Järfälla é un municipio sueco (kommun) do condado de Estocolmo. A súa capital é Jakobsberg, que é parte do núcleo urbano de Estocolmo. En decembro de 2024 a poboación do concello era de 88 950 habitantes.
A superficie do concello está en gran parte urbanizada, e son principalmente as zonas costeiras as que están libres de edificacións. Alí o terreo é accidentado con ribeiras empinadas que están parcialmente cubertas de árbores. O alto nivel de desenvolvemento urbanístico levou a solucións creativas para preservar a natureza. Por exemplo, a reserva natural de Norra Igelbäcken inclúe un antigo aeródromo e debaixo está a construírse unka liña de metro.
O municipio de Järfälla está asociado principalmente ao comercio, que se debe á construción do centro comercial de Barkarby, un dos máis grandes de Suecia. Tamén é no comercio, a educación, a saúde e a industria onde se atopan a maioría dos postos de traballo.
Historia administrativa O concello rural de Järfälla formouse coa reforma municipal de 1863 a partir da parroquia de Järfälla no härad de Sollentuna no condado de Estocolmo.
O 1 de xaneiro de 1947 (segundo unha decisión de 29 de marzo de 1946) as propiedades deshabitadas de Barsbro 1:5, 1:203 e 1:204, que cobren unha superficie de 0,01 km², foron transferidas do municipio rural e parroquia de Järfälla ao concello rural e parroquia de Spånga. Ao mesmo tempo, en termos de contabilidade da propiedade, a propiedade de Barsbro 1:2, que abarcaba unha área de 0,02 km², foi transferida da parroquia de Järfälla á parroquia de Spånga. Barsbro 1:2 xa formara parte anteriormente, tanto a nivel municipal como eclesiático, do concello e da parroquia de Spånga.
O concello non se viu afectado pola reforma municipal do 1 de xaneiro de 1952.
O 1 de xaneiro de 1955, unha área (a vila de Kallhäll) con 295 habitantes e que abarcaba unha superficie de 0,31 km², foi transferida ao concello rural de Järfälla dende o köping de Sollentuna. Ao mesmo tempo, a área de Stäket con 512 habitantes e que abarcaba unha superficie de 8,41 km², foi transferida a Järfälla dende o municipio rural de Upplands-Väsby e a parroquia de Eds.
O 1 de xaneiro de 1956 transferíuse a Järfälla dende a cidade de Estocolmo unha área de 0,01 km².
O actual concello de Järfälla naceu coa reforma municipal do 1 de xaneiro de 1971 a través da transformación do concello rural de Järfälla. En 1975 tranferíuse a aldea de Kyrkhamn, que está xusto ao norte de Lövsta, ao concello de Eestocolmo. Tamén Riddersvik, que forma parte da zona de Lövsta (na actual vila de Hässelby), e a maior parte de Lövsta foron entón incorporados a Estocolmo.
Xeografía O concello de Järfälla atópase no sur do landskap de Uppland, na ribeira leste do lago Mälaren. O municipio limita ao noroeste co concello de Upplands Väsby, ao leste co de Sollentuna, ao sueste co de Estocolmo, ao oeste ten unha fronteira marítima co de Ekerö, e ao noroeste limita co de Upplands-Bro, todos eles no condado de Estocolmo.
Historia O documento máis antigo onde se nomea a Järfälla ten máis de 700 anos e está datado o 26 de xaneiro de 1310. No documento, que é un testamento redactado polo arcebispo Nils Kettilsson, Ragnwald Ingesson deixa entre outras cousas un marco de prata romano á igrexa e ao vicario de "gerfelli" ou "gerfelle". O nome componse das palabras "gere" ou "ger", que significa anaco de terra en forma de cuña, e "fielder" ou ”fjäll”, que significa prado ou campo aberto e deriva do sueco antigo. Järfälla significa así "o prado en forma de cuña" ou "o campo aberto en forma de cuña".
A zona leva habitada dende o neolítico. Na idade media varias rutas importantes atravesaban a área que contitúe o actual concello de Järfälla. A finais da década de 1990 excavouse o asentamento medieval de Kalvshälla. Co tempo Barkarby converteuse nun importante nó de comunicacións dende que a propietaria das granxas de Jakobsberg e Skälby, Brita Cruus, recibiu permiso para abrir unha taberna alí en 1671.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Estocolmo