Rafael Iriondo Aurtenetxea, coñecido simplemente como Iriondo, nado en Gernika-Lumo o 24 de outubro de 1918 e finado en Bilbao o 24 de febreiro de 2016, foi un futbolista e adestrador vasco. Destacado dianteiro, formou parte da "segunda dianteira histórica" do Athletic Club, equipo no que militou durante a maior parte da súa carreira, marcando 114 goles en 325 partidos oficiais. Gañou co club vasco unha liga de Primeira División, catro Copas do Xeneralísimo e unha Copa Eva Duarte.

Traxectoria

Como xogador Comezou a xogar ao fútbol no equipo da súa vila natal, o Gernika Club, en 1933, pero só puido disputar un partido antes da desaparición do club ese mesmo ano, pasando a xogar entón á pelota vasca. Aos 18 anos, en plena guerra civil, sobreviviu ao bombardeo da vila por parte da Lexión Cóndor e a Aviazione Legionaria, aliadas das tropas franquistas, que destruíron a cidade e mataron a centos de persoas. Durante o bombardeo estaba actuando como xuíz nun partido de pelota vasca. O ataque acabou cos dous negocios que a súa familia tiña na vila (unha tenda de mobles e unha carboeira), polo que se trasladaron a Bilbao.

Alí presentouse a unha proba para ingresar no Athletic Club e foi aceptado. Con todo, tivo que marchar para realizar o servizo militar, sendo destinado ao Protectorado Español de Marrocos, concretamente á base militar de Ksar el-Kebir. Durante a súa estancia alí disputou algúns encontros co Atlético Tetuán, ata que grazas á mediación do Athletic puido regresar ao País Vasco e continuar o servizo militar no cuartel bilbaíno de Garellano.

O 29 de setembro de 1940 debutou co Athletic Club na Primeira División, no empate 2-2 ante o Valencia da primeira xornada, o mesmo día no que debutaba tamén Telmo Zarra. Titular indiscutible dende entón, militou no club bilbaíno durante os seguintes 13 anos, e foi un dos cinco integrantes da chamada "segunda dianteira histórica" do club, xunto con Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza.

Na tempada 1942/43 conquistou tanto a liga como a Copa do Xeneralísimo, aportando 11 goles entre ambas competicións, e repetiu título de Copa nas seguintes dúas campañas. Na final de 1945 marcou dous goles que serviron para gañar por 3-2 ante o Valencia. Na tempada 1949/50 conseguiu a súa mellor cifra goleadora, con 17 tantos entre liga e Copa, e gañou esta última por cuarta vez. Na seguinte tempada conquistou o seu sexto e último título co Athletic, a Copa Eva Duarte, marcando un dos goles contra o Atlético de Madrid. Disputou un total de 325 partidos co Athletic, marcando 114 goles.

Na tempada 1953/54 recibiu a carta de liberdade do club e fichou polo Barakaldo CF da Segunda División, co que xogou só tres partidos antes de asinar pola Real Sociedad. No club donostiarra xogou de extremo, formando unha á dereita xunto con Epi. Disputou 32 partidos, nos que marcou dez goles, un deles ante o propio Athletic nun derbi vasco en liga.

Ao final da campaña 1954/55 puxo fin á súa carreira como futbolista.

Selección nacional Foi internacional en dúas ocasións coa selección española. O seu debut produciuse o 26 de xuño de 1946, nunha derrota por 1-0 contra Irlanda nun amigable. Volveu xogar coa selección ao ano seguinte, nunha vitoria por 4-1 sobre Portugal. Aliñouse naquel encontro xunto a tres dos seus catro compañeiros da "segunda dianteira histórica" do Athletic (Panizo, Zarra e Gaínza) e marcou o único gol español.

Como adestrador En 1955 comezou a súa carreira como adestrador no banco do Indautxu, de Segunda División, co que se chegou a aliñar nun partido ante o Barakaldo. Dirixiu o club bilbaíno ata 1958, obtendo como mellor resultado un terceiro posto na tempada 1956/57. A continuación fichou polo Alavés, tamén de Segunda, para a campaña 1958/59, pero non chegou a rematala, pois dimitiu en marzo debido aos malos resultados. Nos seguintes anos viviu dúas novas etapas como adestrador do Indautxu, cun paso intermedio polo banco do Barakaldo, de Terceira División.

Dende 1965 dirixiu o Bilbao Athletic, co que logrou o ascenso a Terceira na súa primeira tempada, mentres que na segunda delas proclamouse campión do grupo 3 da categoría de bronce, sen poder certificar o ascenso, ao perder na segunda rolda da promoción ante o Badajoz. En xuño de 1968 conquistou o Campionato de España de Afeccionados, despois de seis anos de dominio do Real Madrid Afeccionados, ao derrotar na final ao Barcelona Afeccionados por 4-1.

En outubro de 1968 chegou a súa grande oportunidade, cando foi designado como novo adestrador do primeiro equipo do Athletic como substituto do cesado Gaínza. Colleu o equipo na penúltima posición da táboa, e conseguiu levalo momentaneamente ata o cuarto lugar, aínda que os malos resultados nas últimas xornadas fixeron que rematase finalmente 11º. Con todo, o equipo de Iriondo resarciuse na Copa do Xeneralísimo, onde eliminou sucesivamente a Zaragoza, Deportivo da Coruña e Granada, para alcanzar unha final na que tivo como rival ao Elche. O partido, disputado no estadio Santiago Bernabéu, decantouse a favor do equipo vasco grazas a un solitario gol de Arieta II, dándolle así ao equipo un título que non gañaba dende facía 11 anos.

En febreiro de 1970 colleu as rendas do Espanyol, na Segunda División, despois de que o chileno Fernando Riera fora despedido tras unha derrota contra o Racing de Ferrol. Dirixiu o equipo catalán durante as últimas 15 xornadas e conseguiu o ascenso á Primeira División a falta dun partido. Durante a seguinte tempada adestrou o Zaragoza, logrando un segundo ascenso consecutivo.

Dende entón dirixiu sempre na Primeira División, pasando polos bancos da Real Sociedad, Athletic Club (por segunda vez), Betis e Rayo Vallecano. Co Betis gañou a súa segunda Copa do Rei en 1977, despois de derrotar na quenda de penaltis da final ao Athletic, dirixido por Koldo Aguirre. Retirouse do mundo do fútbol en 1982, despois dunha segunda etapa no Betis.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club . Datos do adestrador no sitio web do Athletic Club . Datos do xogador coa selección española .

Categoría:Nados en Gernika-Lumo Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Gernika Club Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores do Barakaldo CF Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores da SD Indautxu Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Deportivo Alavés Categoría:Adestradores do Barakaldo CF Categoría:Adestradores do Bilbao Athletic Categoría:Adestradores do Athletic Club Categoría:Adestradores do RCD Espanyol Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores da Real Sociedad Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Rayo Vallecano