Mars 1 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 1 de novembro de 1962 mediante un foguete Molniya desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte despois de facelo uns meses antes unha nave xemelga, denominada Sputnik 22, que fallou por un problema do foguete lanzador.

Características Mars 1 era unha sonda de tipo Mars 2MV-4, derivada das sondas Venera e formada por un cilindro central de 3,3 m de longo e 1,1 m de diámetro presurizado a 1,1 atmosferas e con paneis solares e radiadores, así como antenas para a comunicación coa Terra. En total tiña unha masa de 893,5 kg. O cilindro central estaba dividido en dúas seccións: a parte inferior, de 0,6 m de longo, contiña a instrumentación científica, mentres que os 2,7 m superiores contiñan os sistemas de guiado, propulsión e comunicacións, que tiñan lugar mediante unha antena principal parabólica de 1,7 m de diámetro e varias antenas omnidireccionais e semidireccionais. Os paneis solares tiñan unha superficie de 2,6 m2 e alimentaba unha batería de cadmio e níquel cunha capacidade de 42 Amperio-hora. As comunicacións tiñan lugar en tres sistemas de radio con lonxitudes de onda de 1,6 m, 32 cm e 5 e 8 cm. Os instrumentos científicos a bordo incluían un magnetómetro, unha cámara de televisión, un espectrorreflectómetro, sensores de radiación, un espectrógrafo para o estudo do ozono en Marte, un radiotelescopio e un detector de micrometeoroides.

A nave mantivo 61 sesións de comunicación coa Terra durante as cales transmitiu datos científicos do espazo interplanetario. Deixou de transmitir cando estaba a unha distancia de 106 760 000 de km da Terra, posiblemente debido a fallo do sistema de orientación da nave, e antes de chegar a Marte. Mars 1 pasou a unha distancia mínima de Marte o 19 de xuño de 1963, a unhs 193 000 km da superficie, pasando de longo e entrando nunha órbita heliocéntrica.

Resultados científicos Mars 1 rexistrou un impacto de micrometeorito cada dous minutos a alturas entre 6000 e 40 000 km debido á choiva de estrelas das Tauridas, atopando densidades similares a distancias de entre 20 e 40 millóns de km. Medíu intensidades do campo magnético de entre 3 e 4 gammas cun máximo de entre 6 e 9 gammas no espazo interplanetario. As medidas que fixo dos raios cósmicos mostraron que a súa intensidade duplicárase desde 1959. Tamén confirmou a presenza de zonas de radiación arredor da Terra, así como a súa intensidade.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Mars 2 Mars 3 Mars 4 Mars 5 Mars 6 Mars 1M Mars 2MV-4 Mars M-71 Mars M-73 Proton K/D Sputnik 22 Molniya (foguete)

Categoría:Programa Mars