Ignacio García Mallo, coñecido simplemente como Mallo, nado en Vigo o 20 de febreiro de 1960, é un exfutbolista galego, que xogaba como porteiro.

Traxectoria Tras militar nos equipos xuvenís do Alerta e do Traviesas, xogou durante dúas tempadas co Gran Peña na Terceira División, antes de fichar en 1980 polo Compostela, de Segunda División B. Foi titular durante tres tempadas no equipo santiagués, ás ordes de José López nas dúas primeiras e de Carrió na última, sendo o gardameta elixido por diante doutros como Carlos ou Dosi, e converténdose nun dos mellores porteiros da categoría.

A finais da tempada 1982/83 foi traspasado ao Mallorca, da Segunda División, debutando na categoría da man de Lucien Muller na derradeira xornada ante o Real Madrid Castilla, partido no que o equipo balear certificou o seu ascenso á Primeira División. Na seguinte campaña competiu co vasco Zubeldia pola titularidade, debutando na máxima categoría na 12ª xornada, con Serra Ferrer como técnico. Foi nun partido ante o Real Madrid no estadio Lluís Sitjar, no que recibiu dous goles de Santillana e Gallego, perdendo o seu equipo por 0-2.

O Mallorca acabou descendendo ao remate da tempada, pero conseguiu subir de novo a Primeira na 1985/86. Mallo permaneceu durante seis anos no club, acumulando 102 partidos, 23 deles na máxima categoría. Posteriormente militou na Segunda División B, vestindo as camisetas da Cultural Leonesa, o Ceuta, o Córdoba e o Ourense.

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1960 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do AD Ceuta Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do CD Ourense