Célestin Freinet (Gars, Alpes Marítimos, 15 de outubro de 1896 - Vence, Alpes Marítimos, 8 de outubro de 1966) foi un mestre e pedagogo francés, creador das "Técnicas Freinet". Atribúeselle a xestación do chamado "materialismo escolar", partindo da filosofía krausista e marxista. Propón a autoxestión, cooperación e solidariedade entre o alumnado a través da introdución da imprenta na escola, o texto libre e o método natural de lectura e escrita. Foi o creador en 1928 da Cooperativa de Ensino Laico e da Escola proletaria, precedentes do Movemento da Escola Moderna de Freinet. Diferentes sectores de educadores e analistas considérano fundador da escola moderna-sindicalista. A súa obra máis coñecida naquel momento foi A imprenta na escola. Louis Legrand, un dos seus máis documentados biógrafos, sostén que Freinet "ábrenos no terreo da pedagoxía o camiño da razón e o corazón".

Ao comezo do século XXI, existen diversos colexios e institucións de elite que levan o seu nome ou anuncian as técnicas Freinet, na súa maioría baixo a coordinación da FIMEM.

Biografía Nacido nunha familia campesiña na Provenza francesa, na súa infancia foi pastor. Tras estudar en Grasse entre 1913 e 1919, ingresou na escola normal de mestres de Niza. Mobilizado durante a Primeira guerra mundial con apenas 19 anos, foi ferido gravemente nun pulmón, do que nunca se recuperou completamente. Recibiu a Lexión de Honra e tivo catro anos de convalecencia.

Mestre de escola miniatura|alt=Caricatura de Célestin Freinet por Luis Ricardo, lenda "Célestin Freinet"|Caricatura de Célestin Freinet por Luis Ricardo. En 1920 iniciouse como mestre de escola en Bar-sur-Loup, nos Alpes Marítimos. Nese período comeza a desenvolver a súa faceta activista pedagóxica con propostas como a imprenta na escola. Tamén comeza a publicar artigos na prensa profesional e política, e a participar nos congresos internacionais da chamada "Escola Nova". Nesas reunións toma contacto con docentes franceses como Bovet, Cousinet, Ferrière e Claparède. Tamén le os clásicos da pedagoxía contemporánea para preparar as oposicións á inspección primaria, que con todo non aprobou. Decepcionado quizais, decide apartarse tanto da pedagoxía tradicional como da nova e a pesar da súa admiración pola obra de Ferrière.

En Gars, o seu lugar de nacemento, crea unha cooperativa de traballadores para electrificar a poboación e convértese nun activista sindical nas filas do Partido Comunista, militancia que lle permite en 1925 viaxar á URSS cunha delegación sindical e coñecer alí a Krupskaia, Ministra de Educación e esposa de Lenin.

Militancia sindicalista Freinet estivo influído polas correntes obreiras e socialistas de comezo do século XX. De aí a súa militancia sindicalista e a base marxista do seu discurso, as críticas á sociedade capitalista e as súas propostas dunha "Educación polo Traballo, dunha Escola do Pobo e dunha Pedagoxía Popular e Moderna". Todo iso en clara resonancia coa Escola Nova. Aínda que os aspectos fundamentais de orientación pedagóxica de Freinet constitúen unha dura crítica á escola tradicional, tamén realiza críticas á Escola Nova, considerando que goza dunhas condicións económicas e ambientais moi favorábeis das que están privadas a maioría das escolas públicas.

O casamento con Élise En marzo de 1926 casa con Élise Lagier-Bruno, institutriz e artista, en Saint-Martin-de-Queyrières (unión da que nacerá unha filla, Madeleine, en agosto de 1929). En 1928, o matrimonio instálase temporalmente en Saint-Paul-de-Vence, onde Élise foi trasladada, e continúan desenvolvendo o corpo central da súa pedagoxía: a imprenta, a correspondencia interescolar, a cooperativa escolar e, a nivel nacional, a Cooperativa de Ensino Laico (CEL) que chegaría a converterse nunha verdadeira empresa de produción de material e edición de documentos pedagóxicos. Freinet xa é coñecido tanto a nivel nacional como internacional polos congresos nos que participaba ou organizaba.

A Cooperativa de Ensino Laico En 1927 publica o libro "A imprenta na escola" e crea no marco da Cooperativa de Ensino Laico (CEL), conxuntamente coa aprobación dos seus estatutos, un boletín chamado "L’imprimerie à l’école" que en principio é mensual. Posteriormente cambia a súa periodicidade a quincenal e en 1932 cambia o seu nome por "L'educateur prolétarien". Neste marco realizábanse anualmente congresos chegando a ter mil asociados en 1935.

A orixe da escola libre experimental sitúase entre 1934 e 1935, cando Freinet pon en marcha unha escola en Vence, con apoio comunista. O alumnado é na súa maioría interno e pertencente ás capas sociais desfavorecidas ou a familias en apuros. Ao empezar a segunda guerra mundial, é considerado perigoso debido á súa militancia comunista e é internado nun campo de concentración, aínda que máis tarde sae en liberdade e únese ao maquis do Briançonnais, que máis tarde chegaría a dirixir. Concluída a guerra, preside o Comité de Liberación dos Altos Alpes e renova a súa actividade en Vence.

O Instituto da Escola Moderna En 1948 a Cooperativa de Ensino Laico transfórmase no Instituto da Escola Moderna, que se traslada a Cannes. En 1953 Freinet foi expulsado do Partido Comunista, como disidente. Nese período reforza o sistema de coordinación do traballo pedagóxico e didáctico dos seus discípulos, creando o Institut Coopératif de l'École Moderne (ICEM), que tivo o seu reflexo internacional en 1958, coa fundación da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM).

Célestin Freinet faleceu en Vence oito días antes de cumprir os 70 anos de idade. O seu proxecto foi continuado pola súa compañeira Élise Freinet (1898-1983).

Continuadores esquerda|miniatura|Expansión das técnicas Freinet representada pola FIMEM. Aínda que a difusión das técnicas pedagóxicas de Freinet foi tan ampla como diversa, poden mencionarse algúns continuadores, por exemplo, en España, e durante o florecente período republicano, a Cooperativa Española da Imprenta na Escola, creada por Herminio Almendros e María Cuyás Ponsa, inspectores de ensino, e xerme da Revista Colaboración que organizaría varios congresos, algúns deles coa presenza de Freinet como ocorreu na Escola de Verán de Barcelona de 1933.

Por mor da Guerra Civil Española e do proceso de persecución e aniquilación dunha pedagoxía progresista emprendido polo franquismo e a Igrexa católica española, moitos dos mestres e mestras no exilio difundiron as técnicas de Freinet en Latinoamérica. En España, segue a súa pedagoxía o Movemento Cooperativo de Escola Popular (MCEP), que pertence á FIMEM (Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna).

As "técnicas de vida" Seguindo o testemuño de Élise Freinet, durante o período vivido en Bar-sur-Loup, Célestin experimentou dúas fases de "iluminación pedagóxica", interiorizando e superando a súa propia experiencia tras a Gran Guerra e o movemento para o novo modelo educativo que proporía. O grande descubrimento ou a clave de orixinalidade –común a case todos os movementos pedagóxicos contemporáneos de Freinet– foi "a necesidade imperiosa, física e psicolóxica, de saír da aula para ir buscar a vida na rica contorna do campo veciño e a artesanía aínda existente: a clase-paseo". Sobre esta base, Freinet desenvolveu un abanico de actividades para estimular "a libre expresión infantil, a cooperación e a investigación da contorna". A natureza axudaría ao pedagogo a elaborar unhas claves de traballo. Un exemplo levado ao cine é o filme de José Luis Cuerda, A lingua das bolboretas (1999), que reflicte a actividade dun mestre e o seu alumnado entregados á observación da natureza.

As principais técnicas descritas ao longo da súa obra son:

O texto libre: Texto realizado polos nenos e nenas seguindo estas fases: a escrita do texto, que constitúe unha actividade creativa e individual; a lectura ante todo o grupo, co que se traballa a entoación e a modulación da voz; o comentario de texto de forma colectiva; e outras técnicas como a impresión e reprodución dos textos para a revista escolar e a correspondencia. Ademais de exercitar a creatividade, o texto libre serve de soporte para a aprendizaxe da lectura. Como o texto procede dos propios nenos e nenas, séntense máis implicados e aprenden con maior facilidade. A revista escolar: Froito do traballo dos pequenos e pequenas que se constrúe a partir da propia organización do traballo. Constitúe unha ferramenta para comunicarse coas familias. A gramática e a ortografía cobran sentido porque non se debe publicar un texto con erros ortográficos. Os plans de traballo: Plans inseridos na planificación colectiva co alumnado e ao amparo dunhas decisións de grupo que, á súa vez, están na previsión xeral do curso. O neno ou a nena responsabilízanse do seu traballo e saben o que deben facer. miniatura|dereita|alt=Nenos e nenas plantando leitugas nun horto escolar|Nenos e nenas plantando leitugas nun horto escolar O horto escolar: Trátase de realizar cultivos e utilizalos como fontes de aprendizaxe conceptual, procedemental e actitudinal sobre o medio, a agricultura, as plantas, a tecnoloxía, a nutrición, a observación, a experimentación, a colaboración e o traballo. As conferencias: Exposicións orais desenvoltas no marco do grupo-clase, as críticas á realidade por parte do alumnado e o seu posterior estudo. Biblioteca de traballo: O material clasifícase de acordo coa dinámica e as necesidades de consulta do alumnado, que acceden libremente a el, pero tamén se responsabilizan de ordenalo e controlalo. A asemblea de clase: Espazo e tempo destinados a expor problemas, debater e intercambiar ideas, e buscar medios para a súa resolución, para planificar e posibilitar a realización de proxectos. Desenvolve as competencias vencelladas á planificación, toma de decisións, participación e de revisión do traballo e da vida do grupo-clase. A correspondencia escolar: A imprenta, pola súa divulgación escolar, social e humana inspirou a correspondencia escolar (interescolar, é dicir, entre escolas). Freinet consideraba necesario que os textos libres dos nenos e nenas fosen apreciados non só nas súas aldeas ou polos seus pais e nais, iniciando un intercambio dunha escola a outra de paquetes con postais, debuxos, cartas... A axenda escolar: Onde estarían consignadas informes, preguntas e suxestións para ser expostas durante as clases ou como un forma de plasmar futuros traballos. Intercambios escolares: Envío de mensaxes ou obxectos entre escolas para favorecer o texto libre e outras técnicas de vida. O debuxo libre: Similar ao texto libre, pero co debuxo como técnica principal. O ficheiro escolar cooperativo: Fichas onde se garda información que poida ser útil en traballos posteriores e contribuír coa resolución dos proxectos. O ficheiro nunca se acaba en tanto que todos os proxectos posteriores poden retroalimentala. Os talleres de traballo: Lugares dentro da escola onde se favoreza o uso de diferentes ferramentas relacionados coas profesións, onde os pequerrechos e pequerrechas poderán expresarse e desenvolver capacidade ao redor dun oficio. Carné escolar: Axuda á creación dun perfil do estudante, é unha forma de identificar ao alumnado durante as clases-paseo e ante as persoas que non pertenzan á escola. Ficheiros autocorrectivos: Poden adoptar formas diversas como cadernos de traballo ou fichas individuais. Hai varios tipos de ficheiros conducentes á aprendizaxe individual e autorregulada de cada estudante: información xeral, explotación (traballo de campo, elaboración etc.), busca de palabras, guías de traballo e solucións (propiamente autocorrectivos). Xornal mural: Permite unha creación grupal con novas que se poden organizar en seccións expostas na aula ou no centro traballando os textos, as fontes de información e as imaxes.

Riscos da pedagoxía Freinet