Sor Fernanda Fernández, nada en Zújar (Granada) en 1755, foi unha monxa e unha das primeiras persoas intersexuais coñecidas en España.

Traxectoria Foi educada nunha familia cristiá e, tendo vocación de relixiosa capuchina, tomou hábito o 10 de abril de 1774 con 18 anos.

Desde o comezo da súa mocidade decatouse que, ao espirrar, tusir ou facer algún esforzo extraordinario, separábase do seu órgano sexual un corpo carnoso duns 3 cm de lonxitude, que logo se volvía ocultar sen causarlle ningunha molestia. Por pudor non reflexionou sobre o fenómeno até os 32 anos, xa que se producían frecuentes desprendementos e movementos involuntarios dese corpo carnoso no seu órgano sexual.

Decidiu contarllo ao seu confesor e pediulle que a extraese do mosteiro, xa que era home e non muller. Porén, os directores que pasaron polo mosteiro no seguintes cinco anos rexeitaron a súa instancia. Atribuíron aqueles estímulos carnais a unha forte histeria e á relaxación do útero ou da vaxina do corpo estraño que tiña. O seguinte confesor, Frei Esteban Garrido, recapacitou fondamente e consultou cos mellores teólogos e físicos. Resolveu pedirlle á superiora do mosteiro que apartase a Sor Fernanda das compañeiras e a custodiase baixo chave até a resolución de Juan Manuel Moscoso y Peralta, arcebispo de Granada.Informado o arcebispo por Frei Esteban Garrido, permitiu que entrase no mosteiro unha comadroa para que a recoñecese e expuxese o seu ditame. Certificouse que era home e foi extraída do mosteiro o 21 de xaneiro de 1792 con traxe de muller segrar. Tivérona nun lugar seguro até que volveu ser recoñecida por dous médicos, dous cirurxiáns e unha matrona. Entre outras cousas, atestaron:

En virtude do exposto afirmaron que, ao prevalecer na persoa os órganos principais do sexo masculino, debía considerarse home.

O arcebispo aceptou o ditame e anulou a profesión de Sor Fernanda Fernández. Fíxoa vestir de home e o 11 de febreiro de 1792 remitiuna aos seus pais, quen seguían vivindo en Zújar. O expediente atópase arquivado na Curia Eclesiástica de Granada.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleno de Céspedes Catalina de Erauso Margarida Borràs

Categoría:Nados en 1755 Categoría:Relixiosos católicos Categoría:Historia LGTB