As glutarredoxinas (tamén chamadas tioltransferases) son pequenos encimas redox de aproximadamente cen residuos de aminoácidos que usan o glutatión como cofactor. Nos humanos estes encimas de reparación tamén se sabe que participan en moitas funcións celulares, incluíndo a sinalización redox e a regulación do metabolismo da glicosa. As glutarredoxinas son oxidadas por substratos e reducidas non encimaticamente polo glutatión. En contraste coas tiorredoxinas, que son reducidas pola tiorredoxina redutase, non existen oxidorredutases que reduzan especificamente as glutarredoxinas. No seu lugar, as glutarredoxinas son reducidas pola oxidación do glutatión. O glutatión reducido é despois rexenerado pola glutatión redutase. Estes compoñentes xuntos constitúen o sistema do glutatión.

Igual que a tiorredoxina, que funciona de xeito similar, a glutarredoxina posúe un centro activo con enlace disulfuro. Existe en forma reducida ou oxidada na que os dous residuos de cisteína están ligados por unha ponte disulfuro intramolecular. As glutarredoxinas funcionan como transportadores de electróns na síntese dependente de glutatión de desoxirribonucleótidos feita polo encima ribonucleótido redutase. Ademais, as glutarredoxinas actúan na defensa antioxidante ao reducir o dehidroascorbato, peroxirredoxinas e metionina sulfóxido redutase. Ademais das súas funcións na defensa antioxidante, as glutarredoxinas de bacterias e plantas únense a grupos de ferro-xofre e ceden estes grupos a encimas segundo o demanden.

En virus

Foron secuenciadas glutarredoxinas en diversos virus. Baseándose nunha extensa similitude de secuencia, propúxose que a proteína O2L de Vaccinia virus pode ser unha glutarredoxina. A tiorredoxina do bacteriófago T4 parece estar relacionada evolutivamente. Na posición 5 do padrón T4, a tiorredoxina ten Val en vez de Pro.

En plantas Describíronse aproximadamente 30 isoformas de glutarredosinas na planta modelo Arabidopsis thaliana e 48 en Oryza sativa L. Segundo o seu centro activo redox, son subagrupadas en seis clases: CSY[C/S], CGFS, CC e 3 grupos cun dominio adicional de función descoñecida. As glutarredoxinas de tipo CC soamente se atopan en plantas superiores. As glutarredoxinas de Arabidopsis están implicadas no desenvolvemento floral e a sinalización por ácido salicílico.

Subfamilias Subgrupo da glutarredoxina

Proteínas humanas que conteñen este dominio GLRX; GLRX2; GLRX3; GLRX5; PTGES2

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas entrada da base de datos encimáticos Expasy

Categoría:oxidorredutases Categoría:Dominios proteicos Categoría:Proteínas transmembrana Categoría:Antioxidantes