The Car é o sétimo álbum de estudio da banda inglesa de indie rock Arctic Monkeys, publicado o 21 de outubro de 2022 a través do selo Domino Recording Company. Foi composto polo líder do grupo Alex Turner na súa casa dos Ánxeles. Gravouse entre París, Suffolk e Londres coa produción do colaborador habitual do grupo James Ford, xunto cos músicos invitados Tom Rowley, Loren Humphrey e Tyler Parkford. Foi arranxado por Bridget Samuels e Turner. O batería Matt Helders sacou a fotografía da portada, que representa un coche branco nun aparcadoiro baleiro. O seu título refírese a dita portada e á abundancia de referencias a vehículos nas letras.
The Car baséase no son do anterior disco da banda, Tranquility Base Hotel and Casino (2018). Conta cunha ampla gama de xéneros que inclúen rock orquestral, lounge pop, baroque pop e funk, así como elementos de jazz. Tamén está influenciado pola música soul, a electrónica, o glam rock, a bossa nova, o pop tradicional e a música de películas antiga.
O álbum foi aclamado pola crítica tras o seu lanzamento. Os críticos loubaron a progresión artística da banda, a produción do álbum e as letras de Turner. O traballo estreouse no número 2 en dez países, incluído o Reino Unido, non chegando ao primeiro lugar por mor do disco Midnights de Taylor Swift. Foi o primeiro álbum de Arctic Monkeys que non chegou ao número 1 da lista británica. O disco foi promovido polos sinxelos "There'd Better Be a Mirrorball", "Body Paint" e "I Ain't Quite Where I Think I Am". The Car acadou o posto 6 da lista estadounidense Billboard 200.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Arctic Monkeys Categoría:Álbums musicais de 2022 Categoría:Álbums producidos por James Ford Categoría:Álbums de Domino Records