemán de Lviv. Foi autor do drama Nemir, publicado na revista Hałyćka Zoria, e dun ensaio sobre o bardo Boyan do Cantar das hostes de Igor. Publicou tamén artigos de temática relacionada coa situación e a identidade da Igrexa greco-católica en Galicia.
Popel foi un dos líderes do movemento ritualista, que avogaba pola supresión de todos os elementos de orixe latina da liturxia da Igrexa greco-católica; el mesmo introduciu estes cambios na súa actividade pastoral. En 1862 o metropolita de Lviv Hryhorii Yakhymovych nomeouno membro da comisión encargada de coordinar os traballos de purificación do rito bizantino co propósito de evitar iniciativas arbitrarias do clero parroquial neste eido. Porén, a morte repentina do metropolita fixo imposible o traballo da comisión, e o seu sucesor Spyrydon Lytvynovych reduciu significativamente o alcance do movemento. Durante esta época, Popel non era aínda un apoloxista da Igrexa ortodoxa. En 1857 publicou un libro sobre teoloxía moral, e en 1863 publicou un libro de texto litúrxico para os estudantes do seminario greco-católico de Lviv, no que incluíu a doutrina da primacía papal de acordo coa Igrexa católica.
Segundo Włodzimierz Osadczy, Markell Popel debe incluírse entre aqueles:
Entre os anos 1864 e 1865 editou a publicación relixiosa Nedelia.
Actividade na eparquía grecocatólica de Chełm miniatura|200px|A catedral grecocatólica da Natividade da Nosa Señora en Chełm, logo da reconstrución no estilo ruso-bizantino na década de 1870 e de ser adaptada para funcionar como catedral ortodoxa. Neste templo, Markell Popel serviu inicialmente como sacerdote grecocatólico, e posteriormente como sacerdote ortodoxo. En 1866 deixou Galicia e trasladouse xunto cos seus fillos a territorio ruso. A súa chegada á terra de Chełm estaba relacionada coa disolución, planeada polas autoridades imperiais, da eparquía greco-católica de Chełm. Na opinión da administración rusa, a liquidación da derradeira eparquía grecocatólica do Imperio, debía de ser precedida da remoción de todos os elementos latinos, fortemente arraigados, do rito que se empregaba na diocese, para facilitar a rusificación completa da poboación rutena da rexión. Estas actividades debían ser realizadas por clero grecocatólico con posicións rusófilas, recrutados entre os participantes no movemento ritualista.
Segundo Witold Kołbuk, Popel foi un dos poucos cregos que se trasladaron á rexión de Chełm non por motivos materiais, senón por un apoio sincero á idea de espallar a ortodoxia.
Markell Popel chegou á rexión de Chełm coa recomendación do activista eslavófilo e capelán da embaixada rusa en Viena, o padre Mikhail Raevskii, como un dos primeiros cregos galicianos. En 1867 comezou a traballar como catequista nun ximnasio de Chełm e como profesor no seminario greco-católico, alí ensinou o catecismo, aspectos básicos do rito litúrxico, e historia bíblica. foi tamén incluído entre o clero greco-católico da catedral da Natividade da Nai de Deus e nomeado protopresbítero.
As autoridades rusas, preparando a liquidación final da Igrexa grecocatólica no Imperio, decidiron confiar a administración da eparquía de Chełm a un crego rusófilo que apoiara os plans da administración tsarista. En 1868 Markell Popel foi presentado ao papa como candidato para a sé episcopal de Chełm, mais o papa non aprobou o seu nomeamento. Finalmente foi nomeado bispo Mykhailo Kuzemskyi, e dende o comezo da súa actividade, Popel estivo en conflito con el. Kuzemskyi veía con ollos negativos a actividade dos cregos de orixe galiciana, que opúñanse radicalmente a todos os elementos latinos na liturxia. En 1869 tiveron un enfrontamento polo boicot de Popel á festividade do Corpus Christi. Por outra parte, Popel foi activo en atraer máis cregos rusófilos á rexión de Chełm. Gozaba da completa confianza das autoridades rusas, asumindo con dedicación e compromiso os seus proxectos para a rexión; por este motivo as autoridades rusas, sen éxito, trataron de nomealo como bispo auxiliar da eparquía. En 1869 adquiriu a cidadanía rusa.
Administrador da diocese de Chełm En 1871 Mykhailo Kuzemskyi renunciou á diocese de Chełm. O tsar emitiu entón un edicto nomeando a Popel administrador da diocese. O nomeamento non foi ben recibido polo clero da diocese, nin polos sacerdotes ortodoxos da Chełm-Varsovia; este ambiente acusou a Popel de levar un estilo de vida promiscuo. Pola súa parte, o papa Pío IX considerou ao novo administrador como un usurpador, e seguiu a recoñecer a Kuzemskyi como bispo de Chełm, demandándolle que escribira unha condena escrita das actividades de Popel (cousa que non fixo).
Markell Popel continuou a traballar por atraer máis sacerdotes de Galicia, enviándolles invitacións persoalmente; estes documentos lles facilitaron obter visados rusos e cruzar a fronteira. Como administrador da diocese comezou a preparar abertamente a conversión masiva dos greco-católicos de Chełm á ortodoxia. En abril de 1871 emitiu unha orde de eliminación de elementos de orixe latina da liturxia greco-católica. En decembro ordenou a celebración obrigatoria das memorias de san Nicolao, san Xoán o Teólogo e san Xoán o Bautista, omitindo ao mesmo tempo as festas de san Xosafat Kuntsevych, a Inmaculada Concepción e o Corpus Christi. As súas ordenanzas, xunto coa política anticatólica do gobernador de Siedlce Stepan Gromeka, causaron ansiedade entre os greco-católicos, o que levou ao estalido de disturbios nas parroquias de Podlaquia. En xuño de 1872 o tsar Alexandre II indicou ao sobreprocurador do Santo Sínodo o nomeamento dun Comité Extraordinario para os Asuntos da Diocese de Chełm, encargado de coordinar as actividades das organizacións civís e relixiosas da rexión; un dos membros deste comité foi o propio Popel. O comité fixo unha instrución de medidas punitivas contra as parroquias recalcitrantes. Ademais, deu instrucións ao administrador da diocese de investigar as actitudes do clero fronte aos cambios introducidos, e de propor castigos para aqueles que os rexeitaban. Foi tamén obrigador de comunicar aos fieis greco-católicos que o propósito da purificación do rito non era preparar unha conversión masiva, senón a restauración da forma orixinal do rito, sen elementos latinos.
O Popel presentou os resultados dunha enquisa de actitudes entre o clero greco-católico, afirmando que 75 de 262 sacerdotes estaban en contra dos cambios na liturxia, e que outros 45 deberían ser tratados como incertos. En outubro do mesmo ano, había 47 persoas na lista de cregos "incertos e imprudentes" da gobernación de Lublin. O administrador da diocese de Chełm consultou outras accións en xaneiro de 1873 cos gobernadores de Lublin e Siedlce. Decidiuse entón introducir nas parroquias greco-católicas, nun prazo de tres meses, a liturxia totalmente baseada en modelos rusos (o chamado rito sinodal).
En outubro de 1873, nunha circular especial, Popel ordenou a eliminación das campás, as custodias, os confesionarios, e os altares laterais, así como a introdución do iconostasio, a renuncia a mencionar ao papa, e a distribución da comuñón só estando de pé. Para as parroquias greco-católicas trouxo tamén libros litúrxicos ortodoxos impresos en San Petersburgo. Tamén eliminou a memoria de Xosafat Kuntsevych e a festa do Corpus Christi das festividades celebradas na diocese, e todos os edificios da igrexa foron reconstruídos no estilo típico da arquitectura relixiosa rusa. Por mor da resistencia da poboación a estas actividades, realizáronse co apoio das tropas tsaristas (en 29 das 266 parroquias da diocese producíronse fortes protestas). Os greco-católicos contrarios aos cambios foron reprimidos, encarcerados e enviados a Siberia. En 1874, houbo dous casos de agresión por parte das tropas rusas contra igrexas greco-católicas, con vítimas mortais, en Pratulin e Drelów. Durante o exercicio de Popel como administrador da diocese, 74 cregos greco-católicos foron exiliados ou encerrados, e outros 66 fuxiron do territorio de Chełm a Galicia.