Cedro foi unha familia de foguetes espaciais líbaneses desenvolvidos ao principios dos anos 1960, ao principio de forma afeccionada e posteriormente co apoio do exército do país.
Historia A orixe dos foguetes Cedro está na fundación por parte do profesor armenio-libanés Manoug Manougian dun club de foguetería na Universidade Haigazian en novembro de 1960. Manougian viña de obter un grao en física e matemáticas pola Universidade de Texas, volvendo ao Líbano para exercer de profesor na universidade.
Afeccionado á foguetería, Manougian atopou que o club de foguetes comezou a ter popularidade, proporcionando algúns materiais básicos aos estudantes para comezar con probas rudimentarias e mellorando mediante o sistema de proba e erro. En abril de 1961 o club construíu un foguete que chegou aos 1000 m de altura, co seguinte chegando aos 2000 m. Nese punto o grupo atrouxo a atención dos militares, quen lles ofreceron os servizos do tenente Ioussef Wehebe, especializado en balística, e poder facer os lanzamentos nunha área segura, un antigo campo de tiro sen risco para edificios civís. Baixo a axuda dos militares o grupo tivo acceso a materiais máis adecuados para construír foguetes, con Manougian sempre declarando que a súa finalidade era puramente científica e educativa.
Despois dunha recepción na que o presidente Fuad Chehab asegurou fondos limitados para o proxecto, o club foi renomeado Sociedade de Foguetes Libanesa, e os foguetes comezaron a usar o nome de Cedro. En abril de 1963 o foguete Cedro IV chegou a unha altura de 145 km, rebasando a fronteira do espazo. Nese punto o exército tiña un interese máis práctico nos foguetes de Manougian, quen comezou a recibir algunhas ofertas doutros países veciños, declinando sempre ao sospeitar unha intención militar tras os intentos de contratalo. O proxecto comezou a declinar en xullo de 1964, tras un accidente no que dous estudantes resultaron feridos ao tratar un deles de preparar un foguete sen a supervisión de Manougian. O último lanzamento dun Cedro tivo lugar en 1966 e case acaba en accidente ao estar a punto de impactar nun buque británico que monitorizaba o lanzamento.
Coa Guerra dos Seis Días de 1967 e a posterior guerra civil no Líbano o proxecto finalizou e caeu no esquecemento, sen ter ningún tipo de continuidade.
Historial de lanzamentos
FogueteDataNotasCedro 1Abril de 1961Primeiro voo exitoso dun Cedro.Cedro 2Maio de 1961Cedro 2APrimeiro voo exitoso dun Cedro de dúas etapas.Cedro 2BCedro 2CCedro 321 de novembro de 1962Primeiro voo exitoso dun Cedro de tres etapas.Cedro 421 de novembro de 1963Cedro 5Cedro 622 de setembro de 1964Foguete dunha soa etapa.Cedro 712 de maio de 1966Foguete de dúas etapas.Cedro 84 de agosto de 1966Foguete de dúas etapas, chegando a 110 km de altura. Último lanzamento dun Cedro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Líbano Manoug Manougian
Categoría:Foguetes espaciais