Francesca Bonnemaisson Farriols,Pabón 1999, p. 67 nada en Barcelona o 12 de abril de 1872 e finada na mesma cidade o 13 de outubro de 1949, foi unha pedagoga, escritora e promotora da educación popular feminina catalá.
Foi mecenas e creadora da Biblioteca Popular de la Dona en 1909 no barrio de Sant Pere de Barcelona. Foi o núcleo do que logo sería coñecido como Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona,González i Villalta 2007, p. 124 coloquialmente La cultura.
Traxectoria Foi filla de Gil Bonnemaison, nado en Sant Pere dels Forcats, Cataluña do Norte, e de Agustina Farriols i Ràfols, propietarios dun dos negocios máis prósperos da cidade, unha tenda de roupa situada na Rambla de Catalunya. Tivo unha intensa educación relixiosa e aprendeu idiomas, debuxo, pintura e música.
O 29 de outubro de 1893 casou con Narcís Verdaguer i Callís, o que a levou a coñecer a Francesc Cambó. Con este, mantivo unha fonda amizade e relación epistolar durante toda a súa vida.
Entre 1894 e 1898 o matrimonio publicou un cento de versións longas de fábulas, lendas e contos populares de diversa orixe en La Veu de Catalunya, un semanario catalanista que cofundara Narcís co pseudónimo de Franar (Fra de Francesca e Nar de Narcís).
En 1909 o párroco da parroquia de Santa Anna, Ildefons Gatell, propúxolle dirixir a biblioteca parroquial benéfica denominada Obra de Buenas Lecturas, facendo amais unha doazón de 100 libros e 500 pesetas para poñela en funcionamento. A biblioteca abriu o 28 de marzo de 1909, e a propaganda destacaba que se trataba dun espazo “de entrada libre para todas as mulleres”. Deixaba claro así que estaba destinada a un público feminino, independentemente da súa condición social.
Inicialmente a biblioteca tiña un horario de apertura moi limitado, só dúas horas e media os domingos e festivos, cunha cota de socios de 0,10 pesetas ao mes ou 1 peseta ao ano. Ao remate da misa, mulleres de diferentes condicións sociais reuníanse neste espazo e conversaban entre elas, libres da supervisión dos seus maridos. Axiña esta biblioteca tivo un éxito sen precedentes e Francesca decidiu transformala no Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, centrada na educación e a promoción da muller dende o catalanismo e o catolicismo social. Esta nova biblioteca, que se trasladou da parroquia de Santa Anna ao número 12 da rúa Elisabets, destacou dende o principio polo seu dinamismo. Foi a primeira deste tipo en Europa, ao adiantarse á fundación da Fawcett Library (1926) de Londres e a da Biblioteque Marguerite Durand (1931) de París.
O fondo da biblioteca non deixou de medrar grazas ás doazóns, subvencións e axudas. En 1911 xa contaba con 5.000 volumes. Ao tempo que aumentaba o fondo e os membros, medraba tamén a oferta do centro. Mulleres de calquera clase social podían ler novelas, ensaios ou libros especializados, estudar cos mellores expertos, asistir a congresos ou mesmo aprender idiomas ou materias técnicas e científicas. Todas as actividades eran de balde nun momento en que as mulleres aínda non tiñan fácil acceso á universidade. A institución chegou a ter un bar e un restaurante, o que permitía ás mulleres gozar dunha liberdade absolutamente atípica na época.
En 1918 morreu o seu marido, Narcís, e ela decidiu dedicarse plenamente ao seu proxecto. En 1922, o presidente da Mancomunitat de Catalunya, Josep Puig i Cadafalch, inaugurou nunha cerimonia solemne o novo edificio do Institut, situado na rúa Sant Pere Més Baix, nunha antiga casa medieval que pertenceu á familia Bielsa. Francesca non se limitou a ficar aí e adquiriu uns terreos en Badalona, á beira do mar, para que as mulleres puidesen realizar clases de natación. Deste xeito incorporou o deporte ao seu proxecto.
Amais, o Institut contaba cunha bolsa de emprego que incluía moitas empresas e que de media conseguía colocar unhas 1600 mozas ao ano. Para dar a coñecer a Institución, Bonnemaison encargouse de que dúas revistas, Claror e Vida Social Femenina, e un programa radiofónico quincenal emitido por Radio Associació de Catalunya, explicasen e comentasen as diferentes actividades que realizaban.
II República Coa proclamación da República involucrouse na vida política. Participou en campañas a prol do sufraxio feminino (1931) e fíxose cargo da organización feminina da Lliga Rexionalista (1932) a petición do seu amigo Francesc Cambó. Foi unha das primeiras mulleres en presentarse como candidata ás eleccións municipais de 1934, malia non ser elixida. Entre maio de 1935 e xuño de 1936 puxo en marcha a revista Claror, portavoz do reformismo feminista propugnado polo Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona. Nela colaboraron mulleres de gran prestixio como Rosa Sensat, Lola Anglada, Aurora Bertrana ou ela mesma. Antes da Guerra Civil española, o fondo do Institut contaba con 23.000 volumes e polas súas aulas pasaran estudantes tan destacadas como Concha Espina, Maria Domènech de Cañellas ou Maria Montessori. O curso 1934/35 contou con máis de 6.200 alumnas.
Guerra civil Tralo estalido da Guerra Civil refuxiouse en Territret, en Montreux (Suíza), preto do seu afillado Cambó. Exerceu como secretaria deste e non regresou a Barcelona ata 1941. Desde entón, e até a súa morte, desvinculouse do Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona. Na súa ausencia, este, fora cedido á Deputación de Barcelona e transformado nun centro da Falange Española. Foi rebautizado como Institución de Cultura para la Mujer de la Sección Femenina de FET y de las JONS e centrou as súas actividades na participación en actos culturais e relixiosos de carácter catalanista e alleos ao réxime franquista.
Fondo persoal No Arxiu Nacional de Catalunya consérvase o fondo Narcís Verdaguer Callís - Francesca Bonnemaison. Inicialmente mantívose no domicilio particular dos produtores até o estalido da Guerra civil. Foi salvado do saqueo por parte de varios familiares e finalmente rescatado por Ramón Rucabado i Comerma, marido de Clara Verdaguer, sobriña da produtora. As irmás Roser, Montserrat e Mariàngela Rucabado i Verdaguer, herdeiras e propietarias do legado dos seus pais, Ramon Rucabado e Clara Verdaguer, conservaron a documentación até o seu ingreso na ANC.
O material de Narcís Verdaguer i Callís inclúe:
Documentación persoal e familiar Obra creativa (en especial a documentación relacionada coa tradución ao catalán da obra de Dante, A Divina Comedia). Correspondencia con numerosas personalidades do ámbito político e cultural do momento. Documentación de proxección social e política relacionada co Centre Escolar Catalanista, a Lliga de Catalunya, a Deputación de Barcelona, o Concello de Barcelona, o Foment del Treball Nacional e outras entidades, que inclúe manifestos, discursos, proxectos e correspondencia, entre outros.
O material de Francesca Bonnemaison inclúe:
Documentación académica e outra documentación persoal. Obra creativa (poemas). Biblioteca e hemeroteca que reúne un conxunto de monografías e publicacións periódicas de temática cultural xeral. Escritos sobre a produtora. Neste apartado destaca a documentación xerada e recibida polo Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, que inclúe estatutos, memorias, actas de xuntas e consellos, programas e publicacións diversas.
Legado Francesca Bonnemaison foi votada nun proceso participativo en marzo de 2010 en Palafrugell como unha das mulleres que merecen unha rúa. Actualmente existe un centro cultural que leva o seu nome, así como unha biblioteca municipal en Barcelona.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Fons Narcís Verdaguer i Callís-Francesca Bonnemaison no Arxiu Nacional de Catalunya Diccionari Biogràfic de Dones Espai Francesca Bonnemaison
Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1872 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Feministas de Cataluña Categoría:Pedagogos de España