Rastreros é unha banda de rock bravú galega formada en Chantada no ano 1989. Ata a data o grupo leva publicados un EP e dous álbums de estudio. Rastreros foi un dos grupos asinantes do Manifesto de Viana que fundou o movemento bravú.
Historia En 1989 as formacións de dúas bandas previas, La paja cubana e Rozando nos toxos, uníronse para formar Rastreros en Chantada. Esta primeira formación estaba composta por Xesús López Exposito "Heléctrico" (voz), Marcos Sánchez López "Killo" (guitarra), Xulio López Viana "Xullo" (baixo) e Xoán Camilo Gómez Hermida "Richi" (batería).
Rastreros comezou a ensaiar nunha corte na parroquia chantadesa da Quintá tendo un son punk clásico que evolucionou ata mesturar elementos de folk e rock, en gran parte debido á chegada do gaiteiro Óscar Rodríguez.
En 1991 a banda gravou a maqueta Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi e o EP de catro temas Perigo! Animais ceibes, que publicaron en 1992 a través do selo de Moaña Can Records.
Porén, Rastreros non comezaría a ter certa sona fóra da súa comarca ata mediados dos anos 90 cando o seu tema "O sacristán de Basán" comezou a soar no Xabarín Club da TVG. A canción apareceu no segundo volume do recompilatorio A cantar con Xabarín en 1995.
No ano seguinte a fama do grupo continuou medrando ao aparecer "Tratorada" no recompilatorio Unión Bravú, onde Rastreros tamén musicaba a canción de Pinto d'Herbón "Nitramón 15, 15, 15". Ese mesmo ano Edicións do Cumio lanzou o primeiro álbum da banda A piñón fixo, a golpe de pixo.
En 1997 Rastreros achegou a canción "La de la vaca", unha versión en asturiano do seu tema "A da vaca", para o disco L’asturianu muévese, que tiña como obxectivo a reivindicación do asturiano como lingua oficial en Asturias. Ese ano o conxunto tamén tocou no espectáculo A Feira das Mentiras organizado por Manu Chao en Compostela.
Posteriormente Rastreros permanecería inactiva ata o ano 2007, cando colaborou no álbum tributo aos Diplomáticos de Monte-Alto 120 Capadores, onde incluíron o tema "Platinos". O disco presentouse no Castañazo Rock de Chantada, onde Rastreros compartiron escenario con bandas como Ruxe Ruxe e Zënzar.
No ano 2013 o grupo lanzou o sinxelo "O xogo democrático" que incluía os temas "No meu país" e "A galiña dixo Non".
O seu segundo álbum de estudio, Ferro a fondo, lume no lombo, chegaría en 2017. O disco gravouno Iago Pico en Pousada Son Studios, en Ames, tras realizar a banda unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Verkami.
En abril de 2022 Rastreros anunciou a súa nova formación, composta por David (batería), Manuel (baixo), Iván (guitarra), Killo (guitarra), Gaitas (gaita e voz) e Elétrico (voz). Pouco despois a banda iniciou unha xira para celebrar o seu 33 aniversario, e durante a mesma a banda realizaría unha serie de 15 concertos ao longo de toda a xeografía galega durante os seguintes meses, rematando a mesma no Castañazo Rock o 27 de outubro de 2023.
Discografía Álbums Álbum Ano Selo Notas Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi 1991 maqueta Perigo! Animais ceibes 1992 Can Records EP A piñón fixo, a golpe de pixo 1996 Edicións do Cumio álbum Ferro a fondo, lume no lombo 2017 autoeditado álbum
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina da banda Perfil en Facebook Entrevista no Parga Rock 21
Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais de rock Categoría:Grupos musicais formados en 1989