O CD74 (grupo ou cluster de diferenciación 74) ou cadea invariante (Ii), tamén chamado cadea gamma do antíxeno de histocompatibilidade HLA de clase II ou cadea invariante asociada a antíxenos HLA-DR é unha proteína que nos humanos está codificada no xene CD74 do cromosoma 5. A cadea invariante é un polipéptido que desempeña un papel esencial na presentación de antíxenos. Intervén na formación e transporte de complexos MHC de clase II-péptido para a xeración de respostas de células T CD4+. A forma da superficie celular da cadea invariante coñécese como CD74. A CD74 é un receptor da superficie celular para a citocina factor inhibidor da migración de macrófagos (MIF).
Función
A proteína nacente MHC de clase II no retículo endoplasmático rugoso (RER) únese a un segmento da cadea invariante (Ii; un trímero) para dar forma á fenda para unión de péptidos e impedir a formación dunha conformación pechada.
A cadea invariante tamén facilita a exportación de MHC de clase II desde o RER nunha vesícula. O sinal para marcar o destino endosómico encóntrase na cola citoplasmática da cadea invariante. Esta fusiónase cun endosoma tardío que contén proteínas antixénicas endocitadas (pola vía exóxena). Unirse á cadea invariante asegura que ningún péptido antixénico da vía endóxena que se debía unir a moléculas MHC de clase I se una accidentalmente á fenda das moléculas do MHC de clase II. A cadea invariante (Ii) é despois cortada pola catepsina S (catepsina L en células epiteliais tímicas corticais), deixando só un pequeno fragmento chamado CLIP que permanece unido á fenda das moléculas MHC de clase II. O resto da cadea invariante é degradado. O CLIP bloquea a unión de péptidos ata que o HLA-DM interacciona co MHC de clase II, liberando a CLIP, o que permite que se unan outros péptidos. Nalgúns casos, CLIP disóciase sen ningunha interacción molecular máis, pero noutros casos a unión ao MHC é máis estable.
O complexo estable MHC de clase II + antíxeno é despois presentado na superficie celular. Sen CLIP, os agregados de MHC de clase II desensámblanse e/ou desnaturalízanse nos endosomas e impídese unha correcta presentación do antíxeno.
Importancia química Adxuvante de vacinas A molécula da cadea invariante Ii (fusionada cun vector viral a unha rexión conservada do xenoma do virus da hepatite C, HCV) foi probada como adxuvante para unha vacina do HCV nunha cohorte de 17 voluntarios humanos sans. Esta vacina experimental foi ben tolerada e os que recibiron a vacina con adxuvante tiveron respostas inmunes anti-HCV máis fortes (maior magnitude, amplitude e capacidade proliferativa e células T específicas anti-HCV) comparados con voluntarios que recibiran a vacina que carecía do adxuvante Ii.
A molécula Ii podería tamén ser útil como adxuvante para unha futura vacina da COVID-19, se este efecto potenciador pode demostrarse para aplicar os antíxenos apropiados.
Cancro Atópase en varios tipos de células cancerosas. É unha posible diana na terapia do cancro, por exemplo co fármaco milatuzumab.
Espondiloartrite axial Os autoanticorpos contra o CD74 foron identificados como prometedores biomarcadores na diagnose temperá da enfermidade autoinmune espondiloartrite axial.
Interaccións
O receptor CD74 interacciona coa citocina factor inhibidor da migración de macrófagos (MIF) para mediar nalgunhas das súas funcións.
Funcións de recuperación miniatura|Papel do receptor CD74 en danos tisulares e reparación de feridas. O receptor CD74 exprésase na superficie de diferentes tipos celulares. A interacción entre a citocina MIF e o seu receptor da membrana celular CD74 activa vías pro-supervivencia e proliferativas que protexen contra lesións e promoven a curación en diferentes partes do corpo.
Historia A cadea invariante foi descrita primeiramente por Patricia P. Jones, Donal B. Murphy, Derek Hewgill e Hugh McDevitt en Stanford. A nomenclatura "Ii" procede dun sistema de denominación baseado en Ix (I por Inmune) que era anterior á acuñación do nome complexo maior de histocompatibilidade (MHC).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Grupo de diferenciación Milatuzumab o primeiro Mab que tiña comodiana o CD74
Bibliografía
Ligazóns externas
Resumo no Davidson College (xerado por estudantes) School of Crystallography A cadea invariante
Categoría:Antíxenos CD Categoría:Sistema inmunitario