Diego Quintela Carril, nado en Arzúa o 6 de agosto de 1991, é un xogador galego de fútbol sala que xoga como á-pivote no Peñíscola, da Primeira División. Foi internacional coa selección española.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol sala aos 6 anos nas escolas deportivas de Arzúa. Xogou tamén ao fútbol herba, pero decidiuse polo fútbol sala e aos 15 anos incorporouse ao Riazor FS da Coruña. En 2008 ingresou no equipo xuvenil do Autos Lobelle de Santiago de Compostela, onde axiña comezou a destacar, gañando na súa primeira tempada a Copa xuvenil en Granada. Na final ante o FC Barcelona marcou o 5-5, forzando unha prórroga que permitiu ao Lobelle gañar na quenda de penaltis.

Na seguinte campaña subiu ao filial e comezou a ser un habitual nas convocatorias de Tomás de Dios co primeiro equipo, debutando na Primeira División aos 18 anos, o 10 de abril de 2010, ante o Sala 10 Zaragoza. As súas boas actuacións nese encontro e nos seguintes, nos que compartiu equipo con xogadores como Alemão, Pola, Aicardo, Eka o Leitão, así como na pretempada seguinte, fixeron que fose subido definitivamente ao primeiro equipo en setembro de 2010. Só uns días despois conquistou en Guadalaxara a Supercopa de España, tendo un gran protagonismo. Nas semifinais ante o Gestesa Guadalajara, anotou o 2-2, forzando a prórroga, na que posteriormente venceron os santiagueses cun gol de Aicardo. Xa na final, o Lobelle derrotou ao poderoso Inter Movistar por 3-2, sendo Quintela o autor do terceiro gol compostelán a falta de 40 segundos para o final.

Durante as súas primeiras tempadas no primeiro equipo, o Lobelle, renomeado en 2012 como Santiago Futsal, ocupou as prazas altas da clasificación e disputou o play-off polo título, acadando as semifinais na 2010/11. Con todo, o club experimentou un declive deportivo e institucional a partir de 2013, última ocasión na que xogou o play-off. Ese mesmo ano, e a pesar de levar varios meses sen cobrar, Quintela rexeitou unha oferta do Inter Movistar que lle multiplicaba o salario e decidiu continuar no equipo santiagués. En 2015 fichou polo FC Barcelona, pero na súa primeira tempada xogou cedido no propio Santiago, marcando 28 goles en 28 partidos de liga.

O 23 de abril de 2016 disputou o seu derradeiro encontro co Santiago, fronte ao Santa Coloma no Multiúsos Fontes do Sar, partido no que ademais debutou o seu irmán menor, Daniel. Ese día recibiu unha homenaxe por parte do club, que retirou o dorsal número 23. Despediuse despois de oito anos no Santiago Futsal, seis deles no primeiro equipo, co que xogou 150 partidos na elite, marcando máis dun cento de goles.

Na tempada 2016/17 xogou no Barça, co que acabou terceiro na liga regular. Nos play-offs polo título acadou a final, que precisou de cinco partidos, ata que o Inter Movistar conseguiu proclamarse campión. En 2017, Quintela fichou polo Palma Futsal, no que militou durante as seguintes tres tempadas, sendo unha peza importante do equipo nas dúas primeiras, nas que rendeu a un gran nivel. Na terceira delas, pola contra, as lesións obrigárono a pasar un ano practicamente en branco.

En 2020 regresou a Galicia, asinando como novo xogador do Burela Pescados Rubén, da Primeira División. Xogou dous anos no club da Mariña lucense, descendendo á Segunda División ao remate da tempada 2021/22. A continuación fichou polo Peñíscola, onde volveu ter como adestrador ao padronés Santi Valladares. Na súa primeira tempada na Comunidade Valenciana, proclamouse campión da Segunda División, logrando así o ascenso a Primeira. En xaneiro de 2024 gañou a primeira edición da Supercopa Comunitat, despois de derrotar ao Alzira na final, na que marcou dous goles. Con todo, unhas semanas despois sufriu unha grave lesión, coa rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.

Selección española Internacional coa selección española sub-21, o 1 de decembro de 2013 debutou coa selección absoluta, nun partido amigable ante Serbia. Disputou varios partidos máis coa selección durante os seguintes tres anos, todos ás ordes do histórico José Venancio.

Palmarés Santiago Futsal Supercopa de España (1): 2010. Copa Galicia (4): 2011, 2012, 2014, 2016.

Burela Copa Galicia (1): 2020.

Peñíscola Supercopa Comunitat (1): 2024.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador no sitio web da Liga Nacional de Fútbol Sala .

Categoría:Nados en Arzúa Categoría:Nados en 1991 Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia