A Cidade da Xustiza de Pontevedra é un complexo administrativo xudicial na cidade de Pontevedra, composto por dous grandes edificios de xulgados construídos en 1998 e 2019 no barrio da Parda.
Localización A Cidade da Xustiza de Pontevedra localízase ao oeste do barrio da Parda con entrada polas rúas Hortas e Francisco Tomás y Valiente e está a 500 metros das estacións de ferrocarril e de autobuses.
Historia Antes da construción do primeiro edificio dos xulgados na Cidade da Xustiza da Parda, a maioría de xulgados estaban diseminados en varios edificios da cidade de Pontevedra, varios deles en réxime de alugueiro, polo que co tempo xurdiu a necesidade de agrupar todas as dependencias xudiciais nun único complexo xudicial. Algúns dos xulgados localizábanse no Pazo de Xustiza de Pontevedra, sede da Audiencia Provincial, inaugurado o 17 de setembro de 1956 na rúa Rosalía de Castro. En 1948 o concello cedera o soar que ocupaba o antigo cárcere para construír o Pazo de Xustiza e en 1954 a Deputación de Pontevedra achegou un millón de pesetas para a súa construción.
Despois dun atraso de varios anos, o 18 de abril de 1995 presentouse o proxecto para a construción dun novo edificio dos xulgados na cidade, deseñado polo arquitecto Fernando Martínez Sarandeses. Prevíase levantar o edificio proxectado de 8 plantas na parte posterior do Pazo de Xustiza, no barrio de Campolongo, no terreo correspondente á actual praza da Liberdade. Con todo, en agosto de 1995 o alcalde da cidade, Juan Luis Pedrosa, conseguiu un difícil acordo para poder construír o novo edificio dos xulgados no barrio da Parda, no soar do antigo cárcere provincial.
O proxecto mantivo o deseño previsto para o barrio de Campolongo con algunhas modificacións puntuais para adaptalo ao novo soar do barrio da Parda. As obras empezaron o 30 de maio de 1996, unha vez demolido o antigo cárcere, e concluíron en febreiro de 1998. O novo edificio dos Xulgados foi inaugurado o 5 de marzo de 1998.
En 2010 este edificio xudicial atopábase xa colapsado pola falta de espazo, co que se expuxo a necesidade de construír un novo edificio dos xulgados anexo ao inaugurado en 1998. Este segundo edificio de xulgados foi deseñado polos arquitectos Gustavo e Lucas Díaz e Naiara Montero e empezou a construírse o 1 de agosto de 2016. O novo edificio foi inaugurado o 3 de setembro de 2019. A partir deste intre Pontevedra contou cunha Cidade da Xustiza conformada por estes dous edificios xudiciais no barrio da Parda.
Descrición A Cidade da Xustiza de Pontevedra atende a unha poboación de 500.000 habitantes e acolle as sedes da totalidade dos xulgados existentes no partido xudicial de Pontevedra: Instrución, Primeira Instancia, Penal, Social, Contencioso-Administrativo, Mercantil, Menores e Vixilancia Penitenciaria.
O edificio de 1998 (máis ao sueste con entrada principal na rúa Francisco Tomás y Valiente) acolle os 4 xulgados do penal, o xulgado de menores e o de vixilancia penitenciaria, a fiscalía e a sede do Instituto de Medicina Legal. O edificio de 2019 (con entrada na rúa Hortas) acolle os 2 xulgados do mercantil, os 4 xulgados do social, os 3 xulgados do contencioso-administrativo, os 3 xulgados de instrución e os 5 xulgados de primeira instancia. Pola súa banda a sede da Audiencia Provincial de Pontevedra, a súa Presidencia e as súas seccións 1, 2, 3 e 4 atópanse no Pazo de Xustiza no centro da cidade, na rúa Rosalía de Castro, 5, a un quilómetro da Cidade da Xustiza da Parda.
Arquitectura Os dous edificios de xulgados da Cidade da Xustiza de Pontevedra están conectados a través dunha pasarela acristalada de 40 metros no primeiro piso.
O Edificio dos Xulgados construído en 1998 ten oito plantas. Ten unha forma oblonga, a fachada ten un revestimento de pedra e destaca pola continuidade das múltiples xanelas dispostas simétricamente ao longo de todas as fachadas. As fiestras dispostas de modo continuo en todos os andares ocupan a maior parte das fachadas do edificio e permiten a entrada de moita luz no interior. O edificio conta con altas columnas que o rodean nos dous primeiros pisos nas fachadas sur, leste e oeste e que funcionan como pórtico de entrada.
O Novo Edificio dos Xulgados construído en 2019 ten dous sotos e seis plantas e ten capacidade para 28 xulgados. O edificio ten unha forma hexagonal irregular e espazos diáfanos e está articulado ao redor dun grande patio iluminado cenitalmente por lucernarios. A fachada está deseñada con aberturas en serie e planos biselados con lamas verticais que protexen do sol as paredes acristaladas. Nos dous primeiros pisos a fachada está revestida de pedra. No interior, na planta baixa e primeira planta, que comparten un gran vestíbulo, sitúanse o rexistro civil, as 16 salas de vistas con luz natural, unha gran sala de vodas e os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais e no resto das plantas os xulgados.
O Pazo de Xustiza situado no centro da cidade e construído en 1956 e deseñado polos arquitectos Robustiano Fernández Cochón e Germán Álvarez de Sotomayor y Castro ten unha planta rectangular, catro pisos e semisoto. A fachada é de pedra. A planta baixa está rodeada de almofadado e nos segundos e terceiro andares as fachadas oeste e leste están rebocadas con morteiro de cal ao redor de todas as xanelas e portas dos balcóns da fachada de entrada. O estilo sobrio e austero transmite a seriedade da súa función.
Galería
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Partido xudicial de Pontevedra Partidos xudiciais de Galicia Barrio da Parda
Ligazóns externas Novo Edificio dos Xulgados de Pontevedra
Categoría: Arquitectura civil en Pontevedra Categoría: Administracións públicas de Galicia