Javier Enrique Delgado Saverio, coñecido como Kike Saverio, nado en Xénova o 19 de xuño de 1999, é un futbolista que xoga como extremo esquerdo. Conta con tripla nacionalidade (italiana, ecuatoriana e española).

Traxectoria

Barcelona Nacido en Xénova de pais ecuatorianos, ao pouco tempo trasladouse coa súa familia á cidade ecuatoriana de Balzar, antes de mudarse aos cinco anos a Barcelona. Tras xogar nas categorías inferiores do Cornellà, en 2015 ingresou na canteira do FC Barcelona. Comezou no xuvenil B adestrado polo galego Quique Álvarez e na tempada 2017/18 pasou ao xuvenil A, co que gañou a División de Honra e a Liga Xuvenil da UEFA aínda que perdeu boa parte de ambas competicións por unha lesión muscular de longa duración. Ao remate desa mesma campaña renovou o seu contrato co club ata 2020, cunha cláusula de rescisión de 50 millóns de euros.

Na tempada 2018/19 subiu ao Barcelona B, que militaba na Segunda División B, categoría na que debutou no partido da primeira xornada contra o Alcoyano, entrando na segunda metade como substituto de Ballou Tabla. Axiña se asentou na banda esquerda titular do equipo, ata que unha rotura do tendón do bíceps femoral cortou a súa progresión, afastándoo dos terreos de xogo durante catro meses. Pechou a súa primeira tempada no filial cun total de 15 partidos e un gol, que conseguiu diante do Olot.

Na súa segunda tempada no filial dirixido por García Pimienta xogou 22 encontros, nos que marcou cinco goles, e foi convocado por Quique Setién para un partido do primeiro equipo, co que non chegou a debutar. O 30 de xuño de 2020 deixou o club catalán, ao rematar o seu contrato.

Osasuna O 16 de setembro de 2020 asinou un contrato de tres anos con Osasuna, sendo inicialmente asignado ao filial, tamén da Segunda B. Disputou un só partido co Promesas, diante do Tudelano, mentres que no resto de xornadas foi convocado co primeiro equipo. Debutou con este o 15 de decembro, nun partido da Copa do Rei fronte ao Tomares, no que marcou un dos seis goles do seu equipo (0-6). Participou tamén no encontro da seguinte rolda de Copa, contra o Olot.

Cesión ao Andorra O 1 de febreiro de 2021 anunciouse a súa cesión ao FC Andorra, equipo da Segunda B. Co equipo dirixido por Eder Sarabia disputou un total de 12 partidos ata o remate da campaña, 8 deles como titular, e anotou un gol ante o Nàstic.

Cesión á Ponferradina Na tempada 2021/22 xogou cedido na Ponferradina, da Segunda División. Debutou na categoría na segunda xornada, substituíndo ao dianteiro José Naranjo na vitoria por 0-1 sobre o Eibar en Ipurua. Disputou un total de 32 partidos co equipo do Bierzo, 11 deles como titular, ata que na antepenúltima xornada de liga, na que marcou un gol contra o Burgos, caeu gravemente lesionado, ao sufrir a rotura do tendón de Aquiles.

Deportivo da Coruña En xaneiro de 2023 asinou contrato polo Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF. Disputou 15 partidos co club galego, saíndo habitualmente dende o banco, e marcou dous goles. Ao remate da tempada, e aínda cun ano de contrato por diante, desvencellouse do club e puxo rumbo á Superliga de Grecia como novo xogador do Aris Salónica.

Aris Militou dúas campañas no Aris Salónica, co que disputou un total de 54 partidos, anotando 5 goles.

Vitória En setembro de 2025 fichou polo Vitória, do Campionato Brasileiro. No conxunto de Salvador só disputou dous partidos no Brasileirão e seis no Campionato Baiano, e en xuño de 2026 o club rescindiu o seu contrato.

Selección nacional Elixible para representar a Italia, Ecuador e España, elixiu inicialmente este último país, debutando coa selección española sub-19 o 14 de novembro de 2017, nunha derrota por 1-2 ante Portugal. En 2019 foi convocado pola selección sub-20 de Ecuador para adestrar antes da Copa do Mundo sub-20 de 2019, pero non formou parte do equipo na fase final.

Palmarés Barcelona Xuvenil

División de Honra (1): 2017/18. Liga Xuvenil da UEFA (1): 2017/18.

Notas

Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Xénova Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Futbolistas de Ecuador Categoría:Futbolistas de España Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do CA Osasuna B Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores do FC Andorra Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Aris Salónica FC Categoría:Xogadores do EC Vitória