Santalla de Rei é unha parroquia pertencente ao concello da Pobra do Brollón na provincia de Lugo. En 2020 tiña 28 habitantes (11 homes e 17 mulleres) segundo os datos do IGE.
Xeografía miniatura|esquerda|300px|O Río Cabe chegando á presa de Santalla. Santalla de Rei sitúase nun pequeno val polo que transcorre o río Cabe, a 373 metros de altitude. Situada na metade norte do concello da Pobra do Brollón, limita coas parroquias de Veiga polo norte, Castrosante polo leste, Eixón polo sur e Pino polo oeste.
O único río que transcorre pola parroquia é o Cabe que entra polo Couto e divide a localidade en dúas metades. A maioría da aldea sitúase na cara oeste aínda que quedan algunhas casas na outra ribeira, do lugar da Ponte. Pertence á rede hidrográfica Miño-Sil e é tamén o principal río do concello.
Os regadíos e parte da auga corrente dependen do Cabe. Consérvase o muíño de Folla, que nos seus tempos era o único que funcionaba na parroquia, pero que actualmente se converteu en propiedade privada. Despois o río cruza O Agro e segue cara a Eixón.
Demografía En xaneiro de 2014, a parroquia tiña 32 habitantes, 17 homes e 15 mulleres, agrupados nas entidades da A Ponte, Reguengo e A Ribeira sendo a densidade media por entidade, para o mesmo ano, de 18 hab/km².
Coma na maioría das aldeas galegas, principalmente as do interior rural, a súa poboación está minguando. Nos últimos anos (1991-2007) a poboación diminuíu en 18 habitantes, principalmente, a causa da alta taxa de mortalidade e do progresivo avellentamento da poboación. Todo e así, Santalla é a terceira parroquia do concello que menos habitantes perdeu neste período, afirmación evidente tendo en conta que a media de habitantes perdidos por parroquia no concello durante este período se sitúa en 48.
Historia Hai indicios que apuntan a que no lugar onde se atopa Santalla de Rei atopábase a antiga vila, orixe do concello da Pobra do Brollón. Esta vila foi queimada e destruída por motivos descoñecidos, probablemente enmarcados en loitas pola sucesión ao trono de Castela na Idade Media, e trasladada á localización actual da vila da Pobra do Brollón, coñecida entón como San Pedro de Entrambasaugas.
Figura en documentos antigos como Santalla de Mouro Queimado, ou Santalla do Rei Queimado que din algunhas lendas e tamén os veciños da zona. O nome de Santalla deriva de Santa Baia e o último nome dálle o apelido de Rei.
Santalla de Rei foi durante moitos séculos o arciprestado de moitas parroquias pertencentes aos concellos de Bóveda e A Pobra do Brollón. Actualmente forma un só arciprestado co do Incio. Hai constancia da súa existencia dende 1645.
Segundo aparece nun dicionario de 1850Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar / por Pascual Madoz, o lugar de Pacios de Veiga, que actualmente pertence á parroquia da Ferreirúa, pertencía a Santalla, así como as súas dúas serras: a de Pacios e a de Portocabe.
Patrimonio artístico 250px|miniatura|Igrexa de Santalla. Igrexa de Santalla. Data do século XVII. Está situada no centro da Ribeira e ten ao seu redor o cemiterio parroquial. Está formada por unha nave principal rectangular con tellado de lousa a dúas augas e campanario con cataventos e dúas campás. A sancristía está pegada ao presbiterio. No seu interior posúe un retablo datado en 1697 con diversas imaxes, entre elas unha imaxe da Santa Lucía e Santa Baia, da mesma época có retablo. Nos laterais atopamos imaxes de San Antón e Santiago Apóstolo. Nos laterais da igrexa encontramos dous pequenos retablos centenarios coas imaxes da Santa Lucía e da Virxe do Rosario. No ano 2003, a igrexa foi restaurada interior e exteriormente sen modificar a súa estrutura orixinal. Muíño de Folla, situado na ribeira dereita do río Cabe, no Reguengo, agora en desuso, restaurado e de propiedade privada.
Comunicacións Santalla está comunicada co resto do municipio mediante varias vías. A principal estrada que pasa pola parroquia é a LU-4703 que comunica con Pino, Veiga e coas estradas LU-652 (Bóveda-N-120) e LU-653 (A Pobra do Brollón-O Incio). Nesta estrada hai desvíos a Pacios de Veiga, Eixón e A Ferreirúa de Abaixo.
Hai tamén unha pista asfaltada que une a parroquia coa LU-653 en Pacios de Veiga, pasando por Cortiñas e A Ponte de Veiga.
Finalmente hai varias corredoiras e carreiros que levan a varios prados e campos, e a Eixón e Castrosante.
Festividades Romaría da Santa Lucía As festas parroquiais celébranse, cunha tradicional romaría, o penúltimo sábado de agosto na honra a Santa Lucía. Os principais actos son a procesión e a misa, na que os devotos lle pasan panos polo ollos á imaxe de Santa Lucía, patroa da vista.
Celebrábase antigamente o 26 de setembro e seguía o 27. Era costume que veciños doutras aldeas da zona fosen comer ó campo da festa de merenda. Tamén era tradicional unha actuación de titores chamados Os Barrigaverdes. Nos anos 70 cambiouse a agosto porque normalmente chovía.
Entroido Celébrase ás veces na parroquia, no mes de xaneiro ou febreiro. Santalla participou en numerosas ocasións no concurso de comparsas en Monforte de Lemos, gañando varias veces, como en 2004 cun avión xigante, e en 2005 coa comparsa Adán e Eva.
Lugares e parroquias Lugares de Santalla de Rei
Parroquias da Pobra do Brollón
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares da Pobra do Brollón.
Ligazóns externas Páxina de Santalla de Rei
Categoría:Parroquias da Pobra do Brollón Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de Santalla