Miguel Ángel Santiso Mosquera, coñecido como Kuman, nado na Coruña o 14 de setembro de 1991, é un xogador de fútbol, fútbol sala e fútbol praia galego, que xoga no Napoli da Serie A italiana de fútbol praia. Foi tres veces campión de Europa e unha vez subcampión do mundo coa selección española de fútbol praia, coa que debutou con só 16 anos.
Traxectoria Afeccionado ao FC Barcelona, durante a súa infancia comezou a ser alcumado polos seus amigos como "Kuman", por causa dunha camiseta do futbolista Ronald Koeman que usaba continuamente.
Xogou ao fútbol nas canteiras do Ural, o Orillamar, o Calasanz e o Racing de Ferrol, e nos seguintes anos vestiu as camisetas do Betanzos, o Dubra, o Sporting Sada, o Montañeros, o Boiro, o Miño e o Laracha. Ademais xogou ao fútbol sala no Mera FS de Oleiros e tamén en Italia, no Pordenone e no Active Network.
Con todo, foi no fútbol praia onde destacou especialmente. Debutou coa selección española con só 16 anos, na Copa do Mundo de 2007 celebrada no Río de Xaneiro, compartindo equipo cos tamén galegos Amarelle, Nico Alvarado e Roberto Valeiro. En 2010 fichou polo Milano, co que conquistou tanto a liga como a Copa de Italia de fútbol praia. A súa carreira na area continuou en ata sete países diferentes durante os seguintes anos, pasando polas filas do Santos, o Macabbi Netanya, o Vitória, o Alanyaspor, o Chaves, o Marbella, o Grande Motte Pyramide, o Melistar, o Levante e o Napoli.
En 2008 gañou en Bakú o seu primeiro Campionato Europeo coa selección española, repetindo título nas edicións de 2009 en Roma e de 2014 de novo en Bakú. En 2013 disputou en Papeete a final da Copa do Mundo contra Rusia, caendo por 1-5. Deixou a selección en 2016, pola dificultade de compatibilizala coas ligas nacionais, co seu traballo e coa súa familia, pero regresou ao combinado en 2022. No 2023 participou coa selección española nos Xogos Europeos celebrados en Polonia, onde conseguiu a medalla de bronce. En 2024 conseguiu o pase á Copa do Mundo de 2025 nas Seychelles.
Vida persoal Fóra do fútbol traballa no negocio da súa familia, unha pizzería situada en Novo Mesoiro, na Coruña. É curmán do gardameta de fútbol Ian Mackay, xogador entre outros do Deportivo da Coruña e co que coincidiu durante a súa etapa no Ural.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ramiro Figueiras Amarelle Roberto Valeiro Nico Alvarado
Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Narón Balompé Categoría:Xogadores do Betanzos CF Categoría:Xogadores da SD Dubra Categoría:Xogadores do Sporting Sada Categoría:Xogadores do Montañeros CF Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Futbolistas de fútbol praia Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes