William John Evans, máis coñecido coma Bill Evans, nado o 16 de agosto de 1929 e finado o 15 de setembro de 1980, foi un dos pianistas de jazz máis famosos do século XX, converténdose nunha das principais influencias do piano de jazz de despois dos 50. O seu emprego da harmonía impresionista, a súa interpretación imaxinativa do repertorio tradicional de jazz e as súas liñas melódicas sincopadas e polirrítmicas influenciaron a toda unha xeración de pianistas, entre os que se inclúen: Herbie Hancock, Chick Corea e Keith Jarrett, e o seu traballo segue a inspirar a pianistas máis novos tales coma Fred Hersch, Esbjörn Svensson, Bill Charlap e Lyle Mays así coma a outros músicos tales coma o guitarrista John McLaughlin.

Nado en Plainfield, Nova Jersey, estudou música clásica na Southeastern Louisiana University e na Mannes School of Music, na cidade de Nova York, onde se especializou en composición e recibiu un diploma de artista. En 1955 trasladouse a Nova York onde traballou co líder de banda e teórico George Russell. En 1958 Evans uniuse ao sexteto de Miles Davis, que en 1959, entón inmerso no jazz modal, gravou Kind of Blue, o álbum de jazz máis vendido da historia.

A finais de 1959 Evans deixou a banda de Miles Davis e comezou a súa carreira como líder, formando un trío co baixista Scott LaFaro e o batería Paul Motian, un grupo considerado agora como un trío seminal de jazz moderno. En 1961 gravaron dous álbums durante unha actuación no club de jazz ,Village Vanguard de Nova York, Sunday at the Village Vanguard e Waltz for Debby. Porén, dez días despois desa actuación, LaFaro morreu nun accidente de coche. Tras meses sen presentacións públicas, Evans reapareceu cun novo trío, desta vez con Chuck Israels no baixo. En 1963 Evans gravou Conversations with Myself, un álbum en solitario producido con tecnoloxía de sobregravación (overdubbing). En 1966 coñeceu ao baixista Eddie Gómez, co cal traballaría os seguintes 11 anos. Durante a década de 1970 Evans colaborou co cantante Tony Bennett en dous álbums aclamados pola crítica: The Tony Bennett/Bill Evans Album (1975) e Together Again (1977).

Moitas das composicións de Evans, como "Waltz for Debby" e "Time Remembered", convertéronse en estándares, sendo tocadas e gravadas por moitos artistas. Evans recibiu 31 nomeacións aos Grammy e sete premios, e foi incluído no DownBeat Jazz Hall of Fame."1981 Down Beat Critics Poll". Down Beat. 31 de agosto de 1983

Notas

Categoría:Pianistas dos Estados Unidos de América Categoría:Pianistas de jazz Categoría:Nados no condado de Union, Nova Jersey Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 1980 Categoría:Finados por cirrose Categoría:Estadounidenses de ascendencia galesa Categoría:Estadounidenses de ascendencia rutena