Roy Hodgson, nado en Croydon o 9 de agosto de 1947, é un exfutbolista e adestrador inglés. Adestrou 22 equipos diferentes en oito países durante os seus 48 anos como adestrador. Comezou a súa carreira como técnico en 1976 en Suecia, co Halmstads BK, facendo historia ao gañar dúas ligas suecas, as primeiras da historia do club. Tras adestrar varios equipos máis e de gañar outras cinco ligas suecas co Malmö, en 1992 converteuse no técnico da selección de Suíza, que levaba sen disputar un gran torneo dende a década de 1960, e logrou clasificala para o Mundial de 1994 (no que chegou a oitavos de final) e para a Eurocopa de 1996. De 2006 a 2007 adestrou a selección de Finlandia, levándoa ata o 33º posto da clasificación mundial da FIFA, o máis alto da súa historia, e dirixiu a selección de Inglaterra entre 2012 e 2016. Tamén adestrou entre outros o Inter de Milán, o Blackburn Rovers, o Grasshoppers, o FC Copenhague, o Udinese, o Fulham, o Liverpool, o West Bromwich Albion, o Crystal Palace e o Watford. É o adestrador de máis idade en ter dirixido na Premier League, con 76 anos, despois de ter superado 2019 a anterior marca de Bobby Robson (71).
Traxectoria
Orixe e infancia Nado en Croydon, súa nai era panadeira e seu pai, Bill, condutor de autobús ao sur do Río Támese e fan do Newcastle United. A familia de Hodgson vivía no mesmo edificio que o futuro futbolista Steve Kember, compañeiro de clase de Roy. Os dous xogaron no equipo de fútbol da escola, un equipo do que tamén formaba parte Lennie Lawrence. Mentres cursaba o sixth form, uniuse á súa clase Bob Houghton, que ía desempeñar un papel destacado na súa carreira.
Como futbolista Xogou no equipo xuvenil do Crystal Palace, pero non conseguiu chegar ao primeiro equipo. Pasou por equipos máis modestos como o Tonbridge e o Gravesend & Northfleet, e aos 23 anos obtivo o título de adestrador. En 1971 ingresou no Maidstone United, onde actuou como xogador e como axudante do xogador-adestrador, o seu antigo compañeiro Bob Houghton.
En 1972, despois dun ano en Maidstone, fichou polo Ashford Town de Kent, ao tempo que traballaba tamén como profesor de Educación Física na Alleyn's School ao sur de Londres. Ao ano seguinte, trasladouse á cidade surafricana de Pretoria para xogar no Berea Park, a pesar do boicot deportivo que nese momento existía sobre o país africano debido ao apartheid. En 1974 regresou a Inglaterra para xogar dúas últimas tempadas no Carshalton Athletic. De novo gañou a vida dando clases, esta vez no Monks Hill Comprehensive.
Como adestrador
Halmstad Comezou a súa carreira como adestrador en 1976 no Halmstads BK da Allsvenskan de Suecia, a onde chegou recomendado polo seu amigo Bob Houghton, adestrador do Malmö FF. A pesar de levar dous anos loitando por non descender e de que a prensa o daba como favorito para perder a categoría ese ano, a chegada de Hodgson supuxo unha revolución no equipo, que deu a sorpresa proclamándose campión de liga por primeira vez na súa historia. Ao ano seguinte debutou na Copa de Europa, caendo na primeira rolda ante o Dynamo Dresden.
Pasou cinco anos en Halmstad, gañando un segundo campionato de liga en 1979.
Bristol City En 1980 pasou ao corpo técnico do Bristol City, na súa Inglaterra natal, onde foi asistente de Bob Houghton de 1980 a 1982 e adestrador principal de xaneiro a abril de 1982. Debido aos problemas económicos do club non tivo éxito e foi destituído despois de catro meses no cargo.
Oddevold e Örebro En 1982 volveu a Suecia para facerse cargo do IK Oddevold da segunda división, a metade da tempada 1982. Non conseguiu salvar ao club do descenso, ao rematar 11º, a un punto da salvación. En 1983 fichou polo Örebro SK, tamén de segunda. Na súa primeira tempada no club de Örebro acabou terceiro, mentres que na segunda proclamouse campión. Con todo, non puido ascender á Allsvenskan, ao perder na promoción de ascenso contra o Mjällby AIF.
Malmö FF ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/87/Roy_Hodgson_%281987%29.jpg/170px-Roy_Hodgson_%281987%29.jpg|miniatura| Hodgson en 1987|esquerda En 1985 converteuse no adestrador do Malmö FF, club que dirixiu ata 1989, conquistando cinco campionatos de liga consecutivos, e proclamándose en 1986 e 1988 campión sueco, ao gañar tamén os play-offs polo título. Ademais sumou ao palmarés do club dúas Copas de Suecia, nas tempadas 1985/86 e 1988/89.
Durante eses anos participou en varias competicións europeas. Na Recopa de Europa 1986/87 gañou ao Apollon Limassol na primeira rolda e ao Tirana na segunda, caendo ante o Ajax nos cuartos de final. Na tempada 1987/88 disputou a Copa de Europa, sendo eliminado na primeira rolda polo Anderlecht. Na Copa da UEFA 1988/89 gañou na primeira rolda ao Torpedo Moscova despois dunha prórroga, pero perdeu na segunda diante do Inter de Milán.
O maior éxito europeo de Hodgson en Malmö produciuse na seguinte edición da Copa de Europa (1989/90), cando o equipo sueco eliminou ao Inter na primeira rolda, gañando 1-0 na casa e empatando 1-1 en San Siro. Na segunda rolda, o Malmö perdeu ante Mechelen. O Malmö ofreceulle un contrato vitalicio, pero el rexeitouno.
Neuchâtel Xamax En xullo de 1990 deixou Suecia e fichou polo Neuchâtel Xamax. Na súa primeira tempada en Suíza, rematou terceiro tanto na primeira fase da liga como na segunda, clasificándose para a Copa da UEFA. Na seguinte tempada, o Xamax quedou quinto na primeira fase e despois rematou segundo na segunda fase, perdendo o título ante o Sion por só dous puntos. En Europa, o equipo de Hodgson eliminou na primeira rolda ao Floriana de Malta e na segunda gañou por un resultado global de 5-2 ao Celtic de Glasgow. Na terceira rolda quedou emparellado co Real Madrid ao que derrotou pola mínima no partido de ida no estadio da Maladière, pero quedou eliminado tras perder no Bernabéu por 4-0.
Selección suíza O 26 de xaneiro de 1992 tomou o lugar de Uli Stielike como adestrador da selección de Suíza, mentres que Stielike asumiu o posto de Hodgson no Neuchâtel Xamax. Stielike tiña a maior porcentaxe de vitorias de tódolos seleccionadores suízos ata entón, pero os seus números acabaron sendo superados polos de Hodgson.
A selección suíza non se clasificaba para un gran torneo internacional desde o Mundial de 1966, pero con Hodgson no banco conseguiu regresar é elite, logrando meterse no Mundial de 1994, despois de perder só un partido durante a fase de clasificación nun grupo no que estaban Italia, Portugal e Escocia. O gran rendemento da selección helvética, que quedou a un só punto de Italia, fixo que ascendese ata a terceira posición da Clasificación mundial da FIFA.
Xa no Mundial, nos Estados Unidos, Suíza quedou encadrada no Grupo A con Romanía, Colombia e o equipo anfitrión. Cunha calor extrema, no primeiro partido o equipo de Hodgson, pouco preparado para esas temperaturas, empatou 1-1 cos estadounidenses no Pontiac Silverdome. Na segunda xornada derrotou por 4-1 ao forte equipo de Romanía, clasificándose para a seguinte fase, a pesar de perder o terceiro encontro diante dos colombianos. Nos oitavos de final enfrontouse á España de Javier Clemente, perdendo por tres goles a cero.
A selección suíza clasificouse tamén para a Eurocopa de 1996, perdendo de novo só un partido durante a clasificación para rematar primeiro do Grupo 3. Coa praza asegurada na Eurocopa, Hodgson deixou o combinado helvético o 15 de novembro de 1995, para centrarse no seu traballo como adestrador do Inter de Milán, club polo que fichara un mes antes.
Parte do éxito de Hodgson co equipo nacional suízo foi negociar coa Super Liga para que os xogadores internacionais adestrasen con el os luns e os martes despois de xogar cos seus clubs na fin de semana, creando así un ambiente de club na selección.
Inter de Milán Antes da Eurocopa, Hodgson fichou polo Inter de Milán, da Serie A italiana, club ao que adestrou de 1995 a 1997. Cun importante investimento, dirixu unha fase de reconstrución no club, que viña de rematar as dúas últimas ligas na 13ª e na 6ª posicións respectivamente. Substituíu no banco ao galego Luis Suárez, que se ocupou interinamente do equipo durante varias xornadas trala destitución de Ottavio Bianchi. Hodgson levou o equipo á sétima praza ao remate da tempada 1995/96, clasificándose para a Copa da UEFA.
En 1997, o equipo lombardo, no que destacaban futbolistas como Paul Ince, Javier Zanetti ou Youri Djorkaeff, acadou a final da Copa da UEFA, a última que se disputou en formato de ida e volta. O rival do Inter foi o Schalke 04, e o partido de ida acabou con vitoria pola mínima do equipo alemán no Parkstadion. No encontro de volta Iván Zamorano empatou a final nos últimos minutos, forzando unha prórroga que rematou sen goles. Na quenda de penaltis posterior, os xogadores do Inter non estiveron acertados e caeron por 4-1, e os afeccionados do Inter comezaron a lanzarlle obxectos a Hodgson, que acabou deixando o equipo tras ese encontro.Does Roy Hodgson Have The Credentials? Foi substituído por Luigi Simoni para a derradeira xornada de liga, na que o Inter acabou terceiro.
Blackburn Rovers A continuación regresou ao fútbol inglés despois de 15 anos de ausencia e fichou polo Blackburn Rovers. Comezou a súa primeira tempada no club (1997/98) con excelentes resultados, ocupando varias xornadas o liderado da Premier League e chegando a metade da liga na segunda posición, só por detrás do Manchester United de Alex Ferguson. Hodgson recibiu o premio ao Adestrador do Mes da Premier League en dúas ocasións, en agosto e decembro de 1997.
Con todo, o rendemento do Blackburn baixou drasticamente na segunda metade da tempada e o equipo acabou a liga na sexta posición, asegurando na derradeira xornada a clasificación para a Copa da UEFA.
Na súa segunda tempada no Blackburn non puido repetir o éxito relativo da primeira, debido ás numerosas lesións que sufriu o equipo, aos problemas no vestiario e ao fracaso do club nos seus esforzos por encontrar un substituto para o defensa central Colin Hendry, que marchou para o Rangers. Como resultado de todo isto, o Blackburn tivo un pésimo inicio de tempada. En setembro de 1998 Hodgson recibiu unha chamada da Federación Alemá, que lle propuxo suceder a Berti Vogts á fronte da selección alemá, pero rexeitou a oferta. Continuou no club inglés ata o 21 de novembro, cando, despois de caer ata o derradeiro posto da liga, foi destituído.
Volta ao Inter A finais de abril de 1999 volveu ao Inter de Milán para dirixir o equipo nas últimas xornadas da tempada 1998/99, sendo o cuarto adestrador da tempada despois de que pasasen polo banco Luigi Simoni, Mircea Lucescu e Luciano Castellini. Co equipo na novena praza da liga, comezou cunha vitoria por 4-5 sobre a Roma, con goles de Ronaldo (2), Zamorano (2) e Simeone, e rematou a tempada no oitavo posto.
Grasshoppers A continuación iniciou unha nova etapa en Suíza, como adestrador do Grasshoppers. Dirixiu ao equipo durante unha tempada, acadando o cuarto posto tanto na liga como nos play-off polo título.
Copenhague e Udinese En xullo de 2000 trasladouse a Dinamarca para adestrar o FC København, que levaba dous anos sen pasar do sétimo posto na Superliga de Dinamarca. Con Hodgson no banco, o club da capital norueguesa proclamouse campión de liga despois de case unha década, con cinco puntos sobre o segundo clasificado, o Brøndby. Ademais gañou a Supercopa de Dinamarca de 2001 tras derrotar por 2-0 ao Silkeborg.
No verán de 2001 deixou Copenhague e fichou polo Udinese, equipo italiano da Serie A. En decembro do mesmo ano, co club no noveno posto e clasificado para os cuartos de final da Copa Italia, Hodgson foi despedido despois despois de afirmar, supostamente, que se arrepentía de ter asumido o cargo, podendo ter elixido un club mellor. Máis tarde negou que fixera eses comentarios, pero recoñeceu que quería marchar, polo que se alegrou de ter sido despedido.
Selección dos Emiratos Árabes Unidos