Forth Wanderers é unha banda estadounidense de indie rock de Montclair, Nova Jersey, formada en 2013. O grupo está composto pola vocalista Ava Trilling, o guitarrista e compositor Ben Guterl, o guitarrista Duke Greene, o baixista Noah Schifrin e o batería Zach Lorelli.

Historia A banda naceu cando os seus membros aínda ían ao Montclair High School. Forth Wanderers autoeditou o seu primeiro EP, Mahogany, en 2013, seguido polo mini-álbum Tough Love en 2014. Tras conseguir un éxito moderado na escena DIY, incluída unha mención en Twitter da cantante Lorde, o grupo publicou o seu segundo EP, Slop, en 2016. O EP foi co-editado entre Father/Daughter Records os Estados Unidos e Marathon Artists no Reino Unido. En marzo de 2017 a banda tocou no festival South by Southwest.

En 2018, Forth Wanderers fichou polo selo independente Sub Pop e o 27 de abril dese ano lanzou o seu primeiro álbum de estudio, Forth Wanderers. O disco foi producido e gravado en Filadelfia en cinco días no verán de 2017. O disco recibiu unha nota de 7,7 en Pitchfork e Stereogum situouno no posto 20 na súa lista dos 50 mellores álbums de 2018.

No verán de 2018 a banda tiña programada unha xira polos Estados Unidos para promover o álbum, durante a cal ía tocar no Festival Shadow of the City de Jack Antonoff e no Festival Made in America de Jay-Z. O día antes de comezar a xira, o 26 de xuño, o grupo publicou un comunicado escrito por Trilling nas súas páxinas de Facebook e Twitter anunciando que cancelaban a xira debido a un "problema de saúde mental diagnosticado recentemente". O mes seguinte publicaron outro comunicado dicindo que tomarían un descanso no "futuro inmediato".

En maio de 2019 Trilling escribiu un artigo para Vice onde detallaba a súa experiencia ao tratar un trastorno de pánico mentres estaba nunha banda DIY e explicou ademais o seu razoamento para cancelar a xira. A banda non publicou música nova dende Forth Wanderers, aaínda que o compositor e guitarrista lanzou un EP baixo o nome de Ben Special en 2019.

Discografía Álbums Álbum Ano Selo Tough Love 2014 autoeditado Forth Wanderers 2018 Sub Pop Records

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Bandcamp da banda

Categoría:Grupos musicais de Nova Jersey Categoría:Grupos musicais de indie rock Categoría:Grupos musicais formados en 2013