José María Bello Amigo, coñecido como Bello Amigo, nado en Ribeira o 18 de marzo de 1935 e finado no mesmo lugar o 12 de decembro de 2020, foi un futbolista galego que xogaba como centrocampista.
Foi pai do tamén futbolista José Fernando Bello, coñecido tamén como Bello Amigo, que xogaba como porteiro.
Traxectoria
Celta de Vigo Comezou a xogar ao fútbol aos 15 anos, cando saltou ao campo nun partido en Frións. Axiña comezou a destacar e aos 17 anos fichou polo Celta de Vigo, que o cedeu ao Casablanca, da Serie A, onde coincidiu con xogadores como Padrón ou Quinocho. Durante a tempada 1953/54 xogou cedido no Club Santiago, da Terceira División.
Durante esa época chegou a xogar varios partidos amigables nas filas do Celta, pero ningún oficial, e en xuño de 1954 recibiu a carta de liberdade.
Racing de Ferrol Ao deixar o Celta de Vigo probou co Deportivo da Coruña, equipo do que era simpatizante, pero tras non chegar a un acordo, en setembro de 1954 fichou polo Racing de Ferrol, da Segunda División. Debutou na categoría de prata aos 19 anos, da man do adestrador Vázquez nun partido ante o Sestao, e marcou o seu primeiro col tres semanas despois contra o Eibar. Militou durante tres tempadas no club ferrolán, no que coincidiu con xogadores como Bernabé, Fábregas, Seijas, Franco, Lexo, Tucho Sampedro, Suco ou Tito Blanco.
Durante a súa etapa no club verde sufriu varias lesións, polo que só puido disputar 27 partidos, nos que marcou 4 goles. En 1957 foi realizar o servizo militar á Coruña, e foi cedido ao Xuvenil, da Terceira División, onde coincidiu con futbolistas como Pais, Firi e Vegazo. Practicou atletismo e foi campión de España militar nos 100 metros lisos e tamén nos 200.
Arousa En 1958, cando xa planeaba emigra a Australia, recibiu unha oferta do Arousa, tamén de Terceira, que acabou por aceptar. Debutou cun triplete ante o Cambados, e volveu coincidir con Tito Blanco. Axiña se converteu no capitán do equipo arousán, no que militou ata 1960, cando unha nova lesión o desmoralizou e o fixo emigrar a Australia.
Australia No país oceánico xogou no Canterbury e traballou nunha tabaqueira da marca Rothmans. Tivo tres fillos e un deles, José Fernando Bello, coñecido tamén como Bello Amigo, foi futbolista e xogou como gardameta en equipos como o Racing de Ferrol ou o Poli Ejido.
A finais dos anos 70 regresou a Ribeira para rexentar o Hotel Moderno, propiedade de seus pais, pero acabou volvendo a Australia. Faleceu en Ribeira o 12 de decembro de 2020, aos 85 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en Ribeira Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Futbolistas de Ribeira Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Club Santiago Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Arosa SC