Bai Renfu (chinés tradicional e simplificado: 白仁甫; pinyin: Bái Rénfǔ; Wade-Giles: Pai2 Jen2-fu3), tamén coñecido como Bai Pu (chinés tradicional e simplificado: 白朴; pinyin: Bái Pǔ; Wade-Giles: Pai2 P'u3), nado no 1226 e finado no 1306, foi un dramaturgo e poeta chinés da dinastía Yuan. Está considerado un dos catro grandes dramaturgos de Yuan, xunto con Guan Hanqing, Ma Zhiyuan e Zheng Guangzu.

Traxectoria Bai Renfu naceu en Yuzhou, na actual provincia de Shanxi, nunha importante familia da dinastía Jin. O seu avó traballou na influente Oficina de Asuntos Militares, e o seu pai foi amigo íntimo do poeta Yuan Haowen, quen educaría a Bai Renfu. Porén, a caída dos Jin a mans do Imperio Mongol produciu un cambio radical na sociedade daquel tempo, e deixaría unha fonda pegada no escritor, que tivo que separarse dos seus pais.

Con todo, Bai Renfu logrou un rango honorífico e póstumo no Ministerio de Protocolo da nova dinastía Yuan, tras rexeitar postos similares durante a súa vida.

Publicacións Obras Escribiu dezaseis obras de teatro, das que se conservan tres:

Pei shao jun qiang tou mashang 裴少俊牆頭馬上 ("Sobre o muro"). Tang Ming Huang qiu ye wutong yu 唐明皇秋夜梧桐雨 ("Chuvia sobre a paulonia nunha noite de outono"). Dong Xiuying hua yue dong qiang ji 董秀英花月東牆記 ("O romance do muro leste"). Tamén se conservan varios dos seus poemas nos xéneros ci e fu, así como fragmentos de outras dúas pezas teatrais.

Tang Ming Huang qiu ye wutong yu Tang Ming Huang qiu ye wutong yu é a máis coñecida das súas pezas. Narra a historia do emperador Xuanzong e a súa consorte Yang Guifei, unha das máis coñecidas de toda a literatura chinesa. A narración remóntase a un poema de Bai Juyi (772-846). Na obra de Bai Renfu, a chuvia do título fai acordar ao emperador, lembrándolle a danza da súa xa falecida amada. A súa melancolía é tan fonda que nin o eunuco Gao logra aliviala coas súas palabras.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Bai Renfu (La literatura china traducida en España)

Categoría:Finados en 1306 Categoría:Nados en 1226 Categoría:Escritores da China Categoría:Escritores en lingua chinesa