Botkyrka é un municipio sueco (kommun) do condado de Estocolmo. A súa capital é Tumba. O concello está situado na peníncula de Södertörn en Södermanland co lago Mälaren ao norte e o mar Báltico (as baías de Mörkarfjärden, Himmerfjärden e Järnafjärden) ao suroeste. O municipio de Botkyrka limita ao norte co concello de Ekerö, ao nordés co de Huddinge, ao sueste co de Haninge, ao sur co de Nynäshamn e ao oeste cos de Södertälje e Salem, todos eles no condado de Estocolmo.
A meirande parte da poboación activa traballa fóra do municipio, pero a poboación que traballa no concello faino principalmente no sector servizos. En decembro do ano 2024 o concello tiña unha poboación de 95 905 habitantes.
Historia administrativa A área do concello correspóndese coa das parroquias de Botkyrka e Grödinge. Nesas dúas parroquias formáronse concellos rurais co mesmo nome coa reforma municipal de 1862.
O 28 de outubro de 1904 estableceuse a localidade municipal de Tumba que se disolveu a finais do ano 1956.
A reforma municipal de 1952 non afectou ás divisións da zona.
O actual concello de Botkyrka naceu coa reforma municipal de 1971 a partir dos concellos rurais de Botkyrka e Grödinge. En 1974 incorporouse o municipio de Salem, pero este separaríase en 1983 para converterse nun concello de seu.
Xeografía Botkyrka está na illa de Södertörn, na provincia histórica de Södermanland, e limita cos municipios de Huddinge, Södertälje, Salem, Haninge, Nynäshamn e Ekerö.
Topografía e hidrografía O lago Mälar ten dous afluentes meridionais, o Albysjön e o Tullingesjön. O primeiro atópase na fronteira co concello de Huddinge mentres que o segundo está nas aforas de Tullinge. O norte do concello está dominado por áreas urbanizadas, mentres que a parte sur ten moitos bosques e prados. No extremo sur, o municipio tamén ten acceso ao mar a través da baía de Grödingeviken, que é parte do mar Báltico.
Entre os lagos atópanse os de Albysjön, Sjön Aspen, Bornsjön, Tullingesjön e Uttran.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Estocolmo