O KAS Eupen (abreviatura de Königliche Allgemeine Sportvereinigung Eupen e coñecido simplemente como Eupen) é un club de fútbol belga con sede en Eupen, provincia de Liexa, que milita na Pro League belga, a máxima categoría do fútbol do país. Foi fundado o 9 de xullo de 1945 pola fusión do Jugend Eupen e o FC Eupen 1920.
Dende a súa fundación, o club xoga os seus partidos como local no Kehrwegstadion de Eupen. O Eupen é o primeiro club belga da Comunidade Xermanófona de Bélxica que xogou na máxima división belga.
Historia
Fundación e primeiros anos O KAS Eupen foi fundado o 9 de xullo de 1945 a partir da fusión de dous clubs máis antigos de Eupen: o Jugend Eupen e o FC Eupen 1920. Xogou o seu primeiro partido oficial o 21 de xullo do mesmo ano, nun torneo festivo durante unha festa nacional.
Poucas semanas despois, o club disputou a súa tempada inaugural na II División Provincial de Liexa. Aínda que en 1947 se construíu a primeira bancada e ao ano seguinte se instalou a iluminación, mellorando así a infraestrutura, o club non puido evitar o descenso á II División Rexional. Baixo o liderado do xogador e adestrador Roger Burgers, o Eupen gañou o primeiro título da súa historia, que se repetiu ao ano seguinte, o que permitiu ao club alcanzar as divisións nacionais por primeira vez en 1951.
A primeira etapa do club nas divisións nacionais foi curta, pero conseguiu un novo ascenso ao final da tempada 1955/56, liderado por Albert Bertrand. Despois dun novo descenso dous anos despois, o club volveu ascender antes en 1961 para estabilizarse nas divisións superiores ata 1969.
Chegado ao club en 1966, Hubert Van Dormael levou ao equipo a un segundo posto na tempada 1967/68, antes de conseguir un histórico primeiro ascenso á Terceira División belga na tempada seguinte, por diante do LC Bastogne e do Herve FC. O club decidiu entón construír unha nova bancada. No proceso, Van Dormael levou ao equipo ao título de Terceira División, o que supuxo o seu primeiro ascenso á Segunda División belga. O equipo gañador do título contou con algúns dos xogadores máis emblemáticos da historia do club, entre eles Werner Pirard e Karl Franssen, o histórico capitán Günter Brüll, así como o porteiro Elmar Keutgen, futuro alcalde da cidade de Eupen e deputado do Parlamento da Comunidade Xermanófona de Bélxica.
Os Cinco de Ouro De cara á súa primeira tempada na segunda división do fútbol belga, o Eupen e o seu adestrador Paul Brossel eran ambiciosos O club fichou a Gerhard Prokop, procedente do Alemannia Aachen, considerado un dos tres mellores porteiros da Bundesliga pola prensa deportiva alemá xunto con Sepp Maier e Manfred Manglitz. O Eupen perdeu o seu primeiro partido na casa contra o FC Malinois pero gañou o seguinte contra o Daring Club Bruxelles de Jean Nicolay, logrando así a súa primeira vitoria na segunda división.
Despois de sobrevivir á súa primeira tempada no segundo nivel, o club conseguiu outra gran fichaxe: Philippe Garot. Unhas semanas máis tarde, un segundo xogador alemán, Helmut Graf, chegou desde o Bonner SC. O Eupen conseguiu de novo a permanencia na segunda división, rematando na décima posición na tempada 1971–72. Ao final da tempada e despois de seis anos no club, Hubert Van Dormael foi substituído por Gerhard Prokop, que asumiu a dirección como xogador-adestrador. Pero a falta de fondos obrigou ao club a desfacerse dalgúns xogadores clave ao final da tempada, entre eles Philippe Garot.
Paul Brossel volveu optar por contratar xogadores en Alemaña, e fíxose co máximo goleador da Rot-Weiß Oberhausen, Ulrich Kallius, que chegou ao Eupen ao comezo da tempada 1972–73. Kallius pasou á historia do club como un dos seus mellores dianteiros, marcando 16 goles en 25 partidos esa tempada. A pesar diso, o Eupen só puido ser 13º.
Aínda con problemas económicos, o club volveu verse obrigado a vender algúns dos seus mellores elementos e Kallius e Graf puxeron rumbo ao Olympique Charleroi. Para compensar estas saídas, Paul Brossel conseguiu fichar outro dianteiro alemán: utilizando o diñeiro recibido pola venda de Kallius, adquiriu a Rainer Gebauer, dianteiro do FC Köln. A tempada 1973/74 supuxo o regreso de Hubert Van Dormael,como adestrador, volvendo Prokop só ás funcións de xogador. Isto deu os seus froitos e no outono o equipo ocupaba o primeiro posto da clasificación da liga, manténdose no liderado ata a última xornada ante o Lokeren. Nese último encontro, o Eupen adiantouse no marcador a falta de 15 minutos, pero o Lokeren empatou de penalti antes de marcar un segundo gol ao final do partido. Isto significou que o Lokeren superase ao Eupen na clasificación, e que se perdese o ascenso directo. O Eupen accedeu entón ao play-off de ascenso, pero a moral desaparecera e o equipo rexistrou seis derrotas noutros tantos partidos.
Á decepción deportiva sumáronse novos problemas económicos que obrigaron ao club a vender de novo os seus mellores xogadores: Gebauer marchou ao Charleroi, Taeter fichou polo Winterslag e Prokop co Aachen. O club, con todo, continuou desenvolvendo a súa infraestrutura, creando a súa primeira xunta directiva e instalando unha nova iluminación no estadio. O equipo continuou con dificultades nas seguintes tempadas, e sufriu o descenso á Terceira División ao final da tempada 1974/75.
Altibaixos miniatura|250x250px| Bancada do Kehrwegstadion, sede do Eupen. Con René Irgel como novo adestrador, o Eupen gañou o título na tempada seguinte, o que lle permitiu regresar á segunda división. Con todo, o club volveu descender ao ano seguinte.
Despois de varias tempadas na terceira división, o club gañou de novo o ascenso ao final da tempada 1980/81. Durante este período producíronse tres grandes cambios: o club optou por centrar a súa política deportiva na formación, o Concello de Eupen comprou as instalacións do club por un período de 30 anos en maio de 1979, e a entidade cambiou o seu nome para converterse no Allgemeine Sportvereinigung Eupen.
Con xogadores principalmente novos, e con Claude Siemianow no banco, o club gañou un novo título da Cuarta División en 1984, regresando así á Terceira División. O máximo goleador da liga por segundo ano consecutivo, Pierrot Thissen, tivo un papel importante neste éxito.
O club permaneceu na terceira división ata o final da tempada 1987/88, cando caeu de novo á cuarta, na que se mantivo varios anos. Incluso foi preciso o retorno providencial da lenda do club, Hubert Van Dormael, para salvar o equipo dun novo descenso na primavera de 1989. A partir de 1992, as actuacións melloraron e en 1995, baixo a dirección de Tony Fagot, o Eupen terminou segundo na liga e volveu acadar a terceira división, esta vez a través dos play-offs de ascenso. Entre os principais xogadores deste período están o porteiro local, Frank Neumann e Frank Mockel.
De volta na terceira división, o club celebrou nesta ocasión o seu cincuenta aniversario, obtendo o título de "Real" o 28 de setembro de 1995. No terreo de xogo, o equipo adestrado por Claudy Chauveheid volveu á parte alta da clasificación. Durante este período, o primeiro equipo estaba formado principalmente por xogadores novos da rexión, como Marc Chauveheid, fillo do adestrador e autor de 90 goles durante a súa carreira no Eupen. Grazas en particular a esta conexión pai-fillo, o club gañou outro título e volveu á segunda división por primeira vez desde 1977. Sorprendentemente, o club optou ao ascenso á Primeira División, que estivo preto de acadar na tempada 2002/03, antes de perder finalmente nos play-offs.
Os resultados do Eupen empeoraron nas seguintes campañas, e tras a saída de Claudy Chauveheid, o equipo caeu ao fondo da segunda división no inverno de 2008. Nese momento, investidores italianos, representados por Antonino Imborgia, tomaron o relevo no Kehrweg. Realizáronse numerosas fichaxes, moitos deles xogadores de Italia e Suíza. O club comezou a primavera con Danny Ost como adestrador e conseguiu evitar o descenso á terceira categoría. N tempada 2009/10 liderou a segunda división durante varias xornadas e finalmente clasificouse por terceira vez na súa historia para o play-off de ascenso á Pro League belga. Aínda que non era considerado favorito antes do play-off, o Eupen logrou un ascenso histórico tras a vitoria por 2-1 sobre o Mons. O ascenso supuxo a primeira vez que un club da Comunidade Xermanófona de Bélxica chegaba á máxima categoría.
Debut na Primeira División A total profesionalización, esixencia marcada pola Primeira División belga para poder xogar na máxima división, supuxo en particular a modernización e ampliación do Kehrwegstadion. Durante as obras, o Eupen xogou os seus primeiros partidos na casa no Stayen de Sint-Truiden. Os seus primeiros pasos na primeira división foron difíciles, e o equipo sufriu cinco derrotas en cinco partidos. Danny Ost foi destituído e substituído por Ezio Capuano. Só permaneceu 19 días á fronte do equipo antes de dimitir e ser substituído por Albert Cartier. Co adestrador francés o equipo foi mellorando aos poucos. No seu debut no estadio reconstruído, o Eupen goleou por 6-0 ao Sint-Truiden, vitoria á que seguiron outros resultados positivos, pero o equipo mantívose loitando contra o descenso durante boa parte da tempada 2010/11. Finalmente, tivo que disputar a fase de permanencia, e acabou descendendo de novo a segunda.
Propiedade de Qatar En xuño de 2012, o club foi comprado polo goberno de Qatar e a súa Aspire Zone Foundation, propietaria tamén do Paris Saint-Germain. A Aspire Academy anunciou a súa intención de usar o club como plataforma de lanzamento ao fútbol europeo para os seus futbolistas das academias de África, América do Sur e Asia. O Eupen acabou segundo na Segunda División 2015/16, conseguindo o ascenso á máxima categoría do fútbol belga por segunda vez na súa historia e acadou a permanencia na seguinte.
A tempada 2017/18 comezou sen os mellores goleadores da última tempada, Onyekuru e Sylla. O Eupen ocupou postos de descenso durante a maior parte da tempada e o adestrador Jordi Condom foi destituído e substituído polo ex internacional francés Claude Makélélé. O KV Mechelen converteuse no seu principal rival pola permanencia, e ambos equipos chegaron á última xornada empatados a puntos pero con mellor diferenza de goles para o Mechelen. O Mechelen gañou o seu partido por 2-0, polo que o Eupen precisaba gañar por tres goles para seguir en Primeira, e conseguino ao golear por 4-0 ao Royal Excel Mouscron, con dous goles de Toyokawa e outros dous do capitán, o asturiano Luis García. Na tempada 2018/19, o club acadou o posto 12º da táboa, evitando loitar polo descenso por primeira vez na súa historia. Palmarés
Nacional Terceira División belga: (3): 1969–70, 1975–76, 2001–02
Cuarta División belga: (2): 1968–69, 1983–84
Rexional
Primeira Provincial de Liexa: (1): 1955–56
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Equipos de fútbol de Bélxica