Roman-Taras Yosypovych Shukhevych (en ) tamén coñecido como Taras Chuprynka e polo seu pseudónimo Tur, nado en Lviv, Galicia, Imperio Austrohúngaro, o 30 de xuño de 1907, e finado na mesma cidade o 5 de marzo de 1950, foi un nacionalista ucraíno e líder militar do Exército Insurxente Ucraíno.

Colaborador dos nazis na Segunda guerra mundial, foi comandante do batallón Nachtigall e capitán do batallón Schutzmannschaft 201. Foi un dos responsables dos masacres de Galicia e Volinia, nos que foron asasinados ducias de milleiros de civís polacos.

Traxectoria Naceu na cidade de Lviv, no Reino de Galicia e Lodomeria, pertencente por aquel entón ao Imperio Austrohúngaro (algunhas fontes afirman que o seu lugar de nacemento foi Krakovets). Seus pais estiveron implicados no renacemento nacional ucraíno no século XIX. Tras estudar fóra de Lviv, regresou á cidade para estudar no Ximnasio Académico de Lviv, ao tempo que vivía co seu avó, o etnógrafo Volodymyr Shukhevych. A súa formación política estivo influenciada por Yevhen Konovalets, o comandante da Organización Militar de Ucraína, a cuxo pai lle alugou unha habitación entre 1921 e 1922.

Educación En outubro de 1926, Shukhevych entrou no Instituto Politécnico de Lviv (chamado entón Politechnika Lwowska - pois a cidade formaba parte da Segunda República Polaca) para estudar enxeñaría civil. En xullo de 1934 rematou os seus estudos de enxeñeiro na especialidade de pontes de estradas. Nesta época era coñecido polas súas habilidades atléticas, polas que gañou numerosos premios. Tamén foi un músico consumado e co seu irmán Yuriy completou estudos de piano e voz no Lysenko Music Institute. Cantou en solitario en ocasións co seu irmán na ópera de Lviv. Durante os seus anos de estudante no Ximnasio, Shukhevych converteuse nun membro activo da organización de escultismo ucraíno Plast, sendo membro da fraternidade Lisovi Chorty. Foi fundador do grupo de scouts "Chornomortsi" (Cosacos do Mar Negro) en 1927.

De 1928 a 1929, realizou o seu servizo militar no exército polaco. Como estudante de estudos superiores, foi enviado automaticamente para a formación de oficiais. Con todo, foi considerado pouco fiable polo que tivo que completar o seu servizo militar como soldado de artillaría en Volinia.

Organización Militar Ucraína En 1925 uniuse á Organización Militar Ucraína (UVO). En 1926 o equipo rexional da UVO ordenoulle asasinar ao superintendente da escola de Lwów, Stanisław Sobiński, acusado de "polonizar" o sistema educativo ucraíno. Roman Shukhevych e Bohdan Pidhainy levaron a cabo o asasinato o 19 de outubro de 1926. Entre 1928 e 1929 realizou o servizo militar no Exército Polaco como artilleiro.

En febreiro de 1929 fundouse en Viena a Organización de Nacionalistas Ucraínos (OUN), da que Shukhevych, baixo o nome de "Dzvin", formou parte.

En 1930 liderou unha onda de ataques contra propiedades e vivendas polacas en Galicia coa intención de provocar as represalias das autoridades polacas e radicalizar a sociedade ucraína. A administración polaca tomou represalias cun proceso de "pacificación" que intensificou o sentimento antipolaco e aumentou o nacionalismo ucraíno.

Shukhevych planificou e participou en actividades terroristas e asasinatos, entre eles os seguintes:

a coordinación dunha serie de roubos a bancos e asaltos a oficinas postais e vagóns co fin de financiar a insurrección continuada. o asasinato o 1 de setembro de 1931 de Tadeusz Hołówko, un político polaco moderado que defendía a autonomía cultural dos ucraínos. O seu asasinato causou conmoción e foi condenado por ambas as sociedades. o asasinato o 22 de marzo de 1932 do comisario de policía Czechowski o intento de asasinato do cónsul soviético en Lviv (Mykola Lemyk asasinou por erro ao emisario especial da NKVD, Alexiy Mayov). o asalto do 30 de novembro de 1932 á oficina de correos de Gródek Jagielloński coa participación directa de Shukhevych, no que morreron varios civís.

Shukhevych, xunto a Stepan Bandera, Stepan Lenkavsky, Yaroslav Stetsko e Yaroslav Starukh entre outros, desenvolveron o concepto de "revolución permanente". Segundo o seu manifesto, o pobo ucraíno, explotado por un ocupante, só podía obter a liberdade mediante un ataque continuado ao inimigo. Como resultado, a OUN asumiu a tarefa de prepararse para unha revolta de toda Ucraína. Shukhevych propagou a idea de que a revolución era un conflito innegociable para derrotar definitivamente ao inimigo.

Participou activamente no desenvolvemento da idea sobre a formación dun exército ucraíno. Daquela existían dous argumentos diametralmente opostos. O primeiro propoñía formar un exército ucraíno de emigrantes ucraínos, mentres que o segundo avogaba por recrutar un exército nacional no oeste de Ucraína organizado por ucraínos.miniatura| Shukhevych (esquerda) durante a Segunda República Polaca en 1930. Prisión O 18 de xullo de 1934, un mes despois do asasinato por parte da OUN do ministro polaco do Interior Bronisław Pieracki, Shukhevych foi arrestado e enviado á prisión de Bereza Kartuska. En decembro de 1935 foi absolto e posto en liberdade por falta de probas incriminatorias.

A partir do 19 de xaneiro de 1935, foi confinado na prisión de Brygitki en Lwów, pola súa pertenza á Executiva Rexional da OUN. O avogado do xuízo foi o seu tío Stepan Shukhevych. Shukhevych foi condenado a tres anos de cárcere; porén, por mor da amnistía de 1935 saíu do cárcere tras pasar medio ano na Bereza Kartuska e dous anos noutra prisión.Piotrowski, Tadeusz. Genocide and Rescue in Wolyn: Recollections of the Ukrainian Nationalist. McFarland & Company, 2000.

Durante o xuízo de Varsovia contra a OUN (18 de novembro de 1935 – 13 de xaneiro de 1936), Shukhevych foi chamado como testemuña. Defendeu o seu dereito a falar en ucraíno polo que foi multado con 200 złoty. Despois de saudar ao tribunal co lema "Gloria a Ucraína ", foi internado de novo. Durante o xuízo de Lwów contra a OUN (25 de maio - 27 de xuño de 1936), foi acusado de traizón e pertenza á organización antigobernamental da OUN e foi condenado a tres anos de prisión. Foi posto en liberdade grazas a unha amnistía o 27 de xaneiro de 1937.

Despois de ser liberado en 1937, creou unha cooperativa de publicidade chamada "Fama", que se converteu nunha ferramenta para as actividades da OUN. Axiña se instalaron puntos de venda en toda Galicia, Volinia e no resto do territorio polaco. Os traballadores da empresa eran membros da OUN, moitas veces presos políticos recentemente liberados. A empresa gozou de éxito e tiña seccións que traballaban coa prensa e o cine, publicaban folletos, imprimían carteis, vendían auga mineral e elaboraban listas de enderezos. Tamén abriu a súa propia sección de transporte.

Ucraína dos Cárpatos En novembro de 1938, a Rutenia dos Cárpatos gañou a autonomía dentro do Estado checoslovaco. Shukhevych organizou axuda financeira para o goberno da incipiente república e enviou membros da OUN para establecer os Sich dos Cárpatos, milicias de soldados nacionalistas ucraínos. En decembro de 1938, cruzou ilegalmente a fronteira de Polonia a Checoslovaquia, viaxando ata a cidade rutena de Khust. Alí, coa axuda dos membros locais da OUN e da intelixencia alemá, estableceu o cuartel xeral para a loita contra o goberno central checoslovaco.

Ademais, en xaneiro de 1939, a OUN decidiu derrubar o goberno autonómico, que lles parecía demasiado pro-checoslovaco. O intento de golpe de Estado produciuse na noite do 13 ao 14 de marzo, en relación coa proclamación da independencia de Eslovaquia, dirixida por Alemaña. Coa axuda de simpatizantes entre a policía, os insurxentes dirixidos por Shukhevych obtiveron as armas da xendarmería, pero os seus asaltos contra as guarnicións do exército checoslovaco fracasaron. Só en Khust 11 combatentes da OUN acabaron mortos e 51 capturados. Porén, despois da creación da República Eslovaca, Estado cliente da Alemaña nazi, o 14 de marzo, e da toma de terras checas por parte dos nazis o 15 de marzo, a Rutenia dos Cárpatos foi inmediatamente invadida e anexionada por Hungría. Shukhevych participou activamente nos enfrontamentos coas forzas húngaras e estivo preto de caer morto.

Tras a ocupación da Rutenia dos Cárpatos por Hungría, Shukhevych atravesou Romanía e Iugoslavia ata Austria. Alí reuniuse cos mandos da OUN e recibiu novas ordes, sendo enviado a Gdańsk para realizar actividades subversivas.

Segunda Guerra Mundial miniatura| Os líderes do Batallón Schutzmannschaft 201, con Roman Shukhevych (sentado, segundo desde a esquerda), 1942.|esquerda Trala invasión nazi de Polonia deu comezo a Segunda Guerra Mundial e creáronse novos desafíos e oportunidades para o movemento nacionalista ucraíno. No outono de 1939 Shukhevych trasladouse a Cracovia coa súa familia onde actuou como contacto para o Comando Nacionalista Ucraíno dirixido por Andriy Melnyk. Organizou o transporte ilegal de documentos e materiais a través da fronteira soviético-alemá e recompilou información sobre as actividades da OUN en Ucraína.

A dirección dos nacionalistas ucraínos non conseguiu chegar a un acordo unificado sobre a táctica a seguir. Como resultado, o 10 de febreiro de 1940, a organización en Cracovia dividiuse en dúas faccións: unha dirixida por Stepan Bandera e outra por Andriy Melnyk, coñecidas como OUN-B e OUN-M respectivamente. Shukhevych pasou a formar parte do Comando Revolucionario da OUN-B encabezada por Bandera, facéndose cargo da sección que se ocupaba dos territorios reclamados polos ucraínos, que despois do pacto Molotov-Ribbentrop foran tomados por Alemaña (Podlaquia, Kholm, Nadsiania e Lemkivshchyna).

Formouse unha poderosa rede para a preparación de actividades clandestinas en Ucraína. Establecéronse cursos de formación paramilitar e preparáronse cadros militares que debían comandar un futuro exército ucraíno. Shukhevych preparou o Segundo Gran Congreso da OUN que tivo lugar en abril de 1941.

Batallón Nachtigall miniatura| Shukhevych, outubro de 1943 Antes da Operación Barbarroxa a finais de xuño de 1941, a OUN colaborou activamente coa Alemaña nazi. Segundo a Academia Nacional de Ciencias de Ucraína e outras fontes, o líder da OUN-B, Stepan Bandera, mantivo reunións cos xefes da intelixencia alemá sobre a formación dos batallóns Nachtigall e Roland. O 25 de febreiro de 1941, o xefe da Abwehr, Wilhelm Franz Canaris, sancionou a creación da "Lexión Ucraína" baixo o mando alemán. A unidade tería 800 membros. Shukhevych converteuse en comandante da Lexión da parte da OUN-B. A OUN esperaba que a unidade se convertese no núcleo do futuro exército ucraíno. Na primavera a OUN recibiu 2,5 millóns de marcos por actividades subversivas contra a URSS.

Na primavera de 1941 a lexión reorganizouse en tres unidades. Unha das unidades pasou a ser coñecida como Batallón Nachtigall, unha segunda converteuse no Batallón Roland, e unha terceira foi inmediatamente enviada á Unión Soviética para realizar actos de sabotaxe na retagarda do Exército Vermello. Despois dun adestramento intensivo, o batallón viaxou a Rzeszów o 18 de xuño, e unha compañía entrou en Lviv o 29 de xuño.

En Lviv, na noite do 20 de xuño, proclamouse a Lei para o establecemento do Estado ucraíno. Non obstante, a administración alemá non apoiou este acto. A primeira compañía da unidade permaneceu en Lviv só sete días, mentres que o resto da unidade uniuse máis tarde durante a súa marcha cara ao leste cara a Zolochiv, Ternopil e Vinnytsia.