Anxo Guerreiro Carreiras ou Ángel Guerreiro Carreiras, chamado Geluco, nado en Xermade o 28 de agosto de 1945 e finado o 18 de xullo de 2013 na Coruña, foi un político e xornalista galego.

Traxectoria Ingresou no Partido Comunista de España de moi novo cando estudaba Químicas na Universidade de Santiago de Compostela, militancia pola que foi encarcerado en varias ocasións e non rematou os estudos. No 1976, formaba parte do Comité Central do PCE que se deu a coñecer en Roma e, no 1979, foi elixido secretario xeral do Partido Comunista de Galicia, sucedendo a Rafael Pillado. Formou parte do chamado "Grupo dos 16", representantes de diferentes partidos políticos que redactaron o Estatuto de Galiza.

En 1981, converteuse no primeiro e único deputado no Parlamento de Galicia coas siglas do PCG (1981-1985). Foi partidario do "eurocomunismo", polo que foi destituído por Carrillo en 1983 e substituído por Julio Pérez de la Fuente, aínda que despois recuperou a secretaría xeral no PCG.

Tamén máximo dirixente do Partido Comunista de Galicia e de Esquerda Unida. As súas discrepancias con Julio Anguita levárono a separar a organización galega da federal creando Esquerda de Galicia, e que acudiu ás eleccións autonómicas de 1997 en coalición co PSdeG, o que posibilitou que de novo fose elixido deputado (1997-2001). Esta separación non foi aceptada por unha parte de Esquerda Unida que se presentaron a esas eleccións co nome de Izquierda Unida e tomaron o nome de Esquerda Unida-Izquierda Unida (Na X Asemblea Nacional, readoptaron o nome de Esquerda Unida unicamente).

Nas eleccións de 2001, o PSdeG non quixo reeditar o pacto e EdeG presentouse en solitario con Anxo Guerreiro como candidato á presidencia da Xunta pero, tralos malos resultados obtidos, Guerreiro dimitiu e EdeG acabou desaparecendo.

Nos últimos anos da súa vida foi comentarista e opinador político en diversos medios, como Localia Santiago ou a Radio Galega.

Padecía dos riles e desenvolveu un cancro de pulmón. Foi incinerado. O seu cadaleito foi cuberto coa bandeira de Galicia e por catro caraveis vermellos.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PCG Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por EdeG Categoría:Políticos comunistas Categoría:Nados en Xermade Categoría:Nados en 1945 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Xornalistas de Xermade Categoría:Deputados da I Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da V Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Medallas do Parlamento de Galicia