Maria Ivanovna Dolina (en ; en ), nada en Sharovka (RSFS de Rusia) o 18 de decembro de 1922 e finada en Kíiv (Ucraína) o 3 de marzo de 2010, foi unha piloto de Pe-2 e xefa de escuadra na 125ª Mariña de mulleres «Marina Raskova» do Rexemento de Bombardeiros. Estivo activa principalmente na 1ª Fronte Báltica durante a segunda guerra mundial. O 18 de agosto de 1945 foi nomeada Heroína da Unión Soviética.

Primeiros anos Naceu na aldea de Sharovka (actual Distrito de Poltavsky, Oblast de Omsk, Siberia). Foi a primoxénita dunha famillia campesiña de orixe ucraína.

En 1934, após o pai de Maria perder unha perna na guerra civil rusa, a familia regresou a Ucraína. Debido á situación do pai, Dolina tiña que manter a familia enteira, co que deixou a escola e comezou a traballar nunha fábrica. Malia a oposición da nai, Maria adestrou nun club de voo da agrupación paramilitar Osoaviakhim. En 1940 graduouse na Escola de Voo de Khersón, tras o cal ingresou na escola de voo militar Engels. Antes da invasión alemá do 22 de xuño de 1941, traballou como instrutora de voo en clubs de Dnipropetrovsk e Mikolaiv.

Segunda guerra mundial En xullo de 1941 iniciou o servizo militar. Inicialmente pilotou un Polikarpov Po-2, en colaboración con unidades de infantaría. Posteriormente converteuse en membro da tripulación dun Petliakov Pe-2, unha aeronave de medio alcance de dobre motor, no 587º Rexemento Aéreo de Voo Picado.

Dolina admitiu que descansaba pouco. Con todo, foi nomeada xefa de escuadra da súa unidade, posteriormente rebautizado como 125º Rexemento Aéreo de Voo Picado «Marina Raskova».

O 2 de xuño de 1943 a aeronave de Dolina foi alcanzada por fogo antiaéreo inimigo sobre a rexión de Kuban antes de lograr o seu obxectivo, o que inutilizou un dos motores e causou un incendio. O seu escolta desaparecera mentres perseguía cazas inimigos. Aínda así, continuou a voar e liberou a bomba segundo o previsto. No voo de regreso, xa sen escolta, foi atacada por seis aeronaves alemás (dúas Fw 190 e catro Bf 109). O seu artilleiro de cola derrubou un Fw 190 e un Bf 109. En total, Maria voou en setenta e dúas misións en que bombardeou arsenais inimigos, baluartes, carros de combate, baterías e transportes ferroviarios e acuáticos. Tamén deu apoio ás tropas terrestres soviéticas.

Despois da guerra Dolina continuou a servir na Forza Aérea Soviética como xefa de escuadra dun rexemento de bombardeiros. Viviu en Šiauliai (na actual Lituania) e despois en Riga (na actual Letonia), onde traballou no Comité Central do Partido Comunista Letón até 1975. Casou dúas veces, en ambas con ex-mecánicos da Forza Aérea Soviética. Despois de que o seu primeiro marido morrese en 1972, casou con outro do rexemento en que ela servira.

No 50º aniversario do fin da segunda guerra mundial, Dolina foi ascendida a comandante polo presidente ucraíno Leonid Kuchma. Moitas escolas secundarias e destacamentos de pioneiros da URSS foron bautizados no seu honor.

Dolina residiu en Kíiv desde 1983 até o seu pasamento o 3 de marzo de 2010 con 87 anos. En 2009 participara nas celebracións do Día da Vitoria.

Premios e condecoracións Dúas Ordes da Bandeira Vermella (1 de xullo de 1943 e 1 de xullo de 1944) Heroína da Unión Soviética (18 de agosto de 1945) Orde de Lenin (18 de agosto de 1945) Orde da Guerra Patria, 1ª clase (11 de marzo de 1985) Medallas de campaña e de servizo Orde de Bohdan Khmelnitski (14 de outubro de 1999) Cidadá Honoraria de Kíiv (2003)

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Heroes da Unión Soviética Categoría:Finados en 2010 Categoría:Nados en 1922 Categoría:Aviación na Unión Soviética Categoría:Aviación militar da segunda guerra mundial