Francesc Pi i Margall, nado en Barcelona o 20 de abril de 1824 e finado en Madrid o 29 de novembro de 1901, foi un político, pensador e escritor catalán, presidente da Primeira República Española dende febreiro de 1873 até xaneiro de 1874. Partidario dun modelo federalista para a Primeira República, soubo unir as influencias de Proudhon para levar a cabo a política do Estado.
Traxectoria Primeiros anos Fillo dun tecedor, con sete anos ingresou no seminario; segundo se supón, a súa intelixencia e ansias por saber comezaron a desenvolverse con rapidez. Por aquelas, unha das maneiras que tiñan as xentes humildes de que os seus fillos tiveran estudos era logrando que os admitisen nun seminario. Tras o seu paso polo seminario, e con dezasete anos, Francesc Pi i Margall accedeu á Universidade de Barcelona, onde completou os seus estudos en Filosofía e logo, empezou a carreira de Dereito en 1837, a cal rematou aos 24 anos.
Dende cativo sentiu atracción pola literatura. Por iso colaborou co grupo de escritores románticos cataláns, sobre todo con Milá Fontanals e Pablo Piferrer.
En 1842 publicou Cataluña, primeiro e único volume de La España pintoresca, unha ambiciosa obra ilustrada que pretendía recoller todas as rexións de España. Unha época na que se desenvolvía a rexencia de Espartero na que a cidade se sublevaba contra a política do rexente provocando que a cidade fose canoneada dende a fortaleza de Montjuic.
Máis tarde, en 1847 trasladouse a Madrid onde gañou a vida publicando diversos artigos e facendo crítica teatral no diario El Correo, e incluso traballando na banca catalá. Pronto deixou de traballar no diario, o cal fechou pola publicación dun artigo de Pi durante o goberno de Narváez. Ao morrer o seu amigo Piferrer encargouse dos Recuerdos y bellezas de España, unha obra composta por litografías sobre paisaxes españolas; rematando o volume de Cataluña e comezando o de Andalucía, para o cal se desprazou até alí en varias ocasións. Anos máis tarde, comezou a Historia de la pintura, que foi prohibida acusada de conter ataques ao cristianismo. Os bispos e arcebispos meteron presión de tal maneira sobre o goberno que Juan Bravo Murillo tivo que ordenar a recollida da obra. Pi e o editor libráronse dos tribunais porque a denuncia interposta non foi admitida por estar fóra de prazo. Por suposto, Pi i Maragall tivo que abandonar a redacción de Recuerdos y bellezas de España e renunciar á publicación de todo o material que preparara. Os seus artigos nos xornais tiveron que aparecer con pseudónimo e todos os raios da reacción caeron sobre a súa cabeza cando ese mesmo ano (1851) presentou os seus Estudios sobre la Edad Media, obra que foi prohibida pola Igrexa católica española e non foi publicada até 1873. 150px|miniatura|Portada de 1839 do ambicioso proxecto artístico-literario de once volumes titulado Recuerdos y Bellezas de España.
O home político En 1848 ingresou no Partido Demócrata e en 1854 deixou de ser un home de letras para dedicarse á política. En poucos anos, Pi fíxose resoar no partido comezando a gañar popularidade entre os seus compañeiros e demais políticos da facción de esquerdas e da socialista.
Participou directamente no levantamento de Madrid de 1854, sendo o autor dunha proclama radical que non foi aceptada pola Xunta Revolucionaria e do panfleto El eco de la revolución, onde se pide o armamento xeral do pobo e a convocatoria das Cortes Constituíntes por sufraxio universal que establecesen a liberdade de imprenta, a de conciencia, a de ensinanza, a de reunión e a de asociación, entre outras máis. Consideradas como propostas avanzadas para a época, Pi tivo que pasar un tempo en prisión.
O mesmo ano expuxo a súa doutrina política en La reacción y la revolución, onde ataca á monarquía, a propiedade omnímoda e ao cristianismo, e bosquexa como solución a revolución democrática de base popular. A pesar de que a obra xa contiña as doutrinas federalistas que defendería durante a súa presidencia, a idea principal que desenvolve é a liberdade e a soberanía individual, que se pon por enriba da soberanía popular e polo que é reivindicado polos ácratas.
Durante o Bienio Progresista, o pobo de Barcelona propuxo a Pi i Margall como candidato a Cortes dese ano (1854), mais non sairía elixido. Na segunda volta, por poucos votos de diferenza, foi derrotado polo xeneral Joan Prim, membro do Partido Progresista.
En 1856 fundou a revista La Razón, pero a reacción moderada propiciou a súa desaparición. Durante o ano 1855 e até a súa retirada a Vergara, de onde volveu para traballar en La Discusión, xornal do que acabou sendo director en 1854; Pi i Margall comezara a dar leccións de política e economía nun cuarto da rúa Desengaño. A afluencia de mozos de todas as clases, de obreiros e de intelectuais foise facendo en pouco tempo tan numerosa que enchían corredores e escaleiras. Nestas leccións e conferencias, e até que o goberno llo prohibiu, comezaron a expoñerse as bases republicanas.
Desta época data a polémica que mantivo con Emilio Castelar sobre a concepción individualista ou socialista da democracia -mantendo el a segunda- provocando que a maioría do partido encabezado por José María Orense negara publicamente que os socialistas foran demócratas; Pi replicou coa denominada Declaración de los Treinta, na cal os trinta asinantes, membros do partido, cualificaban de demócratas a ámbalas dúas tendencias. Así, Pi renunciou ao seu posto de director aos seis meses.
O exilio Motivos
Dende 1864 Pi i Margall conspirou en contra da monarquía. Os sucesivos fracasos das insurreccións promovidas por Prim para obrigar a Isabel II a chamar ao goberno aos progresistas, culminaron na sublevación do cuartel de San Gil e o fusilamento de decenas de sarxentos dese cuartel.
Narváez, dende o goberno, desatou a conseguinte represión xeneralizada. A maioría dos demócratas e dos progresistas tiveron que fuxir a Francia para estar a salvo. Na noite do día 2 de agosto a policía asaltaba a vivenda de Pi i Margall. Afortunadamente, alguén o avisara pouco antes e tivo tempo para fuxir e evitar a súa detención. Permaneceu escondido uns días até que puido inicia a súa fuxida a Francia e chegar a París. Un tempo de reflexión A estancia en París permitiulle profundar no coñecemento de Proudhon, autor de influencias visibles no pensamento de Pi e ao que traduciu as súas principais obras ao español, participando deste modo indirectamente no nacente anarquismo hispano. Durante o seu exilio francés púxose en contacto cos núcleos positivistas e madurou a súa ideoloxía revolucionaria, baseada na destrución da autoridade para substituíla polo libre pacto consecutivo da federación.
Situación en España En setembro de 1868, o almirante Topete sublevou a escuadra en Cádiz; Prim incorporouse dende Xibraltar e chegaron a unirse os xenerais de Canarias. As gornicións fóronse sumando á sublevación e Prim, a bordo da fragata Zaragoza, ía gañando para a revolución, unha tras outra, todas as capitais costeiras do litoral mediterráneo. Dimitiu o ditador González Bravo e a raíña Isabel nomeou presidente do goberno ao xeneral José Gutiérrez de la Concha. O exército realista que mandaba o xeneral Pavía foi derrotado na batalla da Ponte de Alcolea polas forzas mandadas polo xeneral Serrano. O 30 de setembro Isabel II e a súa Corte saíron de Donostia e cruzaron a fronteira francesa. Porén, Pi non volveu a España e prolongou voluntariamente o seu exilio en París. Desconfiaba dos xenerais e pensaba que o novo réxime tampouco ía acometer as reformas fundamentais que o país necesitaba.
A revolución de La Gloriosa abría as portas a Pi para volver novamente a España.
Deputado Pi decidiuse a volver do seu exilio en París. O Goberno provisional estableceu as liberdades fundamentais e o 18 de decembro de 1868, por primeira vez en España, celebráronse unhas eleccións municipais por sufraxio universal. Logo, en xaneiro, celebraríanse unhas para deputados.
O Partido Democrático dividiuse en dous: os partidarios dunha monarquía democrática e os partidarios do réxime republicano federal. Pi i Margall, sen ter participado na campaña electoral, foi un dos 85 republicanos que obtivo acta de deputado. Coa división do partido apareceu o Partido Republicano Democrático Federal no que Pi iría destacando entre a minoría republicana.
Pi nunca quixo servir de apoio aos monárquicos nin axudalos, polo que rexeitou a Constitución de 1869, pero con 214 votos a favor e 55 en contra, a constitución de carácter monárquico-democrático aprobouse nas Cortes e estipulou a busca dun novo rei para España.
Os republicanos, detractores da monarquía, viaxaron por toda España predicando na súa contra e deleitando o pobo cos novas propostas dunha república federal para España.
Os republicanos comezaron a molestar ao xeneral Prim -encargado de atopar un novo rei- por iso ofreceu a Castelar e a Pi os cargos de ministro de Facenda e Fomento, pero foi un intento inservible para controlar o movemento republicano, o cal xa non tiña marcha atrás.
Mentres, Pi conseguira unha grandiosa popularidade no seu partido, o que o levou a partir de 1870 a dirixir o partido republicano.
O 16 de novembro votaron os deputados polo novo monarca, entre os favoritos estaban:
O príncipe alemán Leopoldo de Hohenzollern, cuxa candidatura foi vetada polos franceses. O duque francés de Montpensier, fillo de Lois Filipe de Orleáns, rei dos franceses, cuxa candidatura foi rexeitada polos alemáns. O príncipe portugués Fernando de Coburgo. O príncipe Amadeu de Savoia, fillo do antigo rei de Sardeña-Piemonte. O xeneral Baldomero Espartero.
As votacións obtidas foron as seguintes: 191 votos a favor de Amadeu de Savoia, 60 pola República federal, 27 polo duque de Montpensier, 8 polo xeneral Espartero, 2 pola República unitaria, 2 por Afonso de Borbón (futuro Afonso XII), 1 pola República, 1 pola duquesa de Montpensier e 19 papeletas en branco.
Tras o rexeitamento de Pi polo nomeamento de Amadeu de Savoia, comezou para o partido republicano unha época inestable na que se deberon situar politicamente nunha posición centralista que o partido non puido ocupar por definición. Comezo da Primeira República
200px|miniatura|Bandeira provisional da Primeira República, mentres se deseñaba unha nova tricolor de franxas vermella, branca e azul.
O 11 de febreiro de 1873, tras facerse pública a abdicación de Amadeu de Savoia do trono de España mediante o discurso de renuncia, as Cortes proclamaron a Primeira República.
Durante o primeiro goberno da República de Estanislao Figueras, Pi ocupouse do Ministerio da Gobernación no gabinete, frustrando o golpe de estado en contra do presidente. O primeiro goberno, durou do 11 de febreiro até o 11 de xuño. O presidente, ao non poder facer fonte aos problemas de España, exiliouse a Francia e rexeitou o cargo.
"Vacante el trono por renuncia de Amadeo I de Saboya, el Congreso y el Senado, constituidos en las Cortes Soberanas, han reasumido todos los poderes y proclamado la República. A consolidarla y darle prestigio han de dirigirse ahora los esfuerzos de todas las autoridades que de este Ministerio dependen. Se ha establecido sin sangre, sin convulsiones, sin la más pequeña alteración del orden: y sin disturbios conviene que se la sostenga, para que acaben de desengañarse los que la consideraban como inseparable de la anarquía. Orden, Libertad y Justicia: éste es el lema de la República. Se contrariarían sus fines si no se respetara y se hiciera respetar el derecho de todos los ciudadanos (...). Se le contrariarían también, si no se dejara amplia y absoluta libertad a las manifestaciones de pensamiento y de la conciencia; si se violara el más pequeño de los derechos consignados en el Título I de la Constitución de 1869."
Francesc Pi i Margall, 1873, Ministro de Gobernación: Circular del Ministerio de la Gobernación a todos los Gobernadores de provincias.
Segundo Presidente da República (11 de xuño - 18 de xullo)