Crecente é un concello da provincia de Pontevedra, pertence á comarca da Paradanta. Segundo o IGE, en 2021 tiña 1.961 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «».

Poboación

Censo total (Habitantes) 1.961 Menores de 15 anos 88 (4,49 %) Entre 15 e 64 anos 1.071 (54,61 %) Maiores de 65 anos 802 (40,90 %)

Xeografía Limita cos concellos de Arbo e A Caniza (provincia de Pontevedra); Melón, A Arnoia, Cortegada, Pontedeva e Padrenda (provincia de Ourense) e fai fronteira con Portugal, separado polo río Miño. Ten 57,1 km².

Cara ao norte está formado por unha zona montañosa, e cara ao sur está formado por un grupo de vales profundos, dirixidos cara ao río Miño, que o separa de Ourense e Portugal.

Historia No límite co concello de Arbo atópanse uns petróglifos no monte, e nos lindeiros coa provincia de Ourense un túmulo megalítico.

Durante a idade de ferro, coa cultura castrexa construíronse varios castros: castro da Cidá ou castro de Sabanle, na parroquia de Quintela, onde se atoparon un tríscele (conservado no Museo de Pontevedra) e un torso de guerreiro castrexo (no Museo Quiñones de León de Vigo). Os castros do Cerco (na aldea de Bouza de Padrosos), o de Coutofurado ou de San Sebastián, en Parada de Rebordechán e o do lugar de Castro no propio Crecente están todos eles romanizados. Durante a dominación romana construíuse unha calzada bordeando o río Miño, e unha torre (orixe da de Fornelos).

Na idade media a zona formou parte do condado de Turonia, fronteira durante o Reino de Asturias e logo demarcación entre os condados de Galicia e Portugal, pertencendo parte dese concello á raíña Tareixa (nai do futuro rei de Portugal Henriques). Ó ser lugar de fronteira sufriu diversas escaramuzas e de aí proveñen as fortificacións de Fornelos e Sendelle, sendo as diversas parroquias posesións de diversos señores feudais, entre os que destacan os templarios (que fundaron o mosteiro de San Pedro de Crecente) o mosteiro de Melón, e a liñaxe dos Soutomaior. Esta familia obtivo numerosos bens e os seus conflitos foron moi soados.

O rei Fernando IV de España outorgou a Fernando Yáñez o señorío de Crecente. Durante a idade moderna, xa en 1642, o rei Filipe IV de España concedeu o título de conde de Crecente a Baltasar de Soutomaior por intercesión dun familiar seu na corte de Madrid. Durante a Guerra de Restauración Portuguesa Crecente volveu ó ambiente militar, coa refortificación de Fornelos e varios outeiros para impedir ataques e lanzar ofensivas ó país veciño, aínda que estivo lonxe dos grandes conflitos bélicos desta guerra, que sucedían en Salvaterra de Miño.

Natureza O contorno natural de Crecente está demarcado polos diversos vales, destacando á vista o encoro do río Frieira. Desde o monte de Chan de Moeiras, en Filgueira, hai unhas boas vistas panorámicas dos meandros do Miño, desde Meréns ata Cortegada.

Patrimonio O pazo da Fraga, en Albeos, e o pazo de Barreiro, en Vilar, son de orixe medieval.

O románico tivo implantación na zona, como se ve no mosteiro de San Paio de Albeos, adicado a San Paio, santo orixinario deste concello. A igrexa de Crecente, antiga colexiata, foi construída sobre as ruínas do mosteiro templario de San Pedro, construído no século XIV.

O castelo de Fornelos ten a súa orixe nunha torre romana que vixiaba a calzada romana de Crecente e logo ficou en ruínas ata a súa reconstrución durante as guerras de creación de Portugal, entre Afonso VII e Afonso Henriques. Na actualidade consérvase a torre da homenaxe (nela o nobre Pedro Madruga mantivo encarcerado ao bispo de Tui Diego de Murosno século XV) aínda que tiña tamén muralla e varias dependencias anexas, tivo uso ata a Guerra de Restauración ou Guerra de Independencia de Portugal do dominio español.

A capela da Virxe do Camiño, de estilo románico tardío, sitúase nunha antiga ruta do camiño de Santiago, e conta cun cruceiro ornamental. Na capela de Fátima, no Couto da Cruz, venérase a primeira imaxe existente en España vinculada á Virxe de Fátima, traída a ombreiros dende Portugal.

Alcaldía Julio César García-Luengo Montero (AP): 1979-1987 (PP): 1987-2014 Marisol Gómez Domínguez (PP): 2014-2015 Julio César García-Luengo Pérez (PP): 2015-actualidade

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Crecente Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Crecente vexa: Lugares de Crecente.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial

Categoría:Crecente