Radio Juventud, co indicativo EFJ 11, foi unha emisora integrada na Cadena Azul de Radiodifusión que existiu na Coruña entre 1952 e 1989.
Historia A sección xuvenil da FET de las JONS, Frente de Juventudes, desenvolveu dende a década de 1940 a creación de diferentes radios, chamadas estacións escolas, coa idea de formar a futuros profesionais da radiodifusión. Con esa filosofía, en 1952 fundaron unha estación escola na Coruña que, en 1956, pasou a denominarse Radio Juventud. Os seus primeiros estudios localizáronse na rúa Juana de Vega, aínda que na década de 1960 instalouse no edificio A Terraza dos Xardíns de Méndez Núñez.
Na Radio Juventud da Coruña traballaron profesionais como Xosé Antonio Perozo, Antón Luaces, Jesús Mariñas, Alberte Suras, Francisco Gutiérrez Ríos, Carmen Deus, José María Comesaña, Manuel Torreiglesias, María Xosé Porteiro, ou Nonito Pereira, que fixo un programa de jazz en 1967. O primeiro director da emisora foi Joaquín Antonio Tabernero Balsa (1952-1956), substituído por José Couceiro Tovar (1956-1981).
Como parte da Cadena Azul de Radiodifusión, Radio Juventud da Coruña integrouse en Radiocadena Española. En 1986, adoptou o nome de Radiocadena Compás, dedicada á radio fórmula musical. Finalmente, en 1989, logo da absorción de Radiocadena por RNE, a frecuencia de Radio Juventud atribuíuse a Radio 5 Todo Noticias.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Cadena Azul de Radiodifusión
Categoría:Emisoras de radio de Galicia Categoría:Medios de comunicación da Coruña