Joyland (en ) é un filme paquistaní de 2022 escrito, dirixido e coeditado por Saim Sadiq, no seu debut como director. Está protagonizado por Ali Junejo, Rasti Farooq, Alina Khan, Sarwat Gilani e Salmaan Peerzada. Ambientado na cidade de Lahore, Joyland céntrase na familia de clase media Rana, encabezada por un patriarca ancián (Peerzada) que anhela o nacemento dun neto. Obriga á súa nora Mumtaz (Farooq) a deixar o seu traballo despois de que Haider (Junejo), o seu fillo máis novo e marido de Mumtaz, atopa traballo nun teatro de danza erótica. Porén, as complicacións xorden cando Haider se namora de Biba (Khan), unha bailarina transxénero.
Joyland estreouse internacionalmente no Festival de Cannes o 23 de maio de 2022, converténdose no primeiro filme paquistaní en estrearse neste festival de cinema. Proxectouse na sección Un Certain Regard, onde competiu pola Caméra d'Or. O filme recibiu unha grande ovación tras a súa proxección e gañou o Premio do Xurado do festival, así como o premio Queer Palm ao mellor filme de temática LGBTQ.
Despois de ser prohibido inicialmente para a súa estrea en cinemas de Paquistán, Joyland foi aprobado para a súa estrea con pequenos cortes, estreándose no país o 18 de novembro de 2022, e recibiu polo xeral valoracións positivas por parte da crítica. Foi escollido como candidato de Paquistán para o Óscar ó mellor filme internacional na 95ª edición dos premios, e o 21 de decembro de 2022 converteuse no primeiro filme paquistaní en clasificarse na lista curta de decembro.
Personaxes Ali Junejo como Haider Rasti Farooq como Mumtaz Alina Khan como Biba Sarwat Gilani como Nucchi Salmaan Peerzada como Rana Amanullah Sohail Sameer como Saleem Sania Saeed como Fayyaz
Notas
Véxase tamén Outros artigos Filmes de Paquistán propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Filmes propostos ó mellor filme internacional na 95ª edición dos Óscar
Categoría:Filmes de 2022 Categoría:Filmes en lingua urdú Categoría:Filmes en lingua panxabí Categoría:Filmes de Paquistán Categoría:Filmes sobre temática LGBT de Paquistán Categoría:Filmes sobre o embarazo Categoría:Filmes sobre suicidio Categoría:Filmes sobre infidelidade