Esther Mayoko Ortega Arjonilla, nada en Madrid no século XX, é unha historiadora, doutora en filosofía da ciencia e profesora universitaria española de orixe ndowé. Tamén é activista feminista, lesbiana e antirracista. Desenvolveu a súa traxectoria investigadora e divulgativa sobre temas de sexodiversidade, racismo e feminismo. Traxectoria
Filla de pai guineano e nai andaluza, medrou en Móstoles. Doutorouse en Filosofía da Ciencia na Universidade de Santiago de Compostela. Realizou, amais, un mestrado en Teoría feminista e Licenciada en Historia, especializada en Antropoloxía Americana e Historia de América, pola Universidade Complutense de Madrid. Na súa tese de doutoramento afondou sobre «a regulación biomédica dos corpos sexuados, as prácticas de xénero e as controversias socio-médicas asociadas a estas regulacións no caso das identidades trans* no estado español».
Ortega enfocou a súa traxectoria investigadora nos estudos de ciencia, tecnoloxía e sociedade (STS), o xénero, a raza e a etnicidade, a teoría feminista-queer e as súas interseccións. É profesora do Posgrao en Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello Superior de Investigacións Científicas na Universidade Complutense de Madrid e no programa Tufts-Skidmore Spain. Amais, foi relatora e profesora en diferentes cursos e charlas sobre cuestións de raza, sexo e sexualidade e escribiu na revista Pikara Magazine.
Ortega formou parte de movementos antirracistas feministas e de disidencia sexual. Nos anos 90 foi cofundadora do colectivo feminista universitario Insumisas al Género e exerceu o activismo feminista no centro social Eskalera Karakola de Madrid até o seu desaloxo en 2004. Ortega tamén pertence á asociación Conciencia-Afro (antes denominada Espacio Afroconciencia e vinculada ao espazo cultural Matadero Madrid), xunto a Yeison García e Rubén H. Bermúdez, desde onde exerce a súa militancia política.
En 2003 empezou a colaborar con estudos de xénero e tecnoloxías médicas desde unha perspectiva de xénero, así como en diferentes proxectos de investigación nacionais e europeos, como o ITEMS, o BIOGENTEC e o VIVERTEC. Colaborou con Voces múltiples, saberes plurales y tecnologías médicas, un proxecto de I+D sobre ciencia, tecnoloxía e xénero do CSIC liderado pola filósofa Eulalia Pérez Sedeño.
Publicacións Publicou e colaborou en varios artigos e libros. Algúns deles son:
El eje del mal es heterosexual: Figuraciones, movimientos y prácticas feministas queer (Traficantes de Sueños, 2005) Cartografías del cuerpo. Biopolíticas de la ciencia y la tecnología (Cátedra, 2014) Barbarismos queer y otras esdrújulas (Bellaterra, 2017), en coautoría con Lucas Platero y María Rosón Conocimientos, prácticas y activismo de las epistemologías feministas (2019)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Publicacións de Esther (Mayoko) Ortega Arjonilla dispoñibles en formato PDF Obras, colaboracións e artigos de Esther (Mayoko) Ortega Arjonilla en acceso libre
Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Móstoles Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Activistas LGBT de España