Óscar Manuel Gilsanz González, nado en Betanzos o 4 de xaneiro de 1973, é un adestrador de fútbol galego que dende 2024 dirixe o Deportivo da Coruña, da Segunda División.

Traxectoria Naceu en Betanzos no seo da familia fundadora da empresa de autocares Gilsanz. Vencellado futbolisticamente durante décadas ao Betanzos, criouse na canteira do club, e debutou co primeiro equipo en 1991. Militou no club brigantino durante as seguintes 14 tempadas, 10 delas como capitán, exceptuando cinco meses que pasou no CD Bullense de Murcia. Xogou preto de 500 partidos coa camiseta vermella, viviu un ascenso a Terceira División e disputou dúas fases de ascenso á Segunda División B. Retirouse en 2005, despois de militar durante unha campaña no Sporting Sada.

Traballou como adestrador na canteira do Betanzos durante dúas décadas, comezando xa con 14 anos, e adestrou a todas as categorías do club, dende os benxamíns ata os xuvenís. En 2007 adestrou durante uns meses o Laracha, en Preferente, ata que foi cesado e substituído por Carlos Brizzola. En 2008 regresou ao Betanzos e colleu as rendas do primeiro equipo, ao que ascendeu na tempada 2010/11 á Terceira División. Con todo, poucos meses despois do ascenso presentou a súa dimisión, alegando inxerencias do presidente Ramiro Rilo no seu traballo. Á súa renuncia sumáronse as do seu axudante, o preparador de porteiros, o delegado e o capitán do equipo, José Luis Poncela.

Na tempada 2014/15 foi contratado como novo adestrador do Racing Villalbés, da Terceira División, ao que dirixiu durante catro tempadas. Con Diego Villares como principal referencia no campo, o equipo chairego obtivo un noveno posto, dous quintos e finalmente na tempada 2017/18, o terceiro lugar da táboa, o mellor resultado da historia do club. Disputou a promoción de ascenso á Segunda División B e eliminou ao Atlético Pulpileño na primeira rolda, pero caeu na segunda diante do Atlético Levante.

Para a tempada 2018/19 incorporouse á estrutura do Deportivo da Coruña, que lle deu o mando do Laracha, equipo da Terceira División que durante esa tempada foi o segundo filial do club coruñés. Con todo, o descenso do Fabril a Terceira, supuxo tamén o descenso automático do Laracha á Preferente Galicia.

Na tempada 2020/21 foi elixido para adestrar o Deportivo da Coruña Xuvenil, labor que compaxinou co seu traballo na empresa familiar de autobuses. Cun cadro de xogadores entre os que se atopaban Trilli, Dani Barcia, Guille Bueno, Brais Val, Mella ou Noel, o equipo de Gilsanz proclamouse campión do seu grupo da División de Honra e a continuación conquistou a Copa de Campións, tras derrotar sucesivamente a Las Palmas, Real Madrid e FC Barcelona.

En xullo de 2021 colleu as rendas do Fabril, na Terceira División. Na súa primeira campaña á fronte do filial deportivista apostou pola xuventude e por varios dos mozos cos que se proclamara campión xuvenil o ano anterior. O equipo quedou quinto e disputou a fase de ascenso a Segunda División RFEF, caendo por 1-0 diante do Ourense CF. Recolleu finalmente os froitos na tempada 2022/23, proclamándose campión do Grupo 1 de Terceira, e obtendo así o ascenso de xeito directo. Na seguinte campaña conseguiu o obxectivo da permanencia, rematando na novena posición da táboa.

Comezou a tempada 2024/25 á fronte do filial, pero a finais de outubro colleu as rendas do primeiro equipo do Deportivo trala destitución de Imanol Idiakez. Aínda que nun principio se esperaba que ocupase o cargo só de xeito interino mentres non se contrataba outro técnico, a goleada a domicilio sobre o Cartagena por 1-5 no seu primeiro partido propiciou que uns días despois fose confirmado pola directiva do club como o adestrador do equipo ata o final da tempada.

Palmarés

Como futbolista Betanzos Preferente Galicia (1): 1992/93.

Como adestrador Betanzos Preferente Galicia (1): 2010/11.

Deportivo da Coruña Xuvenil Copa de Campións (1): 2020/21. División de Honra (1): 2020/21.

Fabril Terceira División RFEF (1): 2022/23.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1973 Categoría:Futbolistas de Betanzos Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Betanzos CF Categoría:Xogadores do Sporting Sada Categoría:Adestradores do Laracha CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Betanzos CF Categoría:Adestradores do Racing Vilalbés Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña