Julio Augusto Zachrisson Acevedo, nado en Cidade de Panamá o 5 de febreiro de 1930 e finado en Madrid o 18 de decembro de 2021, foi un pintor, gravador e escultor panameño asentado en Madrid (España).

Traxectoria Iniciou a súa formación artística na Escola Nacional de Pintura de Panamá baixo a dirección do pintor Juan Manuel Cedeño Henríquez. Nos primeiros anos da década dos anos 50, despois de visitar diferentes países de Centroamérica, estableceuse en México onde acudiu á Escola Nacional de Pintura, e á de Escultura e Gravado "A Esmeralda", entrando en contacto coas estéticas do muralismo mexicano e a pegada de Rufino Tamayo. Tamén foi importante o seu paso polo Taller de Gráfica Popular fundado por José Guadalupe Posada. En 1960 expuxo por primeira vez na Universidade de Panamá e ese mesmo ano viaxou a Europa, traballando en Italia nos talleres da Academia Pietro Vannucci de Perugia. Máis adiante trasladaríase a Madrid, onde estudou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, achegándose á arte do gravado.

Obra A obra de Zachrisson reflicte a herdanza de tres tradicións artísticas. A primeira é a dos seus predecesores panameños. A segunda, a dos referentes culturais de Centroamérica que coñeceu na súa época mexicana nos anos 50. Ambos amosan a súa influencia "desde el indigenismo y las pinturas precolombinas". Por último, o universo hispánico en Europa, que coñeceu a través da súa estancia en Italia e do seu establecemento en España.

A súa obra forma parte de importantes coleccións como as da Biblioteca Nacional de España, o Museo de Arte Contemporánea, en Madrid; o Museo de Arte Contemporánea Latinoamericana de La Plata (MACLA); o MoMA e o Metropolitan Museum of Art, ambos en Nova York; Museo de Poznan, Polonia, Museo de Arte de Cincinnati, Cincinnati, Museo de Gravado Goya, Fuendetodos, España, Instituto de Artes Gráficas de Oaxaca, México, así como en coleccións de todo o mundo (Iugoslavia, Iraq, Colombia, Chile, Porto Rico e Francia).

Exposición "Un artista entre dos orillas" En decembro de 2020 o Museo de Arte Contemporánea de Madrid acolleu na súa sede do Cuartel Conde-Duque a exposición "Un artista entre dos orillas" ("Un artista entre dúas costas"). O artista doou á institución os cincuenta e dous gravados da exposición, unha exposición retrospectiva con obra plástica, gráfica e escultórica do autor, exemplo de sincretismo, tanto na técnica como na temática.

Falecemento Faleceu en Madrid na madrugada do sábado 18 de decembro de 2021 aos noventa e un anos, nove días despois da morte da súa muller Marisé (María José) Torrente Malvido, filla do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester e irmá de Gonzalo Torrente Malvido.

Notas

Categoría:Pintores de Panamá Categoría:Nados en Panamá Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2021