O coala (Phascolarctos cinereus) é un marsupial herbívoro nativo de Australia. É a única especie da familia dos fascolárctidos, e o seu familiar máis próximo é o uombat. Este animal vive en zonas costeiras das rexións do leste e do sur de Australia, nos estados de Queensland, Nova Gales do Sur, Victoria e Australia Meridional. É doado recoñecelo polo seu corpo robusto sen cola e a unha gran cabeza con orellas redondeadas e peludas e un gran nariz con forma de culler. Os coalas poden chegar a medir entre 60 e 85 cm e acadar de 4 a 15 kg de peso. A cor da súa pelaxe varía dende o gris prateado ata o marrón chocolate. Os membros das poboacións máis ó norte adoitan ser máis pequenos e de cores máis claras que os do sur, dando lugar a posibilidade de que sexan subespecies distintas, aínda que isto está en discusión.
Os coalas habitan en zonas abertas de bosques de eucaliptos, e as follas destas árbores conforman a maioría da súa dieta. Xa que esta dieta fornece un contido limitado de nutrientes e calorías, os coalas levan unha vida sedentaria e adoitan durmir unhas 20 horas ó día. Son animais sociais e os lazos familiares existen só entre as nais e as crías que dependen delas. Os machos adultos comunícanse por medio de fortes ruxidos que intimidan os rivais e atraen ás femias. Os machos tamén marcan a súa presenza por medio de secrecións usando unhas glándulas que teñen no peito. Sendo marsupiais, as crías nacen sen estar aínda desenvolvidas por completo e sóbense ó marsupio das súas nais, onde permanecen durante os primeiros seis ou sete meses de vida. Estas crías destétanse por completo cando chegan ó ano de idade. Os coalas teñen poucos predadores naturais e padecen de poucos parasitos, pero si son vulnerables a diversos patóxenos como as bacterias da familia Chlamydiaceae e o retrovirus coala así como ós incendios e secas.
Existen probas de que os aborixes australianos xa cazaban estes animais, que tamén aparecen na mitoloxía aborixe así como en pinturas rupestres que datan de varios miles de anos. O primeiro encontro rexistrado entre os europeos e un coala tivo lugar no ano 1798, e o naturalista George Perry publicou a primeira imaxe destes animais en 1810. O botánico Robert Brown foi o autor da primeira descrición científica detallada da especie en 1814, aínda que esta non se publicou ata 180 anos despois. O artista John Gould ilustrou e realizou tamén unha descrición do coala, e outros científicos ingleses publicaron máis detalles da bioloxía deste animal no século XIX. Por mor da súa aparencia característica, o coala está recoñecido mundialmente como un símbolo nacional de Australia. Esta especie está listada como "Vulnerable" na clasificación da IUCN, e o goberno australiano tamén declarou as poboacións de Queensland, Nova Gales do Sur e o distrito da Capital como especie vulnerable. Nos comezos do século XX este animal cazábase en grandes cantidades pola súa pelaxe, e os sacrificios a grande escala que tiveron lugar en Queensland deron como resultado un escándalo público que iniciou un movemento a prol da protección da especie. Grazas a isto establecéronse diversos santuarios animais e leváronse a cabo esforzos para repoboar rexións nas que as poboacións de coala estaban fragmentadas ou reducidas.
Etimoloxías A palabra "coala" procede da palabra gula, da lingua dharug falada por algúns pobos nativos de Australia. Por mor das similitudes do coala cos osos chegou a recibir o nome incorrecto de "oso coala", principalmente por parte dos primeiros colonos.
Os nomes empregados polas distintas tribos aborixes son cullawine, koolawong, colah, karbor, colo, coolbun, boorabee, burroor, bangaroo, pucawan, banjorah e burrenbong, e moitos destes significan 'non beber'.
O nome do xénero, Phascolarctos, deriva do grego antigo φάσκωλος pháskōlos 'bolsa' e ἄρκτος árktos 'oso', mentres que o nome específico, cinereus, provén do latín e significa 'de cor cinza'.
Taxonomía e evolución
O zoólogo francés Henri Marie Ducrotay de Blainville designou o coala co nome xenérico Phascolarctos no ano 1816, mais decidiu non asignarlle un nome específico ata unha revisión posterior. En 1819 o tamén zoólogo alemán Georg August Goldfuss deulle o nome binomial Lipurus cinereus, pero xa que Phascolarctos se publicou primeiro e segundo a ICZN, este último ten prioridade como nome oficial do xénero. O naturalista francés Anselme Gaëtan Desmarest propuxo o nome Phascolartos fuscus en 1820, suxerindo que as versións do animal de cor marrón formaban unha especie distinta á dos exemplares de cor gris. Outros dos nomes suxeridos por autores europeos foron Marodactylus cinereus por Goldfuss en 1820, P. flindersii por René Primevère Lesson en 1827 e P. koala por John Edward Gray no ano 1827.
O coala clasifícase xunto cos uombats (familia Vombatidae) así como con outras familias xa extintas (incluíndo Palorchestes, Thylacoleonidae e Diprotodontidae) dentro da suborde Vombatiformes e da orde Diprotodontia. Os Vombatiformes son un grupo irmán do clado que inclúe os Macropodiformes (canguros e ualabís) e os Phalangeriformes. Os antepasados dos vombatiformes foron con toda probabilidade arborícolas, e a liñaxe evolutiva dos coalas foi probablemente a primeira en ramificarse hai uns 40 millóns de anos, durante o Eoceno.
O coala moderno é o único membro existente da familia Phascolarctidae, que chegou a incluír varios xéneros e especies. Durante o Oligoceno e o Mioceno os coalas vivían en selvas e tiñan dietas menos especializadas. Algunhas destas especies, como o Nimiokoala greystanesi e algunhas especies de Perikoala, tiñan un tamaño semellante ó coala moderno, mentres que outras, como as de Litokoala, tiñan un tamaño de entre a metade e dous terzos do tamaño dos coalas. Os coalas prehistóricos tiñan estruturas ben desenvolvidas nas orellas, o que suxire que esta especie desenvolveu as vocalizacións de longa distancia e o sedentarismo nunha época temperá. Durante o Mioceno o continente australiano comezou a secarse, levando ó declive das selvas e provocando que os bosques abertos de eucaliptos se espallasen. O xénero Phascolarctos dividiuse do Litokoala ó final deste período e sufriu varias adaptacións que lle permitiron vivir a base dunha dieta especializada de follas de eucalipto. Estas adaptacións foron un cambio no padal que se achegou á fronte do cranio, un aumento no tamaño dos molares e premolares, unha diminución de tamaño da canle pterigoide e un aumento do espazo entre os molares e os dentes incisivos.
miniatura|dereita|200px|Representación dun Nimiokoala (arriba) e dun Litokoala (abaixo). Durante o Plioceno e o Plistoceno Australia experimentou cambios no seu clima e vexetación, e a especie foi medrando de tamaño. P. cinereus puido xurdir como unha forma anana do P. stirtoni. A redución do tamaño dos grandes mamíferos está considerado un fenómeno común en todo o mundo no Plistoceno tardío, e varios mamíferos australianos están considerados tradicionalmente como produto deste fenómeno. Porén, un estudo de 2008 cuestionou esta hipótese, indicando que P. cinereus e P. stirtoni xa convivían conxuntamente dende o Plistoceno medio, que é o período ata o que se estende o rexistro fósil do coala moderno.
Xenética e variacións Existen tres subespecies distintas recoñecidas tradicionalmente: o coala de Queensland (P. c. adustus, Thomas 1923), o coala de Nova Gales do Sur (P. c. cinereus, Goldfuss 1817) e o coala de Victoria (P. c. victor, Troughton 1935). Estas formas distínguense pola cor e grosor da súa pelaxe, o tamaño do corpo e a forma do cranio. O denominado coala de Queensland é o máis pequeno dos tres, cunha pelaxe máis curta de cor prateada e un cranio máis pequeno, mentres que o chamado coala de Victoria é o máis grande, cun cranio de maior tamaño e unha pelaxe máis longa de cor marrón. Os límites entre estas variacións están marcados polos propios límites estatais dos estados correspondentes, e o seu status como subespecies está en disputa. Un estudo xenético de 1999 suxeriu que estas variacións representan poboacións diferenciadas cun fluxo xenético limitado entre elas, e que as tres subespecies compoñen unha unidade evolutiva significativa única. Outros estudos tamén atoparon que as poboacións de coalas presentaban altos niveis de endogamia e unha baixa variación xenética. Esta baixa diversidade xenética puido ter sido unha característica das poboacións de coalas xa dende o Plistoceno tardío. Tamén se demostrou que os ríos e estradas limitan o fluxo xenético da especie e contribuíron á diferenciación xenética das poboacións do sueste de Queensland. En abril de 2013, científicos do Australian Museum e da Queensland University of Technology anunciaron que conseguiran secuenciar o xenoma do coala por completo.
Aparencia e anatomía miniatura|200px|dereita|Coala femia. O coala é un animal de corpo compacto e a súa cola é vestixial ou non existente. Pode chegar a medir entre 60 e 85 cm e acada un peso de entre 4 e 15 kg, o que o converte nun dos marsupiais arborícolas máis grandes. A especie presenta un dimorfismo sexual, no que os machos acadan un tamaño un 50% maior que as femias. Os machos tamén se distinguen das femias por teren eles un fociño máis curvo, e pola presenza de glándulas pectorais (que producen secrecións olorosas), visibles en zonas do seu peito que non teñen pelaxe. Ó igual que moitos outros marsupiais, os coalas machos teñen un pene bifurcado, e as femias teñen dúas vaxinas laterais e dous úteros separados. A pel que recobre o pene dos machos contén unha serie de bacterias que xogan un papel importante na fecundación. A abertura do marsupio das femias pode contraerse por medio dun esfínter para previr que as crías caian fóra da bolsa, e os tetos están dentro da bolsa.
A pelaxe do coala é máis densa e longa nas costas, e máis curta no ventre. As orellas teñen unha pelaxe grosa tanto no interior coma no exterior. A cor da pelaxe das costas pode variar dende o gris claro ata o marrón chocolate, mentres que no ventre e cuartos traseiros é máis branca. A súa pelaxe das costas é a máis efectiva para o illamento térmico de todos os marsupiais, o que o fai moi resistente ó vento e a chuvia, mentres que a do ventre permítelle reflectir a radiación solar. As súas gadoupas teñen unhas unllas afiadas e curvadas ben adaptadas para gabear polas árbores. As gadoupas anteriores teñen dous dedos opoñibles ós outros tres que lles permiten agarrar pequenas pólas. Nas gadoupas posteriores, o segundo e terceiro dedo son sindáctilos (fusionados), condición habitual nos membros da orde Diprotodontia, e empregan as unllas separadas destes para acicalarse. Ó igual que os humanos e outros primates, os coalas teñen papilas dérmicas nas gadoupas. O esqueleto deste animal é robusto, e o seu tronco superior é curto e musculado, cunhas patas dianteiras proporcionalmente longas que lle axudan a gabear e coller ramas. Tamén se axudan a gabear por medio duns fortes músculos das coxas que se unen ás tibias nunha zona máis baixa que noutros animais. No final do espiñazo teñen unha zona cartilaxinosa que lles pode axudar a estar máis cómodos cando se pousan nas ramificacións das árbores.
miniatura|esquerda|200px|Esqueleto montado dun coala.