Isagoge (grego: Εἰσαγωγή, Eisagōgḗ), ou Introdución (ás Categorías de Aristóteles), foi o manual de lóxica máis común durante case toda a Idade Media. O seu autor, Porfirio de Tiro, escribiuno en Sicilia entre os anos 268 e 270, segundo comentaristas antigos como Amonio, Elías e David. A obra contén a célebre clasificación dos xéneros e especies dende a substancia até os individuos, coñecida como árbore de Porfirio. Tamén introduce o problema dos universais.

A tradución ao latín de Boecio popularizouse nas universidades medievais europeas, converténdose na base dos desenvolvementos da filosofía e a teoloxía escolásticas nos eidos da lóxica e a metafísica. Autores coma o propio Boecio, Ibn Rushd, Pierre Abélard ou Duns Scotus escribiron comentarios sobre a Isagoge. Outros pensadores, coma William de Ockham, empregárona nos seus manuais de lóxica.

Edicións miniatura|Manuscrito árabe da Isagoge A tradución latina máis antiga, agora perdida, foi elaborada por Marius Victorinus no século IV. O propio Boecio basearíase nesta versión para a súa tradución. Houbo tamén varias traducións ao siríaco, a primeira delas feita no século VII por Atanasio de Balad. Así mesmo, hai constancia dunha edición en armenio, con comentarios de David.

A Isagoge foi vertida ao árabe por Ibn al-Muqaffa, a partir dunha das edicións siríacas, co nome de Isāghūjī. A obra converteuse no manual de lóxica fundamental do mundo islámico, influenciando a evolución da kalam (teoloxía), da falsafa (filosofía), da gramática e da sharia (dereito). A partir dela, moitas obras de lóxica no mundo árabe recibiron o nome de Isāghūjī. O estudo da noción de accidente feita por Porfirio impulsou un longo debate intelectual sobre a aplicación do accidente e a esencia.

Predicables Os predicables (praedicabilis, "aquilo que pode dicirse ou afirmarse") son un termo da lóxica escolástica aplicado á clasificación das posibles relacións que un predicado pode ter co seu suxeito. A listaxe de predicables parte da ofrecida por Aristóteles (Tópicos, 101b 17-25), que inclúe a definición (horos), o genus (genos), a propiedade (idion) e o accidente (sumbebekos). A versión escolástica, que parte da Isagoge de Boecio, modifica a teoría aristotélica substituíndo a definición pola diferenza (diaphora) e as especies (eidos). O método de definición por diairesis, ou diferenciación, xa era coñecido e practicado por Aristóteles.

A árbore de Porfirio alt=Arbor scientiae de Ramon Llull, que emprega a estrutura da arbor porphyriana|miniatura|Arbor scientiae de Ramon Llull, que emprega a estrutura da arbor porphyriana Nos textos medievais, a importantísima arbor porphyriana ou árbore de Porfirio ilustra a súa clasificación lóxica da substancia. Aínda a día de hoxe, a taxonomía emprega conceptos deste sistema para clasificar os organismos vivos, como se pode apreciar na cladística.

O problema dos universais

A pesar de non afondar no problema, a súa formulación do mesmo é unha das seccións máis influentes da súa obra, xa que as cuestións que formula constitúen a base do debate medieval arredor da cuestión dos universais.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Barnes, J. (2006). Porphyry's Introduction. Oxford University Press. Gilson, É. (2014). La filosofía en la Edad Media. Gredos.

Ligazóns externas

Isagoge (Internet Archive)

Categoría:Lóxica Categoría:Obras filosóficas